A firma biotech galega Amslab, ubicada en Lugo, incorporou a súa oferta un servizo de análise para a identificación das proteínas A1 e A2 nos produtos lácteos. Esta nova liña de Ambslab, empresa socia do Clúster Tecnolóxico das Ciencias da Vida (Bioga), responde ás necesidades do mercado, segundo asegura a compañía.
“Hai unha tendencia de mercado que cada vez máis busca ofrecerlle ós consumidores leite do tipo A2, máis dixerible e que evita as molestias estomacais que teñen algunhas persoas consumindo leite”, explica Amslab.
A diferenza do leite A2 está no xeito en que as proteínas actúan no sistema dixestivo. Cando se inxire a proteína A1, libérase un péptido, chamado BCM7, que pode provocar efectos adversos relacionados co malestar estomacal ou problemas autoinmunes. Eses síntomas, que ás veces se relacionan erroneamente con intolerancia á lactosa -un azucre do leite-, desaparecen co leite A2.
“É por este motivo que tanto consumidores como gandeiros e industrias lácteas buscan cada vez máis leite do tipo A2. O obxectivo do noso servizo consiste en certificar que os leites que se comercialicen como A2 conteñan só este proteína”, asegura en nota de prensa Manuel Lolo, CEO de Amslab.
Betacaseínas A2 e A1
Os lácteos conteñen distintos tipos de proteínas. Entre elas figuran as betacaseínas, que representan arredor do 30% das proteínas do leite. As dúas variantes de betacaseínas son a A1 e a A2. En función do xenotipo, as vacas producirán leite só A1 (no caso das vacas A1A1), con mestura de betacaseínas (as vacas A1A2) ou só A2, o procedente das vacas A2A2.
En España, é pioneira a marca galega Deleite na comercialización do leite A2A2 a gran escala, se ben espérase que novas industrias lancen as súas propias gamas de A2 nos próximos meses. Trátase dunha tendencia en auxe a nivel internacional, con boas perspectivas de consumo e con prezos premium, o que beneficia tanto ás granxas como ás industrias e supermercados.