Normas para executar as axudas do programa Leader en Galicia no período 2023-2027

As axudas para os proxectos subvencionables poderán alcanzar os 200.000 euros, nunha porcentaxe máxima do 50 % do investimento no caso dos proxectos produtivos e do 90 % nos non produtivos . O “Bono Activa Rural” supón unha das principais novidades para fomentar o emprego no rural a través dunha axuda a tanto alzado de ata 18.000 euros, coa obriga de manter a actividade durante polo menos cinco anos

Normas para executar as axudas do programa Leader en Galicia no período 2023-2027

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural -dependente da Consellería do Medio Rural- pola que se establecen as condicións e os obxectivos para garantir a idónea execución do Programa Leader para o período 2023-2027, así como as regras para a elaboración das estratexias e os criterios de puntuación referidos aos territorios correspondentes ás estratexias de desenvolvemento local que sexan seleccionadas.

Tipos de proxectos subvencionables

Na resolución indícase que os proxectos que sexan subvencionados deben estar localizados no ámbito territorial do GDR, ser viables técnica e financeiramente (se son de natureza produtiva tamén deben ser viables economicamente), cumprir coa normativa sectorial aplicable, non estar iniciados no momento da presentación da solicitude de subvención, e ter encadramento na estratexia de desenvolvemento que aprobará cada GDR.
Considéranse proxectos produtivos aqueles investimentos que supoñan a creación, modernización ou ampliación de todo tipo de empresas que desenvolvan actividades non agrarias e supoñan unha actividade económica con fin lucrativo para a produción de bens e/ou servizos. Ao tempo, deberán conlevar a creación e/ou mantemento do nivel de emprego. A intensidade da axuda poderase situar nun mínimo do 15 % e nun máximo do 50 % do investimento total subvencionable, estando o importe de axuda limitado a un máximo de 200.000 euros.

Os proxectos non produtivos son aqueles que teñan un interese público ou colectivo e non supoñan o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica con finalidade lucrativa (dirixidos a entidades públicas e entidades privadas sen ánimo de lucro). A intensidade da axuda situarase entre un mínimo do 30 % e un máximo do 90 % do investimento total subvencionable, podéndose establecer diferentes categorías de prioridade. O importe de axuda estará tamén limitado a un máximo de 200.000 euros.

Por outra banda, o programa Leader debe prever a posibilidade de apoiar proxectos vinculados aos diferentes instrumentos establecidos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra -como son os polígonos agroforestais, as agrupacións e as actuacións de xestión conxunta e os proxectos de ordenación produtiva das aldeas modelo- como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural, como son os plans de dinamización do núcleo rural das aldeas modelo.

Bono activa rural

A presente resolución incorpora unha nova forma de fomentar o emprego no rural que ata o de agora non se contemplaba nos programas Leader anteriores. Deste xeito, os grupos poderán recoller nas súas respectivas estratexias a posibilidade de conceder unha axuda de ata 18.000 euros en dúas anualidades, coa obriga de manter a actividade durante polo menos cinco anos, a contar dende a data da alta censual.

Así, o Bono Activa Rural configúrase como unha subvención que se basea nun importe de axuda a tanto alzado destinado á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non estará vinculada á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón que se vincula ao mantemento da actividade e ao cumprimento do plan empresarial presentado pola persoa seleccionada durante un determinado período de tempo. Este plan empresarial deberá demostrar a viabilidade económica e técnica da empresa, apoiándose para iso nas condicións de mercado. Os proxectos que se beneficien desta modalidade de axuda concorrerán cos demais proxectos de natureza produtiva que se presenten ao abeiro das diferentes convocatorias.

As persoas beneficiarias desta tipoloxía de proxectos son as persoas físicas, que se dean de alta no réxime de traballadores autónomos e xeren unha actividade empresarial a título individual na que polo menos creen o seu posto de traballo, sempre e cando non estivesen dadas de alta no réxime de autónomos na mesma actividade para a que se solicita a axuda nos últimos tres anos e que opten por esta modalidade na correspondente solicitude.

Enlace á resolución do DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230510/AnuncioO90-280423-0001_gl.html

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información