Xornada de voluntariado forestal no Parque do Lago de Castiñeiras

A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa, en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia, levou a cabo tarefas de conservación en dúas plantacións de castiñeiros, e realizaron unha nova con especies ornamentais na zona do Lago

Xornada de voluntariado forestal no Parque do Lago de Castiñeiras

Unha xornada de deseucaliptización, reposición de castiñeiros e novas especies de alto valor botánico

O Lago de Castiñeiras loce novas especies. A Comunidade de montes San Martiño de Vilaboa promoveu unha dobre xornada de reposición de castiñeiros e de plantación de novas especies de alto valor botánico. A xornada rematou cunha visita guiada polo Roteiro das Mámoas , da man do arqueólogo Benito Vilas, de Árbore Arqueoloxía.

Os traballos foron realizados durante unha xornada de voluntariado convocada pola Comunidade en colaboración coas Brigadas Deseucaliptizadoras de Verdegaia. Ambas partes xuntáronse pola mañá para realizar tarefas de control de abrochos de eucalipto en dúas plantacións de castiñeiros en montes comunais, así como para repoñer castiñeiros. Trátase de terreos para a produción de castaña de variedades tradicionais que, no futuro, contarán cunha extensión de máis 20 hectáreas.

Despois da eliminación de abrochos de eucalipto dirixíronse ao Lago de Castiñeiras para realizar unha nova plantación na zona da entrada, da que previamente se tiñan retirado árbores enfermas. Especies ornamentais e de valor botánico como moreiras brancas, árbores de Santo Outelo, abruñeiros ou nogueiras de Xapón fan parte xa da paisaxe dun parque con vontade de xardín botánico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información