Unións Agrarias presenta 12 candidaturas aos consellos reguladores galegos

Unións Agrarias presenta 12 candidaturas aos consellos reguladores galegos

Roberto García e Félix Porto, de Unións Agrarias, en rolda de prensa. Foto: Arquivo

Unións Agrarias concorre ás eleccións convocadas nos Consellos Reguladores das Denominacións de Orixe e das Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia en 12 dos 15 organismos que no mes que ven renovarán os seus órganos de goberno o vindeiro mes de febreiro.

“Unha iniciativa -destacan dende a organización- que dá boa mostra da forza dunha organización que aspira a consolidar e mellorar o seu liderado no campo galego e a continuar sendo a voz de agricultores e gandeiros”.

Logo do atraso que a pandemia provocou no proceso electoral dos Consellos Reguladores da Comunidade, Unións Agrarias tratará de estar presente nos órganos de goberno de todos os Consellos que contan con censo de produtores, a excepción do da IXP Mel de Galicia, “o único dos procesos convocados -explican- ao que Unións non ten presentado candidatura, alén do de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e do de Pan de Cea, que non contan con representación do sector produtor nos seus censos”.

Así as cousas, Unións Agrarias concorre ás eleccións do 19 de febreiro nas 5 DOs de viño: Monterrei, Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras e Ribeira Sacra. En todos os casos con candidatura propia agás nesta última; a única á que a organización concorre en coalición coas demais organizacións profesionales e asociacións agrarias galegas.

Unións Agrarias tamén presentou candidatura para os procesos electorais das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia, así como nas 3 Denominacións de queixos que teñen convocado eleccións: na DOP Arzúa-Ulloa, na DOP Queixo Tetilla e na DOP San Simón da Costa. Ao igual que na IXP Pataca de Galicia, na IXP Castaña de Galicia e no Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Por último, dende a organización destacan que ao longo do último mandato, que se prorroga desde as eleccións celebradas en 2017, “Unións Agrarias ten sido a voz maioritaria do sector produtor galego, ao ser a organización con máis vogalías nos órganos de goberno dos Consellos, unha posición que Unións aspira a renovar e mesmo a mellorar”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información