“Un becerro como o do prezo récord de Silleda sae un de cada moitos”

Falamos coa granxa que vendeu esta semana en Silleda o becerro que maior prezo logrou na historia da Central Agropecuaria, 1.807 euros por un animal de Ternera Gallega ó que lle faltaban uns días para cumprir os 12 meses de vida

“Un becerro como o do prezo récord de Silleda sae un de cada moitos”

Becerro récord de Silleda, nos seus primeiros meses nos pastos. /Arquivo cedida.

O becerro que acadou esta semana o prezo récord na Lonxa de Silleda era un animal cruzado procedente dunha gandería de Mesía (A Coruña). “A nai é unha vaca cruzada de Rubía Galega e Frisón, e o pai un touro Limousín”, explica o gandeiro, Alberto Hernández.

“Este becerro gustábame moito porque tiña moito corpo e pouca pata. Era moi bo de corpo, non era culón pero era completo de adiante a atrás, con bos lomos. De feito, a intención inicial miña era deixalo para semental da gandería, por iso non o vendín antes dos 10 meses, como fago co resto dos becerros, que están inscritos en Ternera Gallega Suprema”, sinala.

O cambio de idea sobre o destino do animal debeuse ás dúbidas sobre a súa aptitude para semental: “Quizais non fose o suficientemente manso, vinlle algún amago que non me gustou, e por outro lado tamén desconfiaba de que un animal das súas características me levase a problemas de partos nas vacas”.

Así as cousas, o animal chegou case ata os 12 meses, cun bo desenvolvemento que se explica por varios factores, por un lado a súa nai era unha boa produtora de leite, e por outra banda viñeron unha boa primavera e verán, con moito pasto a disposición do gando. “Pero era un ternero que se diferenciaba dos outros. Coa mesma idade, aumentaba máis de corpo que os outros. Un becerro como este sae de vez en cando, un de cada moitos”, valora Alberto.

O animal na Lonxa de Silleda, o pasado martes.

O animal na Lonxa de Silleda, o pasado martes.

O becerro estivo nos pastos ata preto dos 8 meses, cando se destetou e pasou á nave, onde permaneceu ata que faltaban uns días para chegar ós 12 meses, momento no que foi levado á Lonxa de Silleda. “Para o cebo, a parte de herba seca ou palla, téñolles a libre disposición penso granulado e millo moído, aproximadamente chega a ser metade e metade de penso e millo en mestura, quizais algo máis de millo, pero sempre controlando ós animais, xa que un exceso de millo pode xerar en ocasións diarrea”, apunta.

“Estamos na gandería porque nos gusta, que ninguén pense que isto é un negocio. Sempre hai problemas, un animal ata que o ves vendido, é unha historia” (Alberto Hernández)

O resultado foi un animal que “calculo que podía rondar os 500 Kg. de peso en vivo”. Sobre el precio alcanzado en Silleda, el ganadero señala que “sae así un de cando en cando, que ninguén pense que a gandería de carne é negocio. Estamos nisto porque nos gusta” -destaca Alberto-. “Os pensos subiron, o gasóleo e os plásticos de ensilar tamén e sempre poden aparecer problemas ou enfermidades nos animais. Se non houbese problemas, a gandería sería moi bonita, pero sempre hai problemas. Un animal ata que o ves vendido, é unha historia”, conclúe.

Ata hai cousa dun ano, Alberto adicouse tamén á cría de bois, chegou a ter máis de 15, pero finalmente abandonou esa orientación “porque non era rendible”, conta. “Podía ser rendible para o restaurante ou para algún intermediario, pero para min non era”, analiza.

Bois de cruces con cacheno.

Bois de cruces con cacheno.

A súa gandería conta na actualidade con arredor de 60 vacas nunha superficie dunhas 25-30 hectáreas. “A maioría son vacas cruzadas con parte de xenética de Rubia Galega, limusín e algunha Asturiana”. Tanto os animais como os terneros están de xeito permanente nos prados, se ben na época en que non hai pastos, teñen aporte diario de silo de herba e de herba seca ou palla.

Lobo
Ese manexo ó aire libre depara de vez en cando encontronazos co lobo. Este pasado outono, a granxa perdeu un ternero, e anos atrás tamén perdeu unha xovenca durante o parto, momento que aproveitaron os lobos para matala e comer a cría.

Dado que as terras onde están as vacas limitan cunha estrada con alto volume de tráfico, Alberto descarta a posibilidade de introducir un mastín como método de prevención, xa que o can podería invadir a estrada próxima. “Son animais que funcionan ben, coñezo outras granxas que os teñen e alí non entra nada, pero no meu caso non é aplicable”, resume.

Ábrese o prazo para solicitar as axudas excepcionais da Xunta para compensar a suba dos custos dos produtores de carne

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información