Mazaricos homenaxeou ás persoas que defenderon o monte veciñal

A xornada lembra a figura de Xosé Esperante, 'Che de Pedro', morto en 1963 no conflito en defensa do monte veciñal ante os intentos de usurpación durante o franquismo.

Mazaricos homenaxeou ás persoas que defenderon o monte veciñal

Máis de medio cento de veciñas e veciños participaron hoxe na conmemoración do III Día de Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal en Eirón (Mazaricos). A xornada recolle a memoria de Xosé Esperante, Che de Pedro, veciño do municipio morto en enfrontamentos en defensa do monte veciñal durante o franquismo, e de todas as persoas que naquel día pero tamén en calquera momento e lugar de Galicia defenderon este modelo de propiedade fronte aos intentos de usurpación.

A xornada deu comezo coa apertura por parte da organización, o Instituto Galego das Terras Comunitarias (INGATECO), e a benvida do alcalde, Juan Blanco, quen recoñeceu o carácter emotivo desta conmemoración e da súa importancia para a posta en valor dun modo de vida como é o do rural. Tivo tamén palabras de agradecemento pola súa presenza a todas as persoas asistentes e á familia de Xosé Esperante.

Posteriormen, tivo lugar a charla “O futuro dos Montes Veciñais en Man Común na Galiza rural do século XXI” a cargo do profesor do departamento de Economía Aplicada da USC e antigo director xeral de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, Edelmiro López Iglesias. O poñente fixo fincapé en retos presentes e futuros deste modelo, reclamando que a visión sobre o mesmo vaia alén do punto de vista sectorial forestal, considerando o monte veciñal como un recurso para o desenvolvemento socioeconómico das comunidades rurais, destinado a usos diversos e cun marco legal que impulse a produtividade mantendo a propiedade.

Ao remate da intervención do profesor López Iglesias, foi a quenda de intervención de Xosé Alfredo Pereira, presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), que celebra 25 anos de existencia. Pereira recorreu a historia da organización e salientou como o seu nacemento foi resultado da autoorganización das propias comunidades de propietarios.

A continuación, a xornada trasladouse ao monumento a Che de Pedro nos montes de Eirón, onde se colocou unha ofrenda floral e interviñeron os seus familiares.

A morte violenta de Xosé Esperante

O veciño de Eirón Xosé Esperante, ‘Che de Pedro’, morreu en 1963 no marco dunha das loitas, frecuentes na Galicia da época, de defensa do monte veciñal. Durante o franquismo establecéronse mudanzas lexislativas que supuxeron a repoboación de milleiros de hectáreas de monte galego sen ter en conta á veciñanza. Procesos nos que os concellos actuaban como intermediarios co Estado central, sen defender os intereses das e dos veciños. O resultado foi que se impediu a xestión local destas propiedades veciñais, alterando gravemente os ecosistemas e a súa relación co mundo agrícola. Na práctica, milleiros de labregos foron privados dos seus montes.

Che de Pedro foi unha das vítimas deste proceso, decote acompañado pola violencia. Durante a repoboación do monte do Outeiro, a veciñanza mobilizouse contra a expropiación dos seus terreos. As forzas de seguridade franquistas abriron fogo, ferindo gravemente a Xosé Esperante e outros dous veciños. Esperante morrería pola falta de atención médica no monte.

O episodio marcou un punto de influencia na loita comuneira, forzando á administración a reconsiderar a súa política. Esta resistencia, sumada á chegada da democracia na década seguinte, callaron na recuperación de moitos montes por parte dos seus verdadeiros donos.

Por tanto, a figura de Che de Pedro e a súa loita, xunto coas dos seus compañeiros, que cumpriron penas de prisión, representan un capítulo fundamental na reivindicación das comunidades veciñais do dereito a xestionar o seu propio territorio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información