A Xunta crea unha mesa para coordinar os 24 grupos de desenvolvemento rural

A Xunta crea unha mesa para coordinar os 24 grupos de desenvolvemento rural

O conselleiro do Medio Rural, José González, puxo en valor o traballo dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural, aos que cualificou dos “nosos ollos no territorio” para facer fronte aos retos do futuro do rural da comunidade galega. Fíxoo esta mañá no acto de creación da Mesa de Coordinación dos GDR de Galicia, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé. No acto, que se celebrou no salón de actos do Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, tamén participaron os distintos presidentes e xerentes dos 24 GDR de Galicia.

Na súa intervención, o conselleiro salientou a importancia da creación dun órgano de traballo coma este, que amosa a vontade de seguir traballando a prol do rural, ademais dun compromiso por xerar sinerxías, priorizando “a coordinación e a transversalidade”, segundo dixo. Este novo organo de traballo e participación, que contará cunha periodicidade de celebración trimestral, permitirá por unha banda abordar temas e propostas de actualidade, procedementos, suxestións de cada un dos grupos, ademais da mellora da visualización do traballo de cada un dos GDR e da comunicación entre eles.

Na súa intervención, o conselleiro sinalou que o Goberno galego está interesado en identificar aqueles proxectos que están funcionando nalgún grupo e que teñen capacidade de chegar á totalidade do territorio. Canalizados a través desta Mesa de Coordinación -engadiu- deben servir para delimitar estratexias no conxunto da comunidade co obxectivo de concibir o rural galego como “un conxunto que ten que evolucionar cara ao que todos desexamos”.

Xornada de formación

Ademais da constitución da Mesa de Coordinación do GDR de Galicia, tamén se celebraron previamente dúas sesións formativas dirixidas fundamentalmente aos traballadores dos GDR. A primeira delas, impartida polo responsable de Control e Estratexia do Fogar de Santiso, Víctor Lama, estivo enfocada á activación do rural; mentres que a impartida polo director de programas estratéxicos de Televés, Sebastián Pantoja, orientouse ás oportunidades que ofrece a dixitalización nas aldeas modelo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información