Un 60 por cento dos propietarios forestais considera a moratoria do eucalipto unha medida “regular”

Só un 8,7 % pensa que a prohibición temporal de extender a superficie da especie é boa, segundo unha enquisa realizada polo Grupo Alvariza de certificación forestal

Un 60 por cento dos propietarios forestais considera a moratoria do eucalipto unha medida “regular”

O Grupo Alvariza de certificación forestal vén de presentar a terceira edición da súa enquisa a propietarios forestais, a través da que é posible coñecer as características dos silvicultores e as súas preferencias forestais. En relación á anterior enquisa, do 2020, unha das novidades é a pregunta que se lle traslada ós propietarios sobre a moratoria a novas plantacións de eucalipto en Galicia, ata o 2025. A opinión predominante é que se trata dunha medida “regular”.

En concreto, o 59,8% dos propietarios enquisados considera que se trata dunha medida “regular”, en tanto un 31% ve a prohibición temporal como negativa. Só un 8,7% das 801 persoas enquisadas no último ano considera positivo que se impida a plantación de novas superficies de eucalipto ata o 2025, ano en que se terá que revisar a medida.

A ampla porcentaxe de propietarios que considera “regular” a medida pódese interpretar como que o sector ve necesaria unha regulación adicional do eucalipto, se ben esta prohibición temporal de carácter xeneral non se percibe como a solución.

Que influencia ten o eucalipto no monte?

En liña coa valoración sobre a moratoria, atópase a opinión dos propietarios forestais sobre o eucalipto. Preguntados sobre a influencia que ten o eucalipto no monte, un 73,3% considera que é boa, un 18% opina que “nin boa nin mala” e un 8,63% afirma que é mala. Esta última porcentaxe é case idéntica á das persoas que valoraban como positiva a moratoria (8,7%).

Por comarcas, obsérvanse significativas diferencias. Na Mariña lucense, unha das principais zonas de eucalipto da comunidade, as opinións negativas sobre a especie aproxímanse ó 0%, en tanto que no lado contrario, en Terra de Lemos hai unha maioría de propietarios cunha opinión mala da especie (39%).

Ese menor entusiasmo cara o eucalipto compárteo tamén outra comarca do sur de Lugo, Chantada, cun 25% de propietarios que ve ó eucalipto como malo; en tanto na provincia de Pontevedra percíbese unha maioría de propietarios que olla ó eucalipto como “nin bo nin malo”, con casos como o do Deza (44%), Vigo (54%) ou Pontevedra (43,4%).

Ten pensado plantar algunha especie de piñeiro?

Malia a moratoria do eucalipto, o piñeiro continúa sen asentarse como unha opción preferente de plantación. Se na anterior enquisa (2020), había un 58,41% de propietarios que descartaban a plantación de piñeiros, ese índice subiu ó 65% coas enquisas acumuladas os dous últimos anos.

O dato é relevante, pois esta terceira edición da enquisa do Grupo Alvariza acumula 5.899 enquisas do periodo 2018-2022, feitas a propietarios dun total de 15.000 parcelas. No procesamento das enquisas tivo unha parte protagonista Biostatech, unha spin off da Universidade de Santiago especializada en estatística aplicada.

A escasa intención de plantar coníferas é non obstante susceptible de variación, ao entender do Grupo Alvariza, pois a suba de prezos experimentada polo piñeiro no último ano, xunto coas necesidades de coníferas do mercado e a propia moratoria do eucalipto, son factores que poden incentivar un aumento da plantación de coníferas nun futuro próximo a nivel dos pequenos propietarios forestais.

É de destacar que existe tamén un 25% de propietarios forestais que manifesta a súa intención de plantar piñeiros, así como outro 10% que se declara indeciso.

Só un 25% dos propietarios forestais manifesta intención de plantar coníferas. Lugo é a provincia na que as coníferas xeran maior interese

Por provincias, a da Coruña é a menos proclive á plantación de piñeiros; se ben curiosamente tamén en Ourense os pequenos propietarios forestais declaran un escaso interés nas coníferas, malia ser unha provincia de tradicional plantación de piñeiros nos montes veciñais e con case nula presenza do eucalipto. Así, no Carballiño un 61,6% dos propietarios di que non plantará piñeiros e só un 16,8% confirma que o fará, en tanto outro 21% amósase indeciso.

