A Xunta destinará 41 millóns en 2020 para axudas de plans de mellora, incorporacións e pequenas explotacións

A Xunta destinará 41 millóns en 2020 para axudas de plans de mellora, incorporacións e pequenas explotacións

A Consellería de Medio Rural destinará 41 millóns en 2020 para plans de mellora das explotacións agrogandeiras, axudas á incorporación de mozos e mozas e para o desenvolvemento de pequenas explotacións. A convocatoria destas subvencións sairá publicada proximamente no Diario Oficial de Galicia.

Así se anunciou hoxe na reunión do Consello da Xunta en Santiago de Compostela. As axudas, que están cofinanciadas nun 75% por fondos europeos do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 e nun 7,5% por fondos ministeriais, repartiranse do seguinte xeito: 24 millóns para plans de mellora, 14 millóns para novas incorporacións ao sector agrogandeiro e 3 millóns para apoiar as pequenas explotacións.

Trátase da mesma contía prácticamente que as axudas do pasado ano (42 millóns), e as últimas do actual PDR, co que é previsible que as subvencións se reduzan considerablemente nas próximas convocatorias até a aprobación do novo programa.

Desglose das axudas

Os 24 millóns de euros de plans de mellora son para: a reforma ou construción de instalacións e compra de maquinaria que supoñan unha redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade; mellora das condicións agroambientais, hixiénico-sanitarias e de benestar dos animais; ou o almacenamento de xurros, instalación de sistemas alternativos que permitan reducir a carga de fósforo e nitróxeno e cuxo produto interactúe e mellore a estrutura do chan ou sistemas que melloren a eficiencia no uso de fertilizantes nitroxenados.

Así mesmo, impulsarase a diminución do consumo de enerxía ou de auga; a mellora dos sistemas de ventilación e illamento das explotacións gandeiras; a produción de enerxías renovables e bioenerxía para o seu uso nas explotacións agrícolas; a mellora das condicións de seguridade laboral; e a compra de construcións agrarias en desuso, entre outros fins.

No tocante ás axudas para promover a remuda xeracional no agro, que contarán cunha partida de 14 millóns de euros, estarán destinadas aos novos agricultores e gandeiros que non teñan cumpridos os 41 anos de idade, que se establezan por primeira vez nunha explotación agraria, xa sexa mediante a súa creación ou mediante a súa incorporación a unha existente, e que permanezan na actividade durante un mínimo de 5 anos.

Así, a axuda consistirá nunha prima cunha contía básica establecida en 20.000 euros que, non obstante, poderá incrementarse en función do volume de gasto necesario para a posta en marcha da explotación.

Por último, e para apoiar o desenvolvemento de pequenas explotacións, a Administración autonómica destinará 3 millóns de euros. Esta orde estará dirixida ás explotacións agrarias que figuren inscritas no rexistro de explotacións agrarias de Galicia e, en concreto, consistirá nunha prima única de 15.000 euros.

As axudas, que se concederán pola execución do plan empresarial pagaranse en dúas cotas: unha primeira, correspondente ao 60% do importe da axuda, cando acredite o inicio das actuacións incluídas no plan empresarial. E o importe restante, cando se consigan os obxectivos do plan empresarial.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información