Archives

Aumenta a produción e o rendemento do millo forraxeiro co biofertilizante Neoforce® N Fixer

Na actualidade, a biotecnoloxía conseguiu numerosos avances no sector agrícola. Fertiberia TECH está sempre á vangarda en produtos tecnolóxicos para a agricultura, que complementan as prácticas de fertilización actuais coa finalidade de crear un camiño que leve a optimizar producións e obter a maior rendibilidade dos nosos cultivos, contribuíndo a unha maior sustentabilidade e respecto polo medio ambiente.

A nova liña Neoforce® con tecnoloxía Care de Fertiberia TECH centra o seu desenvolvemento en solucións de biofertilización, bioprotección e bioestimulación. A aplicación de Neoforce® N Fixer aumenta a biodispoñibilidade, fixación e absorción de nutrientes por parte da planta. Destinado a cultivos con grandes requirimentos nutricionais e un alto grao de tecnificación, está desenvolvido especialmente para a fixación biolóxica de nitróxeno. Induce a síntese de sustancias que atrasan o envellecemento das células vexetais prolongando a actividade fotosintética e reducindo as perdas nutricionais, aumentando a eficiencia enerxética.

Trátase dun biofertilizante único no mercado formulado como concentrado soluble (SL) a base dun consorcio de 3 microorganismos fixadores de nitróxeno: Azospirillum brasilense (109 ufc/ml*), Azotobacter vinelandii (109 ufc/ml*) e Rhizobium leguminosarum (109 ufc/ml*) [unidades formadoras de colonias].

Este potente consorcio de microorganismos, aos que se lle incorpora a tecnoloxía Care, actúa en equilibrio tanto no microbioma da folla como no microbioma do chan de forma libre, asociativa e simbiótica. Ademais, a exclusiva composición de Neoforce® N Fixer contén elicitores moleculares metabólicos (lipoquitooligosacáridos) que actúan como moléculas sinal na comunicación “microorganismo-planta-microorganismo”.

Os principais beneficios da aplicación de Neoforce® N Fixer son os seguintes:

1. Fixación de nitróxeno e asimilación de nutrientes
Neoforce® N Fixer está composto por un consorcio de microorganismos (libres, asociativos e simbióticos) e un conxunto de bioactivos sinal que, ao colonizar raíces e follas, son capaces de transformar o nitróxeno atmosférico en formas de nitróxeno asimilables polos cultivos. Ademais, axuda a reducir a perda de nitróxeno por lixiviación de maneira indirecta, mediante a promoción do crecemento das raíces das plantas e a mellora da súa capacidade para absorber e utilizar o nitróxeno dispoñible no chan.

2. Promoción do crecemento
Uno dos efectos de Neoforce® N Fixer é a indución da síntese de ácido indolacético (fitohormona vexetal de crecemento). Esta fitohormona é fundamental durante os primeiros estados de implantación do cultivo, imprescindible para o seu desenvolvemento e crecemento. Ademais, mellora o desenvolvemento radicular, promovendo o desenvolvemento das raíces adventicias. Desta forma, as novas plantacións están mellor preparadas para a absorción de auga e nutrientes.

3. Mitigación de tensión
A activación da encima ACC-desaminasa bloquea a síntese de etileno que xeran as plantas baixo condicións de tensións. Este fenómeno xera un efecto positivo sobre a fisioloxía vexetal dos cultivos, atrasando o envellecemento das células vexetais e mellorando a capacidade fotosintética.

Ensaios demostrativos en Asturias e Galicia
A eficacia de Neoforce® N Fixer foi testada en diversos campos demostrativos nas provincias de Lugo e Asturias na campaña de 2023 en millo forraxeiro, onde se comparou coa non aplicación do produto (control). Observouse que aquelas plantas nas que se aplicou o biofertilizante de Fertiberia TECH mostraban unha coloración foliar máis verde e menor cantidade de restrollos (menor cantidade de follas secas e ausencia de síntomas de carencias). A produción de materia verde estimouse pesando mostras de plantas enteiras. Nos campos, obtivéronse aumentos de produción superiores a 4 toneladas/ha, cunha media de +6,7 toneladas/ha (+13 %), acompañados dun aumento no contido de proteína soluble, cando se aplicou Neoforce® N Fixer.

