‘Lobos, cando se xoga coas cousas de comer’

Artigo de opinión de Pedro Alonso Iglesias, biólogo e especialista no estudo do lobo

‘Lobos, cando se xoga coas cousas de comer’

Mastín de defensa do gando. / Imaxe: Beealia.

Recentemente, nunha situación inédita, a Comisión de Patrimonio Natural do Ministerio para a Transición Ecolóxica impuxo a aritmética como criterio decisorio na súa última reunión. Entre outros temas, discutíase a necesidade de incluír a rula no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (CNEA) e o lobo no Listado de Especies Silvestres en réxime de Protección Especial (LESRPE).

Nunca antes a citada comisión adoptara unha decisión por votación, sempre abondou o criterio do consenso. Pero, por primeira vez na súa historia, quen coordina esta comisión considerou que deliberar e decidir sobre a especie máis conflitiva da fauna ibérica, a que máis polarización desata e a que máis debate provoca, non debía facerse por consenso.

Nada máis democrático que impoñer a aritmética das votacións. Vinte votos, un por cada comunidade e cidade autónomas e un outro en representación do Ministerio. Así, as Illas Canarias, as Baleares, a Comunidade de Murcia, a Comunidade Valenciana ou Ceuta e Melilla poderían opinar e decidir sobre a xestión dunha especie como o lobo e sobre a problemática que xera, aproveitando que gozan dun coñecemento extenso e profundo da cuestión. Bastaría, se aparecesen dúbidas, ilustrar a reunión cun documentado e nutrido ditame científico sobre o cal amparar a decisión.

“Canarias, Baleares, Murcia, Ceuta e Melilla poden decidir sobre a xestión do lobo, aproveitando que gozan dun coñecemento extenso e profundo da cuestión”

Así que a comisión votou e decidiu que o lobo fose incluído no citado listado. Non importou que as comunidades autónomas que albergan 293 dos 297 grupos familiares que se estima existen no Estado Español (98.6%, datos de 2015) se opuxesen vehementemente a esa inclusión. Finalmente, impúxose unha decisión que comparte e reparte vontade democrática, rigor científico, prudencia institucional e responsabilidade cívica en similares proporcións.

O ditame científico

O comunicado do Ministerio de Transición Ecolóxica afirma que “con esta proposta de inclusión de todas as poboacións españolas de lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial se atende ao dictame do Comité Científico que recomendou a súa protección ao considerar “a súa importancia como patrimonio cultural, científico, así como os servizos ambientais que produce a presenza desta especie nos ecosistemas naturais”.

E incidindo nesta última apreciación, a nota ministerial prosegue: “ o feito de que se trate dunha especie chave para o funcionamento dos ecosistemas, que a súa área de distribución abranga territorios de varias Comunidades Autónomas e que o número destas se teña incrementado nos últimos tempos, así como as ameazas que afectan á especie facían necesario unha focaxe de actuación común para que a xestión e conservación do lobo sexa coherente en todo o territorio español, asegure a súas poboacións e distribución a longo prazo e garanta a coexistencia co home (sic)”. Noutro parágrafo, na nota afírmase que “tras a decisión da Comisión Estatal, aprobarase próximamente unha orde ministerial pola que todas as poboacións de lobo españolas queden incluidas no Listado.”

A elaboración do tal ditame científico, que consta de 5 páxinas, está motivada pola solicitude formulada no seu dia ao Ministerio pola asociación ASCEL (Asociación para la Conservación y Estudio del Lobo) para que se incluíse o lobo na Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (CNEA). A conclusión principal do ditame recóllese no apartado 3, no que se inclúe un “no se recomienda” e mais un “se recomienda”.

O documento está dividido en dúas seccións. Unha primeira avalía a oportunidade de incluír o lobo como especie vulnerábel no Catálogo Nacional de Especies Ameazadas (CNEA) e unha segunda parte que valora as razóns de incluí-lo no Listado de Especies Silvestres en réxime de Protección Especial.

Criterios
O ditame desestima a solicitude de ASCEL porque non se cumpre un dos requisitos para a citada inclusión no catálogo, que é o relativo a que a especie que se pretenda incluír debe ter experimentado unha redución moi importante, maior ou igual ao 50%, da súa área de distribución histórica ao longo dos últimos 100 anos e que, encontrándose en recuperación, aínda non recuperase a súa presenza no 50% da súa área histórica, a pesar de existir hábitat adecuado.

