Un informe da UE pronostica un mercado favorable para a gandaría de leite na próxima década

A Comisión calcula que as importacións mundiais medrarán a un ritmo do 2% anual. Prevé que non haberá aumentos significativos do prezo do leite no campo no 2016

Un informe da UE pronostica un mercado favorable para a gandaría de leite na próxima década

O aumento da demanda internacional permitirá en teoría absorber os aumentos de produción.

A Comisión Europea publicou un informe de perspectivas para os diversos sectores agrarios no periodo 2015-2025. O escenario para o sector lácteo é similar ó debuxado o pasado ano. A UE prevé un mercado favorable para as exportacións e unha progresiva mellora dos prezos en orixe, sobre todo a partir do 2020, se ben esas previsións están condicionadas a aumentos de produción non maiores dun 0,8% anual e hai importantes incertidumes que poderían afectar ó mercado, como unha posible menor demanda internacional. Chama a atención que en todo o informe sobre o sector lácteo non haxa referencias a España.

Mercado
– A actual situación de baixos prezos é consecuencia dun aumento da produción a nivel mundial, acompañada dunha reducción das compras de China e do veto ruso ós produtos lácteos occidentais.

– Outros países como México, Xapón, Estados Unidos ou Indonesia destacaron polo aumento das importacións no 2015. Nos próximos anos, a demanda xeral medrará tanto a nivel da UE como a nivel internacional. Agárdase un impacto positivo do crecemento da poboación e un maior peso dos produtos lácteos na dieta.

– As importacións de leite a nivel mundial medrarán arredor dun 2% cada ano ata o 2025. A UE está ben situada para aumentar a exportación de produtos lácteos, en tanto un dos seus principais países competidores, Nova Zelanda, verase máis restrinxido no aumento das súas exportacións pola menor dispoñibilidade de recursos naturais.

Cando remate o veto ruso, só se recuperarán arredor do 50% das vendas que había antes do veto

– A demanda china aumentará nos próximos anos. Actualmente, China acumulou stocks por altas compras nos dous últimos exercicios, o que fixo que reducira temporalmente as súas importacións.

– As perspectivas sobre o veto ruso é que remate a finais do 2016, a máis tardar, se ben, de ser así, no 2017 exportaríase desde a UE cara Rusia só a metade dos produtos lácteos que se viñan exportando antes do veto. A perda de mercado deberíase, entre outros factores, a unha mellora do autoabastecemento ruso.

Produción
– A produción na UE medrará a un ritmo dun 0,8% anual. Tamén se producirán incrementos en Estados Unidos –o 75% destinados ó consumo interno-, e en Nova Zelanda.

– A tendencia de aumento da produción non estará baseada só na mellora de prezos, senón que é resultado do aumento de investimentos nalgúns estados membro no procesado de leite en po. Estes procesos permitirán absorber o aumento da producción. É o caso de Holanda, Irlanda, Polonia, Dinamarca ou Alemania.

A suba da produción na UE é resultado do aumento de investimentos nalgúns estados para o procesado de leite en po

– Noutros estados membro, como Francia, cooperativas e empresas introduciron un sistema de prezos A-B-C para desincentivar os aumentos de produción e forzar ós gandeiros a adaptarse ás oportunidades do mercado ( O sistema A-B-C consiste nun alto prezo para a maior parte do leite, por exemplo para o 90%, un prezo referenciado ós prezos internacionais de leite en po e manteiga para o leite que se sitúa no arco entre o 90 e o 110% da cantidade de referencia e un prezo C moi baixo para o leite que excede o 110%).

– En países como Finlandia, Suecia ou Grecia agárdanse descensos da produción.

– O mercado lácteo é proclive a desequilibrios entre oferta e demanda que poden desencadear cíclicas crises de prezos como a actual. As previsións da UE falan dun aumento da produción no periodo 2015-2025 dun 0,8% anual. Aumentos maiores sostidos no tempo, como o que se rexistra no 2015 (+ 1,5 %), cambiarían o escenario.

Prezos
– Os prezos dos produtos lácteos industriais (commodities) recuperaranse lentamente no 2016 por unha maior demanda mundial. Agárdase tamén un descenso na produción de Nova Zelanda por condicións meteorolóxicas desfavorables e polos prezos moi baixos ós gandeiros. Dado que hai un diferencial de 2-3 meses entre a mellora das cotizacións do leite en po e os do leite cru, non se prevén na UE subas significativas no prezo do leite na granxa ao longo do 2016.

As cotizacións do leite en po recuperaranse no 2016, pero non se prevén subas significativas do prezo do leite en orixe

– Agárdase unha recuperación moderada dos prezos nos próximos anos. Ata o 2020, a previsión é que os prezos medios da UE ronden os 32-33 céntimos por quilo (fronte ós 30 actuais) e que no periodo 2020-2025 acaden os 36 céntimos por quilo.

Produtos industriais

– Na próxima década, a metade do aumento da produción na UE adicarase a po (principalmente a leite desnatada en po), que se exportará, e un 30% a queixos, que irán para consumo doméstico principalmente. As organizacións agrarias xa advirten dun aumento das importacións españolas de queixos e derivados lácteos doutros países da UE. Entre xaneiro e agosto do 2015, esas importacións medraron un 7% en relación ó 2014, segundo criticou onte a Unión de Uniones, que pide que se cumpra o acordo lácteo no relativo a unha identificación clara da orixe dos produtos no supermercado.

A venda de leite líquido e de iogures baixará na UE a un ritmo superior ó 0,5% anual

– O consumo na UE de queixo, manteiga e nata medrará nos próximos anos. Tamén o uso de leite en po para produtos industriais (galletas, chocolates, leites infantís, etc.), en tanto a venda de leite líquido envasado e de iogures baixará a un ritmo superior ó 0,5% anual.

– A exportación de leite líquido non é unha opción atractiva polo alto contido de auga do produto; pero os baixos prezos de exportación de mercancías a China por vía marítima, aproveitando o retorno de mercantes, constitúen unha oportunidade. Das 800.000 toneladas anuais que se exportan na actualidade, pasarase no 2025 a 1,3 millóns de toneladas.

Impacto ambiental
– O gando vacún é responsable do 50% das emisións de gases de efecto invernadoiro por parte da agricultura europea. O sector lácteo é responsable de arredor do 30% das emisións totais.

O exceso de nitróxeno no chan constituirá un problema en zonas como Cataluña, Holanda, Bélxica ou Lombardía

– Para o 2025, agárdase que as emisións do sector lácteo se manteñan en niveis similares ás actuais. A previsión é que o gando total se reduza lixeiramente pero prevese que aumenten as emisións por cabeza, da man dunha maior produtividade. Dinamarca, Sur de Irlanda e Oeste de Francia concentran algunhas das zonas con maiores emisións.

– Prevese un exceso de nitróxeno no chan en zonas caracterizadas polas gandarías intensivas, caso de Holanda, Bélxica, Lombardia ou Cataluña.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información