Como se aplica Neoforce® N Fixer?
Neoforce® N Fixer pode aplicarse en todo tipo de cultivos, xa sexa de maneira directa ao chan ou foliarmente. No cultivo de millo recoméndase a aplicación de 3 L/ha, desde pre-emerxencia ata post-emerxencia precoz cando as plantas de millo presenten 3-4 follas verdadeiras.

Fertiberia TECH lanza unha nova aplicación para darlle aos agricultores as mellores recomendacións de fertilización

Fertiberia TECH lanza a nova APP “Fertiberia TECH”, unha aplicación móbil de apoio aos agricultores, técnicos e distribuidores, con información detallada sobre fertilización e tamén as solucións Fertiberia TECH máis efectivas para este propósito.

A APP Fertiberia TECH presenta a gama de produtos por modo de aplicación, coa súa descrición e posible uso en cada cultivo, achegando recomendacións para a nutrición vexetal, nutrientes máis importantes e deficiencias e toxicidades, segundo a localidade onde se atope o agricultor. Ademais, existe a posibilidade de crear un perfil persoal, onde o usuario, ao seleccionar un cultivo e produto favorito, recibe notificacións segmentadas e personalizadas segundo as súas preferencias.

Proporcionando contidos actualizados, a nova aplicación é máis interactiva, permitindo unha mellor comunicación co usuario, cun deseño completamente novo e optimizado. Nesta nova aplicación é posible interactuar co equipo técnico e comercial de forma rápida, mediante o envío de mensaxes con fotos e vídeos dos seus cultivos, e tamén identificar as necesidades destes a través dun menú de identificación con imaxes.

“Con esta nova aplicación móbil pretendemos aumentar a proximidade cos profesionais do sector agrícola, apoiándoos tecnicamente coas nosas solucións de nutrición vexetal máis eficaces e rendibles. Cremos que a APP de Fertiberia TECH será de gran utilidade polo seu contido, respondendo de forma máis rápida e eficaz ás necesidades dos agricultores e dos técnicos”, afirma Jorge Meireles, responsable de Marketing Fertiberia TECH.

A aplicación está dispoñible para Android e IOS e a descarga é gratuíta. Aínda que está destinada principalmente a agricultores ou técnicos, a aplicación pode ser descargada por calquera persoa con interese na zona e que poderá acceder a todas as vantaxes.

NergeticDZ+, a nutrición nitroxenada rápida, potente e duradeira grazas ás tecnoloxías C-PROL e Zimactiv

Durante os meses de abril e maio, Fertiberia Tech presentou en Valladolid e Zaragoza o seu novo produto Nergetic DZ+, unha solución de nutrición vexetal nitroxenada de última xeración que incorpora tanto a tecnoloxía C-Prol, para a protección de nutrientes, como a tecnoloxía Zimactiv para activalos. Grazas a esta combinación optimízase a capacidade de entrega dos nutrientes de maneira rápida, potente e duradeira aos cultivos.

En todas as presentacións Antonio Santana Fernandes, responsable comercial de Fertiberia Tech, destacou o papel clave da Innovación no crecemento de Fertiberia Tech, que engloba as solucións e produtos máis tecnolóxicos do Grupo Fertiberia.Dende 2016, Fertiberia Tech medrou un 60% grazas ó seu forte investimento en I+D, que supuxo o poder renovar case por completo o catálogo de Fertiberia Tech nos últimos anos.

Así, fóronse presentando nestes últimos anos unha nova liña de produtos con nutrientes potenciados como é Plusmaster; entrouse no segmento de fertirrigación coa nova liña de abonos líquidos de alta tecnoloxía Nutrifluid Impulse; mellorouse a liña de nutrientes protexidos Nergetic Dynamic coa tecnoloxía DUO Prol, que protexe aínda máis o nitróxeno para minimizar as súas posibles perdas no solo; e entrouse no negocio de produtos biotecnolóxicos coa liña Neoforce e coa nova gama Tecnifol AntiOx.

Agora preséntase Nergetic DZ+, co que Fertiberia Tech segue dando pasos para ofrecer o catálogo de solucións de nutrición vexetal máis avanzado do mercado, froito do seu compromiso coa innovación e a sustentabilidade.

Nergetic DZ+, rápido, potente e duradeiro

Para presentar esta nova solución, Javier G. Pomba, director de Innovación Agronómica do Grupo Fertiberia, destacou que as tecnoloxías que achega DZ+ enmárcanse nun novo concepto denominado “ Powerful”, como resultado de conxugar as máis avanzadas innovacións en eficiencia fertilizante. Presenta nutrientes protexidos pola tecnoloxía C-Prol e nutrientes activados pola tecnoloxía Zimactiv. Estas tecnoloxías complementan a súa robusta composición química ao optimizar a capacidade para entregar todos os seus nutrientes de maneira rápida, potente e duradeira.