Na segunda parte, ao valorar a inclusión no Listado onde finalmente foi incluído por votación, o ditame dedica pouco máis dunha páxina para argumentar o porqué do seu consello de incluír o lobo nese listado. As argumentacións poderían incluírse no denominado arte esquemático ibérico do Calcolítico, pola súa estrema pobreza definidora. Constitúen en si mesmas unha mostra de estilo figurativo que prescinde dos trazos particulares e abraza unha descritiva tan xenérica e abstracta como afastada da realidade actual na que se encontra o territorio ocupado polo lobo ibérico. Reproducimos o parágrafo no que se sustancia a decisión do comité científico:

“As argumentacións da Comisión poderían incluírse no denominado arte esquemático ibérico do Calcolítico, pola súa estrema pobreza definidora”

“Os autores do informe (refírese ao informe orixinal de ASCEL no que basea a súa solicitude de inclusión no CNEA) detallan as evidencias do importante valor ecolóxico dos grandes carnívoros e en concreto do lobo como parte fundamental do funcionamento dos ecosistemas (Ripple et al. 2014; Beschta e Ripple, 2019; Dickman et al, 2019). En canto ao seu valor cultural é indubidable, e xunto aos seus argumentos pode sinalarse a importancia do lobo nos procesos temperáns de domesticación, cuxo estudo ten dado lugar ao desenvolvemento de parte da bioloxía evolutiva. Todo isto fai que este Comité aconselle a inclusión de todas as poboacións da especie no LESRPE.”

Esta é a principal argumentación do ditame do comité.

Ecosistemas naturais e ecosistemas modificados

A ciencia ten clara a definición de “ecosistema natural”. Basta consultar calquera manual universitario de ecoloxía para lembrar ese concepto. Resulta pois chocante, cando menos, que sexa un ditame dun comité científico o que volva pór na mesa o debate das distintas implicacións ecolóxicas que teñen os ecosistemas naturais e os ecosistemas modificados polo ser humano. Pero lembremos que algunhas das diferencias son as relativas á sustentabilidade e á necesidade da intervención humana.

Na actualidade, a área histórica de distribución do lobo ibérico está maioritariamente ocupada por ecosistemas modificados polo ser humano. Pouca e escasa en superficie é a representación de ecosistemas naturais. A nivel lexislativo existía unha figura legal destinada a ofrecer o necesario paraugas protector aos ecosistemas naturais, que era a figura do Parque Nacional, finalmente pervertida pola lóxica política.

Poderíamos considerar, pois, que en boa parte da súa actual área de distribución ibérica o lobo desenvolve a maioría do seu ciclo vital, en termos espazo-temporais, en ecosistemas fortemente alterados, nos que a intervención humana non só é dominante, senón determinante para o seu mantemento e conservación tal como os coñecemos.

Neses ecosistemas tan alterados, o chanzo dos consumidores primarios, os herbívoros, repártese entre as especies silvestres e as domésticas. Non existe sucesión ecolóxica e a posibilidade de discernir cascadas tróficas só acontece a nivel de micro-escala. As relacións ecolóxicas depredador-presa non son cíclicas porque están mediatizadas pola intervención humana.

“O lobo desenvolve a maioría do seu ciclo vital en ecosistemas nos que a intervención humana é determinante para o seu mantemento e conservación”

A poboación dos depredadores non se auto-regula en momentos de escaseza, porque o ser humano repón sempre o estante onde o lobo selecciona os seus produtos de consumo. Imaxinar servizos sanitarios e de selección natural nun sistema gandeiro que se rexe por prácticas de alimentación, atención sanitaria e reprodución controladas para obter o máximo beneficio económico é simplemente unha falacia. Quen pode defender que a función ecolóxica que o lobo exerce nun territorio salvaxe como a taiga canadiana, se poida equiparar coa incidencia ecolóxica e económica que o acompaña nas serras litorais, onde un mosaico de extensos eucaliptais e sucesións de prados gandeiros anulan calquera perspectiva ecolóxica?

Abondando na cuestión da auto-regulación, neses ecosistemas modificados polo ser humano, a principal especie que ocupa o chanzo dos depredadores escolle maioritariamente os herbívoros domésticos por razóns de aforro enerxético. O lobo non precisa auto-regular os parámetros demográficos nada máis que no momento en que alcanza a saturación da capacidade de carga territorial. Alí onde as marxes de mellora na protección do gando son ben estreitas, a única forma de manter estábel o número de reses e, por tanto, de garantir o cumprimento dos compromisos produtivos das axudas da PAC é a reposición do gando que morre nos ataques.

A poboación dos depredadores non se auto-regula en momentos de escaseza, xa que o ser humano repón sempre o estante onde o lobo selecciona os seus produtos de consumo

O lobo nunca encontra o estante baleiro. Por iso a súa poboación aumenta até se equilibrar cos recursos disponíbeis. Mudar esta realidade non é doado. Diversificar a contorna natural das explotacións gandeiras, incrementando a presenza de ecosistemas forestais autóctonos pouco manexados para incrementar as densidades das especies de herbívoros silvestres, leva o seu tempo e non se mide en termos de lexislatura de goberno. Mentres tanto, quen ampara o dereito a vivir e a producir no mundo rural?

O papel do ser humano

A lóxica política, así como perverteu o sentido orixinal dos parques nacionais, permitindo a declaración como tal dun espazo cuberto en máis do 99% da súa superficie arborada por piñeiros e eucaliptos (Illas Cíes e Ons), tamén é capaz de perverter o papel das sociedades rurais no mundo do século XXI.

