As axudas polo coronavirus destinadas a granxas de ovino e cabrún chegarán en Galicia a 225 beneficiarios, que percibirán unha media de 9,25 euros por femia elixible, segundo os datos que manexa a Consellería do Medio Rural. Cómpre lembrar que estas axudas, convocadas pola Xunta en base a unha liña do Ministerio de Agricultura, abonaránselle finalmente en Galicia a un pequeno grupo das explotacións, pois para a maioría de granxas é complicado cumprir cos requisitos esixidos para o cobro.
As axudas en Galicia foron convocadas no mes de agosto e tras os correspondentes trámites e controis, resultaron beneficiados 225 solicitantes, que suman un total de 6.779 animais. De media, cada granxa beneficiaria dos apoios recibirá arredor de 278 euros. É unha cantidade que desde o sector se ve como insuficiente para paliar as perdas sufridas polas granxas, que durante meses non tiveron capacidade para sacar cordeiros e cabritos, ó pecharse a hostelaría e as tradicionais vías de comercialización.
Os apoios para o ovino palidecen aínda máis se se comparan cos que recibirán as granxas de vacún de carne, para as que a Xunta lanzou unha liña de axudas que establece en principio un mínimo de 900 euros por beneficiario, cun máximo de 7.000 euros por granxa, en función do seu tamaño.
Galego









Control OJD