Así, a tecnoloxía C-Prol protexe aos nutrientes do fertilizante de posibles perdas, mellorando a súa dispoñibilidade, mentres que con Zimactiv estimúlanse as funcionalidades do nitróxeno dentro das plantas, actuando como activador encimático dos ciclos do carbono e do nitróxeno no solo.

Nergetic DZ+ convértese así no fertilizante nitroxenado máis potente de Grupo Fertiberia. É un novo produto co que Fertiberia Tech segue marcando o rumbo dos fertilizantes máis eficientes e sostibles do mercado, asegurando unha maior rendibilidade e unhas mellores colleitas a nivel cuantificativo e cualitativo.

“Fertiberia Tech lanza Nergetic DZ+, a solución de nutrición vexetal nitroxenada de última xeración que incorpora as tecnoloxías C-Prol e Zimactiv”

Como resultado das innovacións tecnolóxicas máis avanzadas e eficientes, o novo DZ+ de Fertiberia presenta nutrientes protexidos pola tecnoloxía C-Prol e nutrientes activados pola tecnoloxía Zimactiv. Para coñecer mellor este produto, as melloras que ofrece aos cultivos e os beneficios para o agricultor, entrevistamos a Javier G. Paloma, director de Innovación Agronómica do Grupo Fertiberia que nos explica como DZ+ optimiza a capacidade de entrega dos nutrientes de maneira rápida, potente e duradeira aos cultivos.

-Que importancia ten o nitróxeno en plantas e cultivos?
-Como todos os seres vivos, as plantas necesitan nutrirse para o seu correcto desenvolvemento, sendo necesarios algúns elementos en maior cantidade e outros en pequenas concentracións. O Nitróxeno é o que se coñece en fertilización como un “ macroelemento”, é dicir, pertence ao grupo dos que se necesitan en maior cantidade.

O nitróxeno é un factor de crecemento e desenvolvemento para os cultivos, a súa presenza favorece a multiplicación celular estimulando o crecemento. Ademais, é compoñente fundamental en encimas, aminoácidos, proteínas e clorofila, xogando un papel importante no proceso da fotosíntese.

Para facernos unha idea da importancia do nitróxeno na fertilización de cultivos, segundo as estatísticas de consumo de elementos fertilizantes en España (Acefer), o nitróxeno comercialízase 2,5 veces máis que os outros macroelementos de interese que son o fósforo e o potasio.

“Nergetic DZ+ conxuga os maiores avances en eficiencia fertilizante nun só produto”

-Que solución propón Fertiberia Tech?
-É coñecido que o “Core business” do Grupo Fertiberia é a fabricación de nitroxenados; e representando Fertiberia Tech a liña máis tecnolóxica, nos seus produtos reúnese todo o coñecemento adquirido a través da investigación. Grupo Fertiberia comercializa ureas, nitratos de diferentes composicións e solucións líquidas nitroxenadas, pero ningún como este novo nitroxenado que agora lanzamos ao mercado co nome de Nergetic DZ+, onde se conxugan os maiores avances en eficiencia fertilizante nun só produto, incorporándose por primeira vez dúas tecnoloxías moi compatibles, unha que protexe aos nutrientes de posibles perdas e outra que potencia a acción fertilizante do produto.

-Que investigación foi necesaria facer para chegar ao DZ+?
-Nergetic DZ+ é o resultado dunha patente de fabricación propia de nitroxenados implementando no produto final dúas tecnoloxías xa desenvolvidas polos equipos de investigación, C-Prol e Zimactiv. Industrialmente non foi fácil conseguir incorporar estas tecnoloxías e para iso tivéronse que realizar probas de fabricación que supuxeron varios días de funcionamento da planta durante 24 horas.

Unha vez que o resultado físico foi optimo, realizamos os ensaios de eficiencia deste novo produto, verificando a súa eficacia e colocándoo na parte máis alta do catálogo da compañía, como a solución de nutrición vexetal nitroxenada máis evolucionada, rápida, potente e duradeira.

