Unións demanda máis fondos da Xunta para a promoción de Ternera Gallega

A organización considera incompatible que se pretenda gañar mercado para a carne da IXP á vez que se reduce a partida para a súa promoción

Unións Agrarias vén de emitir unha nota de prensa na que empraza á Consellería do Medio Rural a achegar fondos suficientes para cumprir cos obxectivos de promoción e apertura de novos mercados definidos na Estratexia de Dinamización do Sector Cárnico. A organización indica que se produciu un “acusado” descenso do orzamento do Consello Regulador para promoción no vindeiro ano. Por iso, a organización pide que a administración autonómica dea un paso cara adiante e cumpra cos obxectivos e a folla de ruta marcadas pola Xunta de Galicia.

Ternera Gallega Suprema Rubia Galega

No documento da Estratexia establecíase un investimento anual mínimo de 800.000 euros en accións promocionais encamiñadas á apertura de novos mercados para a carne de vacún, alén das fronteiras galegas. Porén, segundo indican dende a organización, o Consello contará con 500.000 euros para esta finalidade. “Unha importante redución que lastra as posibilidades de actuación e que supón un freo ao indispensable esforzo que o sector produtor precisa neste eido”.

A organización agraria incide en que o 85 % dos fondos dos que dispón o Consello Regulador de Ternera Gallega son achegados polo propio sector, polo que insta á Consellería “a dar un paso cara adiante para complementar esa partida e poder cumprir cos obxectivos establecidos por ela mesma”.

Propostas para unha maior transparencia na relación entre granxas e industrias
No pleno do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida, que tivo lugar esta semana, a organización demandou a posta en marcha de medidas que acheguen “transparencia e garantías” á relación entre produtores de carne e industrias. Así, avoga por definir un faenado tipo das canais e que o Consello certifique os pesos dos animais antes da súa entrega á industria. Tamén defendeu a súa proposta para que dende a entidade se controle a calidade nutritiva dos pensos. “Esta medida permitirá avanzar cara a unha produción máis homoxénea e mellorar a percepción das carnes de Ternera Gallega por parte das persoas consumidoras”, defenden dende UUAA.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información