Como o leite A2 está emerxendo en todo o mundo?

Arredor dunha vintena de marcas comercializan a nivel global lácteos A2, sobre todo leite líquido e fórmulas infantís nos mercados de Asia, Estados Unidos e Oceanía. A aposta da marca galega Deleite A2 a nivel estatal é punta de lanza en Europa

Como o leite A2 está emerxendo en todo o mundo?

Cartel identificativo dun lote de vacas A2 nunha granxa. / Imaxe: Leite Noso.

O leite de vacas A2, caracterizado por aportar unha dixestión máis confortable que o leite convencional, entre outros beneficios, é unha gama en expansión en todo o mundo. Arredor de 20 marcas están a vender xa leite A2 en mercados de Asia, Oceanía e Estados Unidos, un grupo reducido ó que se vén de unir a marca galega Deleite coa súa aposta de comercializar o Deleite A2 en todo o Estado.

A comercialización do leite A2 iniciouse hai máis de 15 anos en Nova Zelanda, da man da compañía ‘The A2 Milk Company’, pero non foi ata os últimos anos cando grandes compañías mundiais como Fonterra, Nestlé ou Danone comezaron a implicarse na produción e comercialización de leite A2, tanto para o seu envasado como leite líquido como para a súa inclusión en fórmulas infantís.

“As grandes compañías. lideradas por Fonterra, pelexaron durante anos contra o leite A2 porque o vían máis como unha ameaza que como unha oportunidade”, explica o investigador neozelandés Keith Woodford, un dos principais divulgadores internacionais sobre os beneficios do leite A2. Non foi ata 2018 cando a neozelandesa Fonterra decidiu lanzar a súa propia gama de lácteos A2.

O cambio de postura das grandes compañías internacionais completouse coa decisión de firmas como Nestlé ou Danone de iniciar nalgúns países a comercialización de fórmulas infantís baseadas en leite A2.

O feito de que o leite materno tamén sexa A2, é dicir, libre da betacaseína A1 -ligada con molestias dixestivas-, está a impulsar o seu uso nos lácteos infantís, en combinación con soro lácteo desmineralizado, rico en proteína.

Perspectivas
A única dificultade de producir e comercializar leite A2 está en contar con granxas que teñan iniciada a selección de vacas A2 e que recollan en tanques independentes o leite das vacas A2 e o das convencionais, que presenta unha mestura de betacaseínas A1 e A2. É un proceso que require de tempo e investimentos. Leite Noso, a sociedade gandeira que lanzou o Deleite A2, revelou que parte das súas granxas levaba xa catro anos co proceso de conversión a leite A2, evitando usar touros que non fosen A2 na inseminación do seu rabaño.

É unha decisión que se está a demostrar acertada para as ganderías, pois cobran o leite A2 cunha prima adicional de 5 céntimos en relación ó prezo do leite convencional. Para a marca Deleite, que prepara unha campaña de marketing a nivel de toda España, os ingresos tamén aumentarán, pois posicionará o seu leite nos supermercados a un prezo premium, en consonancia co escenario internacional do leite A2, que se comercializa na maioría dos países a un prezo un 50% superior ó das primeiras marcas de leite convencional.

“Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo pasará ata que desapareza a prima A2. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo” (Keith Woodford, investigador)

É previsible que o movemento de Deleite co leite A2 sexa seguido nos próximos anos por outras industrias lácteas no mercado español. A futurible expansión do leite A2 nos supermercados españois, un proceso que xa se viviu en países como Nova Zelanda, pode xerar incertezas sobre o valor futuro que terá esta gama de lácteos, pero o investigador Keith Woodford, considera que esa visión é incorrecta.

“Ás veces os gandeiros pregúntanme canto tempo creo que pasará ata que desapareza a prima A2 no prezo do leite. A miña resposta é que están facendo a pregunta incorrecta. A longo prazo, a pregunta é cando será posible só vender o leite A1 con desconto de prezo. Esa situación pode estar todavía moi lonxe, pero avecíñase”, reflexiona Woodford, que analizou neste recente artigo como o leite A2, un leite que naceu como unha marca en Nova Zelanda, se convertiu xa nunha categoría de lácteos a nivel global.

Woodford destaca tamén o aumento exponencial que está detectando no número de investigacións científicas relacionadas cos beneficios para a saúde do leite A2, uns beneficios que el sitúa tanto no campo dixestivo como no inmunolóxico. O investigador subliña en especial a importancia do leite A2 á hora de reducir a presenza do aminoácido BCM-7 no proceso dixestivo, pois apunta que se trata dun aminoácido perxudicial para a saúde que pode ter efectos inflamatorios e inmunolóxicos diversos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información