Na Coruña, percíbense diferenzas en función da comarca, pois en zonas nas que se expandiu o eucalipto nitens na última década, como Arzúa, Terra de Melide, Santiago ou Barcala, hai menos dun 10% de propietarios que aseguran que plantarán piñeiro, en tanto no Eume e no Sar a porcentaxe ascende ata o 25%.

Son en todo caso porcentaxes pequenas, comparadas coas comarcas de Lugo, onde existe unha alta vontade de decantarse polo piñeiro, caso da Fonsagrada (68%), Chantada (73%), Terra de Lemos (97%) ou Sarria (80%). Incluso na Mariña central, comarca tradicional de eucalipto, hai un 24% de propietarios que se declara disposto a plantar piñeiros no curto prazo.

En Pontevedra, entre tanto, percíbese unha alta diferenza por comarcas, pois xunto con comarcas favorables a plantación de piñeiros, como o Deza (43%) ou Paradanta (35%), hai outras que declaran un limitado interese nas coníferas, como Vigo (4,6%) ou Pontevedra (7%).

Enquisa-Asefor-Galego.pdf

Está disposto á xestión conxunta das parcelas forestais?

A creación en Galicia dunha nova figura legal para a xestión conxunta dos terreos forestais – a agrupación de xestión conxunta, plasmada na Lei de Recuperación da Terra Agraria- abre unha nova vía para agrupar a xestión do minifundio forestal en superficies maiores de 10 hectáreas. Que pensan os propietarios de tal opción?. Pois percíbese que hai un 46% de propietarios dispostos a unha xestión conxunta, o que xunto a un 18% de indecisos suman case dous terzos de propietarios que poderían ser favorables a esta alternativa (sen especificar a tipoloxía concreta desa xestión).

Hai dous terzos dos propietarios forestais que poden ser favorables a figuras de xestión conxunta do monte

A opción das agrupacións de xestión conxunta, que se regularán proximamente cun decreto específico, cobra por tanto corpo como opción viable para mellorar a xestión e eficiencia das parcelas de minifundio. É ademais de destacar que na enquisa, un 12% dos propietarios recoñece ter parcelas non produtivas, case sempre por cuestións de falta de tamaño ou de accesibilidade, aspectos que se poderían resolver cunha xestión conxunta.

Aluguer
Sobre a opción de alugar as parcelas de monte, hai unha maioría que estaría en contra (58%), se ben hai tamén unha cifra importante de propietarios (42%) que si estarían dispostos ó aluguer.

Relevo xeneracional
Ao lado das opcións da xestión conxunta e do aluguer, hai que poñer outro dato relevante. Un 55% dos propietarios forestais non ten perspectiva de que os seus fillos tomen o relevo xeneracional na xestión das súas parcelas de monte. Por tanto, para eses casos tanto o aluguer como unha xestión conxunta preséntanse como opcións claras para evitar o abandono do monte.

Preocupa o cambio de percepción sobre as posibilidades dun relevo xeneracional na xestión do monte. Só un 33% dos propietarios cre que os seus fillos teñen interese en continuar

Desde Alvariza advirten do cambio de tendencia en relación as perspectivas do relevo xeneracional. Se na anterior enquisa, no 2020, había dous terzos dos propietarios que confiaban en que os seus fillos tomarían o relevo da xestión do monte, esa percepción cambiou drasticamente e hoxe en día só un 33% cre que os fillos teñen interese en continuar coa xestión do monte. Hai arredor doutro 10% de persoas que non o sabe e un 55% que non ve perspectivas do relevo xeneracional, un dato que xera preocupación.

Perfil do propietario forestal

– Un 58,9% dos propietarios son homes e un 41,9% son mulleres. Por comarcas, existen diferenzas moi significativas, pois apréciase que en determinadas comarcas costeiras hai maioría de propietarias mulleres (Ferrol, Fisterra, Noia, Morrazo…), o que tamén sucede nunha comarca do interior ourensá, caso do Ribeiro.

– Un 52% dos propietarios ten máis de 65 anos.

– O 77% dos propietarios vive no rural e a súa principal área de traballo é (ou foi) a agricultura e a gandería.

– Un 46% dos propietarios considérase silvicultor activo, pero un 53% non.

– Hai un 41% de propietarios que contrata a plantación e desbroce das parcelas.

– Un 79% non coñecía previamente as certificacións forestais PEFC e FSC, se ben, unha vez coñecidas, un 94% considera que son positivas.

– Un 70% considera que a aplicación Bikenta, creada por Asefor para facilitar a xestión forestal dos propietarios, é fácil de usar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información