-Que sinerxías teñen as tecnoloxías C-Prol e Zimactiv?
-Nergetiz DZ+ é un nitroxenado e estas dúas tecnoloxías teñen unha incidencia directa sobre a eficiencia do nitróxeno en solo e nos cultivos. Por unha banda, C-Prol protexe aos nutrientes do fertilizante de posibles perdas, mellorando a súa dispoñibilidade, e por outro Zimactiv estimula as funcionalidades do nitróxeno dentro das plantas e actúa como catalizador encimático dos ciclos do carbono e do nitróxeno no solo. Son dúas tecnoloxías totalmente sinérxicas que dirixen a súa acción cara á mellora da eficiencia do nitróxeno que como consecuencia melloran os rendementos dos cultivos.

-Vemos que o DZ+ ten unha porcentaxe elevada de xofre, que melloras achega ao produto?
-Este é un factor diferencial que o distingue do resto de produtos nitroxenados do mercado. Cando falamos de xofre nos fertilizantes, non debemos quedarnos só na cantidade, a dispoñibilidade do elemento e a forma química en que se achega é o aspecto máis importante para predicir o seu funcionamento.

O xofre de Nergetic DZ + é 100% soluble e por tanto 100% dispoñible para os cultivos, pero é a estrutura química que se forma na fabricación do nitrato o que lle confire as bondades fertilizantes que ten este produto. Así, o nitróxeno e o xofre están unidos nesta estrutura cristalina de tal maneira que cando o gran de fertilizante se solubiliza, sempre se xera unha solución de N+S no solo, que queda ao dispor das plantas, asegurando a fertilización conxunta destes dous elementos.

-Cales son os principais beneficios do DZ+?
-Nergetiz DZ+ é a solución de nutrición vexetal nitroxenada máis potente de Grupo Fertiberia e pola súa estrutura química, a súa composición e polas tecnoloxías que o acompañan, o que presenta as unidades nitroxenadas máis eficientes. Conseguimos:

• Aumentar a sustentabilidade das contornas agrícolas por controlar a lixiviación do N.

• Proporciona unha fertilización de coberteira máis completa ( N+ S+ Mn+ Zn+ B+ Mo).

• Ao aumentar o tempo de residencia do N no solo, aumentamos a súa eficiencia e por tanto as posibilidades de ser absorbidos polos cultivos.

• Mellores colleitas en cantidade e en calidade.

• Aumentamos a rendibilidade dos cultivos que son fertilizados con Nergetic DZ+.

-En que cultivos e en que épocas sería apropiado?
-Nergetic DZ+ é un nitroxenado adecuado para a coberteira de todos os cultivos, adaptándose polo seu funcionamento no solo e polo seu contido en nitróxeno nítrico tanto a coberteiras temperás como a coberteiras tardías.

-Pódese utilizar en zonas vulnerables?
-Na actualidade hai moitos plans de actuación definidos para zonas vulnerables en toda a península e está a aumentar a superficie control ano tras ano, neste sentido Nergetic DZ+ é un nitroxenado ideal e moi recomendable para o seu uso en zonas vulnerables, polo control da lixiviación do nitróxeno que a tecnoloxía C-Prol mantén activa sobre o gran de Nergetic DZ+. Se a redución das perdas de nitróxeno nítrico no solo, que logo van parar aos acuíferos, é o que se pretende cos plans de actuación nas zonas vulnerables dunha comarca agrícola, Nergetic DZ+ é un gran aliado.

Campos de ensaio en Mazaricos de mesturas de herba con leguminosas: Ata un 70% de aforro en abonos nitroxenados

O aumento dos custes de produción no sector agrogandeiro está motivando o desenvolvemento da innovación e da investigación no entorno das materias primas. A mestura para o gando foi o punto de atención da xornada organizada o pasado mércores no concello coruñés de Mazaricos por Fertiprado, en colaboración con Fertiberia Tech, Botica do Xallas e a SAT Busto-Corzón. O obxectivo era amosar sete campos demostrativos diferentes con distintas solucións de mesturas anuais biodiversas de herba, todas elas ricas en leguminosas.

Neste caso examináronse as posibilidades de mesturas de herba para un só corte e caracterizadas pola alta cantidade de produción e por elevados contidos en fibra e proteína. A finalidade destes ensaios centrouse en extraer conclusións a cerca da viabilidade da produción de forraxes propias, baixo as condicións de uso, climáticas e dos solos presentes en Galicia. Os resultados cumpriron as expectativas dos promotores dos campos de ensaio, permitíndoos incentivar a posta en marcha destes cultivos.

