As axudas pola Covid deixan fóra ó 95% das granxas galegas de ovino e cabrún que, por tamaño, poderían cobralas

Un dos requisitos para optar ós apoios é que as ganderías perciban o pago específico de ovino e cabrún da PAC, para o que hai que acreditar o envío ó matadoiro de 0,6 cordeiros ou cabritos por femai adulta, unha porcentaxe inusual en Galicia

As axudas pola Covid deixan fóra ó 95% das granxas galegas de ovino e cabrún que, por tamaño, poderían cobralas

Gandería de ovino na provincia de Ourense. / Arquivo.

Algo máis de 200 ganderías galegas de ovino e cabrún se beneficiarán das axudas para paliar a crise do coronavirus. Son as que no último ano percibiron o pago específico de ovino e cabrún da PAC, un dos requisitos para optar agora ós apoios pola Covid 19. O sector esperaba as axudas como auga de maio, xa que o peche da hostelaría na primavera e a cancelación de festas deixou ás granxas sen gran parte do seu mercado tradicional. O problema é que os apoios chegarán finalmente a un número pequeño de explotacións, pouco máis do 5% das que, por tamaño, poderían cobralas.

As axudas polo coronavirus diríxense a granxas cun mínimo de 10 femias adultas de ovino e/ou cabrún. En Galicia, son 3.915 as explotacións que acadan esa dimensión, pero a maior parte non cumpre con outro dos requisitos marcados, o de cobrar o pago específico de ovino e cabrún da PAC.

Por que a gran maioría das granxas galegas non poden optar ó pago específico de ovino e cabrún?. É unha cuestión ligada ó sistema de comercialización do gando en Galicia.

Para cobrar o pago específico de ovino e cabrún, estableceuse que as ganderías tiñan que enviar ó matadoiro un mínimo de 0,6 cordeiros ou cabritos por femia adulta na granxa. É unha porcentaxe que poucas ganderías galegas poden cumprir, xa que o movemento de animais con guía sanitaria ronda o 30%, segundo cálculos do sector. O resto adoita comercializarse con tratantes ou particulares sen guía sanitaria, o certificado esixido para o movemento dos animais. Tamén hai que ter en conta que unha parte dos animais queda na propia granxa para recría.

Así as cousas, arredor do 95% das granxas galegas que teñen máis de 10 femias adultas na granxa veranse fóra das axudas pola Covid, que ascenden a 12 euros por animal adulto, e quedan tamén fóra tódolos anos do pago específico da PAC para ovino e cabrún.

Valoracións
É unha situación que se podería ter evitado, a xúizo do sector, se as Administracións puxeran maior interese no ovino e cabrún galegos.

“En Galicia temos un sector de ovino e cabrún cunhas características diferenciais en comparación coas grandes zonas de ovino de España” -explica Joan Alibés, gandeiro de ovino e cabrún e presidente da Sociedade Galega de Pastos e Forraxes -. “Representamos só o 1% do censo de animais de España, polo que a lexislación estatal non adoita ter en conta as nosas particularidades. O que necesitariamos é que a Xunta tivese ‘pelexado’ en Madrid para que se deisaxen portas abertas, tanto nas axudas da PAC como nas do coronavirus, para incluír a un maior número de granxas de Galicia” -valora-. “Son apoios que serían esenciais para garantir a continuidade das explotacións”, conclúe.

Datos
O pago específico de ovino e cabrún da PAC beneficiou no 2019 a 206 granxas galegas (178 de ovino, 22 de cabrún e 6 mixtas), que percibiron un total de 283.000 euros (1.374 euros de media por granxa).

Por provincias, máis da metade dos apoios van para Ourense, con 109 granxas de ovino, 12 de cabrún e 2 mixtas. Séguelle Lugo, con 51 de ovino, 12 de cabrún e 4 mixtas; en tanto A Coruña (10) e Pontevedra (9), teñen unha presenza testemuñal nos apoios do pago específico, segundo os datos do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

En Galicia, hai un total de 19.600 ganderías de ovino e cabrún, se ben a gran maioría son pequenas explotacións de menos de 10 animais e só 3.915 teñen máis de 10.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información