O lobo ocupou hai apenas cen anos boa parte da Península Ibérica. Nese lapso de tempo, a persecución humana e as transformacións do espazo rural modificaron de tal forma a antiga casa dos lobos que estes acabaron relegados á esquina noroeste da península.

Dentro dese refuxio había posibilidades para sobrevivir alí onde as condicións ecolóxicas o permitiron, algo que na nosa terra se debe, entre outros factores, á existencia das bestas do monte, os nosos cabalos bravos, e a unha montaña oriental na que abondaban os corzos.
De maneira que un feixe de grupos de lobos mantivo acesa a chama da especie e foi criando sucesivas proles. E como nunha viaxe de volta, esas novas xeracións foron paulatinamente recolonizando o territorio, a medida que o ser humano o abandonaba nunha dinámica ditada pola lóxica mercantilista.

“A inclusión do lobo no listado de especies en réxime de protección especial non vai supoñer unha mudanza positiva para esta especie. Quen hoxe manifesta a súa alegría por este cambio non é consciente dos perigos que se desatan”

A mesma lóxica dos mercados que procura o seu macro-dimensionamento en paralelo ao esgotamento dos recursos naturais. Vemos que cando estes colapsan ou cando a súa escaseza é un feito, esa lóxica materialista procura novas formas de produción. Comprobámolo na dialéctica dos caladoiros de pesca e as macropiscifactorías. E na outra grande fonte de proteína animal para consumo humano, o que hoxe son pequenas iniciativas empresariais dirixidas ao ensaio pioneiro, no futuro próximo serán grandes naves biotecnolóxicas que producirán carne clonada de laboratorio. A lóxica do exceso. Por exemplo, en lugar de consumir menos enerxía, aumentamos o seu consumo e poñémoslle o apelido verde ou renovábel.

Que lugar reservamos para a sociedade rural?. Aceptamos o abandono do territorio. Cada vez, superficies maiores de terras agrarias e de monte son xestionadas desde as vilas cara onde emigraron os antigos moradores. Un inmenso baldío demográfico que deixa paso á hecatombe ecolóxica do eucalipto. E como a pinga que cae na pedra, trasládanse á opinión pública incesantes mensaxes acerca da necesidade de regular as producións cárnicas, sen discriminar entre produción intensiva e aproveitamentos tradicionais seculares.

Sen medo a esaxerar, como nunha nova Moicania, ameazados pola lóxica mercantil de Ence e o proteccionismo exaltado, viven os nosos últimos labregos das terras do norte. Observando como se reproducen e multiplican os valores e formas de vida urbana. Criando fillos e fillas que abrazarán eses valores. Non é unha colonización premeditada. É un etnocidio, dubido que involuntario.

“A decisión da Comisión imposibilitará o diálogo, a convivencia e a resolución dun conflito que se agravará”

Unha decisión imprudente

A inclusión do lobo no listado de especies en réxime de protección especial non vai supoñer unha mudanza positiva para esta especie. E a forma como se fixo só vai avivar os rescaldos dunha actitude que parecía amainar. Quen hoxe manifesta a súa alegría por este cambio non é consciente dos perigos que se desatan. É realmente doado matar un lobo e son tantos os inimigos que ten que non fai falta pararse a lembrar o dano que poden facer lazos, velenos e batidas furtivas camufladas. Resulta relativamente elemental ter a certeza da existencia dun grupo de lobos. Máis arduo é descobrir que pasou cando desaparece.

“O lobo non é unha especie ameazada. A evolución recente da súa poboación así o demostra. O que si está ameazado é o territorio que ocupa”

A decisión desta comisión é desafortunada, imprudente, irresponsábel e leva aparellado o descrédito institucional. Só se comprende en termos de dialéctica electoral. Mais o custo pode ser enorme. Sobre todo porque imposibilitará o diálogo, a convivencia e a resolución dun conflito que se agravará unha vez desenvolvido o novo escenario lexislativo. Mais do que unha decisión cabal, parece unha frivolidade.

O lobo non é unha especie ameazada. A evolución recente da súa poboación así o demostra. O que si está ameazado é o territorio que ocupa. A tendencia que parece albiscarse é a dun espazo futuro onde grandes parcelas se renaturalizarán e outras sufrirán unha intensificación do seu deterioro ecolóxico. Nesa hipótese, parece claro que os lobos sobrevivirán aos labregos. Non foi un día para alegrarse.

* Pedro Alonso Iglesias

* Pedro Alonso Iglesias é biólogo e especialista no estudo do lobo. Foi co-guionista do documental ‘Entre pastores e lobos’ (2020), gravado nas serras do Macizo Central de Ourense.

2 ideas sobre “‘Lobos, cando se xoga coas cousas de comer’

  1. Xiana

    Que explicación tan clara e real. Puxeches en orde todo o que me rondaba estes días a cabeza. Todo. De principio a fin. Efectivamente, non é unha boa nova. En absoluto.
    Un gusto ler este artigo.
    Un disgusto que non sexa xente coma ti a que toma este tipo de decisións.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información