Iniciativa, variedades utilizadas e pauta de abonado

 “A adaptabilidade das mesturas biodiversas a Galicia, e a mellora continua dos nosos produtos levounos a promover o desenvolvemento destes campos de ensaio coas posibilidades máis adaptadas a esta rexión”, explica o xestor de produto de Fertiprado, Joel Presa. Deste xeito, o ano pasado, a empresa portuguesa Fertiprado planificou, en colaboración con Fertiberia Tech e a Botica do Xallas, a posta en marcha dun campo de ensaio de cultivos anuais de herba biodiversos, sementando en franxas sete mesturas diferentes. A superficie utilizada forma parte da propiedade da gandería de vacún de leite SAT Busto-Corzón (Mazaricos).

Imaxe das franxas de cultivo de ensaio dos campos de Mazaricos

Para levar a cabo esta comprobación a pé de campo, seleccionáronse sete tipos diferentes de mesturas anuais, seis delas concibidas para a alimentación gandeira, e unha última unicamente de leguminosas destinada á captación de nitróxeno como abono verde para un posterior cultivo de millo.

Na parcela 1 plantouse ‘Speedmix XL’ (30 kg/ha); na 2, ‘Fertifeno XL’ (35 kg/ha); na 3, ‘Avex AC’ (40 kg/ha); na 4, ‘C-Mix AC’ (40kg/ha); na 5, ‘Centauro AC’ (40g/ha); na 6, ‘Tritimix L’ (65kg/ha); na 7, ‘Max AC’, para enterrar e así producir abono verde e captar nitróxeno, nunha proporción de 35 kg/ha.

Dentro das seis primeiras mesturas forraxeiras, destacaron as variedades de leguminosas, tales como o trevo persa Maral, trevo vesiculoso Fertiseta, trevo squarroso Fertirrosa e a veza villosa Amoreiras combinadas con varios tipos de raygras e cereais.

Na parcela unicamente de leguminosas as especies cambian radicalmente pasando a formar parte da mestura variedades como a serradella Orniferti, trevo encarnado Diogene, veza Piedade, tremocilla Mister e Baryt, Altramuz Karo e Rumba.

Estas variedades foron sementadas o 13 de outubro do ano pasado, cunha única pauta de abonado de 500 kg/ha de abono de Fertiberia ‘Corbigran’, introducida o 25 de febreiro de 2022. Neste caso “Fertiberia Tech apostou por unha fertilización máis sostible con menos unidades de aplicación, para que sexa mellor tanto para o gandeiro como para o medio ambiente, sen ter que recorrer a abonos nitroxenados que supoñen un aumento dos custes de produción”, detalla o director rexional de Fertiberia Tech, Nemesio García.

Resultados e conclusións obtidoas: “Redúcense entre un 60 e un 70% os custes de abonado”

 “Aínda falta entre unha ou dúas semanas para rematar e facer o ensilado”, avanza Joel Presa, pero cun ciclo de cultivo case completado, as agrupacións que levaron a cabo o proxecto organizaron unhas xornadas para a presentación dos resultados nos campos demostrativos. O xerente da Botica do Xallas, Pepe Agra, explicou que “cómpre partir da satisfacción percibida pola produción obtida cunha redución dun 60-70% dos custes de abonado”.

Pola súa parte, o presidente da SAT Busto-Corzón, José Manuel Fernández, afirmou que “coa semente de Fertiprado, notamos un aforro bestial este ano porque practicamente non utilizamos nada de purín e apenas abonamos”. Ademais, o gandeiro conclúe facendo fincapé en que “hai unha gran forraxe, e pensamos que imos sacar unha gran cantidade de quilos e cunha gran calidade en base a proteína”.

O punto de vista do xestor de produto de Fertiprado, respalda as percepcións de José Manuel, explicando que “se demostrou que é posible producir forraxes de alta calidade, optimizando recursos e utilizando menos abonos nitroxenados; de feito, obsérvase como herbas como o raygrass ten boa cor e bo tamaño grazas ao aporte das leguminosas e á biodiversidade da semente, polo que en Galicia pódese conseguir producir reducindo costes”.

En conclusión, Joel Presa cree que “este tipo de mesturas biodiversas ricas en leguminosas (MBRL) son unha boa solución para a rotación de cultivos, protección do solo, fomento da biodiversidade e redución da pegada de carbono nas explotacións introducindo prácticas de agricultura rexenerativa”.