Medio Rural ultima o lanzamento do matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino

As rutas de traballo do servizo concretaranse na próxima semana. A Consellería habilitará un teléfono e unha web para a xestión das citas

Medio Rural ultima o lanzamento do matadoiro móbil para pequenas granxas de ovino, cabrún e porcino

A Consellería do Medio Rural vén de elevar ao Consello da Xunta o informe sobre o matadoiro móbil de Galicia, onde se anuncia que proximamente se porá en marcha este novo servizo público. A iniciativa, na que se levan investidos 670.000 euros, conta cunha dotación orzamentaria de 800.000 euros para o arranque do proxecto no territorio galego.

O matadoiro móbil permitirá facilitar, con todas as garantías hixiénicas e de seguridade, o acceso ao sacrificio de ovellas, cabras e porcos daquelas explotacións das zonas máis alonxadas dos matadoiros convencionais. Ademais, no marco deste proxecto, prevese desenvolver unha marca de calidade que ampare os animais sacrificados neste matadoiro como produtos de proximidade, con alto benestar animal e con orixe en gandarías que actúan de cortalumes dos incendios forestais, achegándolle un valor engadido ás explotacións usuarias deste servizo.

A Xunta sinala que se trata dun servizo público pioneiro en España que disporá dunha unidade móbil de sacrificio do gando, montada sobre un semirremolque frigorífico, coa correspondente cabeza tractora, e unha plataforma base con sede fixa que se localizará nunha nave do concello de Chantada, que permitirá o almacenamento en cámaras frigoríficas das canais e o mantemento e desinfección da unidade móbil, ademais dos necesarios servizos administrativos de xestión deste servizo, entre outras cousas.

A Consellería do Medio Rural prevé activar este matadoiro nas vindeiras semanas, abrindo unha primeira fase na que se estruturarán as rutas da unidade móbil mentras se comeza a desenvolver o servizo e se realizan os axustes pertinentes. Habilitarase un teléfono e un acceso web para resolver dúbidas e facilitar a petición de citas.

Con respecto aos prezos, estableceuse que o custo por animal do sacrificio e maquía sería de 10 euros nos animais ovino e cabrún menores dun ano, mentres que naqueles animais destas especies que sexan maiores dun ano pasarán a ser 15 euros, mentres que o prezo dos animais porcinos será de 40 euros. Ademais, as persoas gandeiras poderán optar ao servizo de almacenamento das canais no lugar base, e mesmo ao seu traslado ata o centro de distribución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información