Unións pide accións de prevención dos danos do xabarín na campaña do millo

A organización agraria considera que Xunta e Tecores teñen que iniciar medidas, dada a preocupación que hai no agro polo porco bravo, “que campa as súas anchas durante o confinamento”

Unións pide accións de prevención dos danos do xabarín na campaña do millo

O sector está preocupado polos posibles danos do xabarín na sementeira do millo. / Arquivo.

Unións Agrarias advirte da preocupación que existe no agro ante a inmediata campaña de sementeira do millo, que comeza a partir de maio, “pois detéctase unha notable presenza de xabaril ao pé das casas e dos cultivos, ao reducirse a presenza humana no agro como consecuencia das medidas de confinamento da loita contra o covid-19”, sinala a organización en nota de prensa.

Unha vez rematada a campaña de caza a finais do mes de febreiro, e estando xa declarada a veda ata o mes de setembro, só se autoriza cazar o xabaril como medida extraordinaria por control de danos.

“Ese control é posible, aínda que con moitas limitacións, como autorizar unicamente accións de caza cun único cazador, pero é preciso unha actitude proactiva da Administración e dos TECOR ante o inicio da campaña da sementeira do millo. Non chega con esperar a que aparezan os danos para ir detrás deles a rastras, mal e tarde”, cuestiona o responsable de Desenvolvemento Rural da organización, Jacobo Feijoo.

Unións entende que hai que planificar xa cos TECOR as distintas medidas de prevención a executar en cada zona, así como ter previstas as medidas extraordinarias de control de poboación por caza a tomarse na campaña de sementeira. “Debe haber un listado de cazadores dispostos a realizar esperas en cada TECOR, e un procedemento simplificado e áxil de autorización deste tipo de actuacións, que evite os problemas administrativos que se repiten todos os anos e que lastran a eficacia das accións”, valoran na organización agraria.

Denegación de axudas para medidas de prevención
Por outro lado, Unións advirte de que estes días se suceden os casos de gandeiros que ven denegadas as súas solicitudes de axudas para medidas de prevención de danos pola fauna salvaxe (xabaríns e lobos). Estas axudas, que financiaban medidas como a compra de pastores, mallas electrificadas ou mastíns, están a ser rexeitadas en parte dos casos por falta de presuposto.

A organización agraria pide que as axudas pedidas o ano pasado que estean quedando fóra por falta de presuposto se aproben contra os fondos de prevención deste ano, evitando máis burocracia.

Asemade demanda da Xunta de Galicia un esforzo na xestión das axudas por danos do xabaril, de xeito que este ano funcionen con eficacia e axilidade, e se garanta a colaboración da gardería de Medio Ambiente para que informen aos afectados e se involucren na busca de solucións.

Tráfico
Unións lembra que o xabaril afecta non só á agricultura, senón que tamén causa máis de 2.000 accidentes ó ano en Galicia, que é lider nese ranking a nivel estatal, cun 27% do total de sinistros de tráfico causados polo porco bravo. Séguelle Cataluña con algo máis do 20%.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información