Terractiva: un proxecto de apoio á incorporación de novos activos ao campo

Esta iniciativa nace da cooperación e busca xerar un marco metodolóxico para capacitar as entidades no apoio á incorporación de novos activos no campo, aproveitando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra

Terractiva: un proxecto de apoio á incorporación de novos activos ao campo

Fotografía da presentación do proxecto. Fonte: Xunta de Galicia

O Centro de Promoción Rural-Escola Familiar Agraria (EFA) Fonteboa foi o lugar de presentación do proxecto Terractiva, unha iniciativa levada a cabo de xeito cooperativo entre diferentes organismos que procura crear un marco metodolóxico de cara a capacitación de entidades para o apoio á incorporación de novos activos ao campo, poñendo énfase especialmente sobre os modelos agroecolóxicos e sostibles. Deste xeito, a Xunta aportou 180.000 euros para facilitar o desenvolvemento desta proposta.

Nesta liña, Terractiva aposta por producións cun alto potencial no sector agrogandeiro galego, a través do fortalecemento dos marcos de apoio, en particular, mediando e facilitando o acceso á terra ou aportando definición e acompañamento en itinerarios de incorporación a medida, aproveitando as ferramentas que contempla a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais.

Cabe sinalar que esta iniciativa nace da cooperación de diversas entidades que forman parte do grupo operativo que colabora para levar a cabo o proxecto. En concreto, o Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, a Fundación Juana de Veiga, a Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e a cooperativa Horsal.

O proxecto executarase en 24 meses a través de cinco actividades principais: caracterización das novas incorporacións ao campo, ferramentas de apoio na identificación e acceso a terras de aptitude agraria, ferramentas para guía e acompañamento na incorporación, xestión e coordinación técnica e económico-administrativa e, por último, comunicación e divulgación das actividades e resultados do proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información