A Xunta acaba de habilitar Xalea, unha nova aplicación informática configurada para a xestión integral de toda a tramitación das solicitudes de axuda a través da medida do Leader dunha forma sinxela. Pode accederse a ela a través dunha ligazón na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural. Así mesmo, tamén se incorpora unha completa Guía de Axuda para facilitar o manexo desta ferramenta informática. Os interesados teñen de prazo ata o 31 de xaneiro para presentar as súas solicitudes.
Precisamente, esta nova ferramenta lánzase ao abeiro da última convocatoria, que se publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 29 de decembro de 2022, cun orzamento de 15,3 millóns de euros para as anualidades 2023-2024. Trátase da sexta convocatoria deste tipo no que vai no período 2014-2020, prorrogado por dous anos. Estas axudas enmárcanse dentro da submedida 19.2 da medida Leader do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020.
Este orzamento está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), nun 2,5% pola Administración Xeral do Estado e nun 22,5% pola Xunta de Galicia, as seis convocatorias deste período Leader supoñen unha axuda pública de 90,3 millóns de euros.
Así, esta orde de axudas busca mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e dotar de servizos á poboación destas zonas, favorecendo a mellora do seu nivel de vida e a inclusión social, entre outros aspectos. Tamén, pretende favorecer a ocupación sustentable do territorio, prestando atención especial aos colectivos máis desfavorecidos, como as mulleres, as persoas mozas, con discapacidade ou persoas maiores.
Ligazón onde poder acceder a Xalea:
https://agader.xunta.gal/gl/gdr/programa-leader/nova-convocatoria-leader/