‘A xestión do lobo ibérico’

O caso de Estados Unidos, que protagonizou unha recuperación espectacular do cánido no Medio Oeste, serve de motivo de reflexión sobre a situación española. Artigo do biólogo Pedro Alonso

‘A xestión do lobo ibérico’

Foxo do lobo en Viana do Bolo, un tipo de construción tradicional para a caza do lobo da que quedan restos amplamente espallados en Galicia e Norte de Portugal.

Nos EEUU, excluíndo Alaska, estimouse en 1968 que a poboación de lobos non sobrepasaba os mil exemplares, localizados nunha porción do Medio Oeste, principalmente en Minnesota. Por esta razón, ese mesmo ano o lobo gris incluíuse na denominada ‘Endangered Species Preservation Act’ e, posteriormente, ao se reformar esta norma, a especie incluiríase na denominada ‘Endangered Species Act (ESA)’ de 1973. A protección supuxo o cesamento da súa persecución e o comezo dun incríbel proceso de recuperación.

Gradualmente, o lobo foi recuperando o espazo perdido e conformando unha florecente poboación en varios dos estados do Medio Oeste. Minnesota pronto alcanzou, en 1997-98, os 2400 exemplares. Wisconsin, que apenas contaba cun feixe de lobos en 1983-84, vinte anos máis tarde superaba os 400 e Michigan, que tiña apenas unha ducia de exemplares en 1991, en 2010 superaba os 600 exemplares.

Nesta viaxe de volta, o lobo iría progresivamente franqueando os limites numéricos recomendados de poboación mínima para garantir a súa supervivencia nos tres estados citados. En Minnesota isto acontecería en 1990, en Michigan en 2000 e en Wisconsin en 2004. De maneira que o 27 de Xaneiro de 2012 o United States Fish and Wildlife Service excluíu o lobo na zona de Western Great Lakes do listado que o protexera ao longo de 34 anos. E entre 2012 e 2014 a poboación existente en Minnesota, Wisconsin e Michigan foi sometida a un plan de manexo para reducir os seus efectivos.

Reinicio do control
En tres anos matáronse case 1400 lobos. A enorme presión e denuncias dos colectivos de “wolf supporters” lograron a reincorporación do lobo á ESA despois dunha decisión xudicial dun tribunal federal. Tras un novo período de crecemento da poboación, os efectivos de lobo nestes tres estados cífranse nuns 2600 lobos en Minnesota, 900 en Wisconsin e 695 en Michigan, moi lonxe da poboación mínima recomendada de 1600, 350 e 200, respectivamente. En Outubro de 2020, o goberno de Trump excluíu o lobo novamente da ESA no territorio dos 48 estados. Agárdase por un novo período de control letal neses tres estados.

Pódese extrair algunha conclusión práctica da experiencia dos EEUU? Pois posibelmente si. E para iso, nada como aproveitar os momentos que atravesamos para comprender mellor as dimensións dun problema e saber cando é oportuno actuar.

“A filosofía é a de facer un grande esforzo cando o problema é pequeno, para evitar facer o imposíbel cando a súas dimensións son xa desproporcionadas”

Hoxe mesmo, cando se escreben estas liñas, Nova Zelandia anuncia restricións e confinamentos parciais porque en Auckland se detectaron tres casos de coronavirus… A filosofía é a de facer un grande esforzo cando o problema é pequeno, para evitar facer o imposíbel cando a súas dimensións son xa desproporcionadas. Existen múltiples exemplos prácticos desta perspectiva, que podemos chamar “de antecipación”.

Na actualidade, nunha contorna na que a economía, os mercados e a política presentan elevadas doses de volatilidade, cobra maior importancia algo que ven denominándose “antecipación de competencias”, para o que existen verdadeiros corpus metodolóxicos para non errar e dotarse de auténticas ferramentas que poidan axudar as persoas, as empresas e os responsábeis políticos a tomar decisións ben fundamentadas.

No caso de que a inclusión do lobo no listado de especies en réxime de protección especial supoña verdadeiramente unha boa ferramenta de protección, cousa que poño en dúbida de forma veemente, o escenario que nos encontraremos á volta de 15 anos obrigaría a actuar de forma parecida ao acontecido nos EEUU.

Digo-o porque se partimos de que a taxa media anual de crecemento de poboación dunha especie como o lobo, en áreas onde goza de protección, se sitúa en valores de lambda λ =1.10-1.20, podendo chegarse a valores de 1.5 ou maiores en zonas onde estea ausente e encontre boas condicións ecolóxicas, isto pode permitir un proceso de crecemento demográfico de manual. A partir de, por exemplo, 10 lobos, transcorrido un ano podería haber 11, 12 ou 15 e en 15 anos poderíase alcanzar facilmente os 500 ou 600 lobos.

“A inclusión do lobo no listado de especies en réxime de especial protección obrigaranos a actuar de xeito parecido ó acontecido en Estados Unidos á volta de 15 anos”

A pregunta é obvia. É mellor abordar un control de poboación de 50, 100 ou 150 exemplares cada ano en toda a área da poboación ibérica de lobos ou preferimos vivir a “vida loca” e asumir, á volta da esquina, que hai que sacrificar 500?

Sería interesante coñecer a resposta a este interrogante ou os escenarios que se manexan desde o think tank ministerial que defende a protección nunhas circunstancias tan afastadas de Yellowstone. Digo-o porque igual, para esa viaxe, non precisamos destas maletas.

* Pedro Alonso Iglesias

* Pedro Alonso é biólogo, con dilatada experiencia no censo e seguemento de poboación do lobo ibérico.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información