Archives

Ence prevé investir 120 millóns en Pontevedra, sen aumentar liñas nin capacidade de produción

Ence - Energía y Celulosa prevé realizar 120 millóns de euros de investimentos na súa fábrica de Pontevedra para seguir avanzando na súa competitividade e sustentabilidade, así como para mellorar e diversificar o seu mix de produtos de celulosa Kraft. Grazas a estas melloras, a compañía sinala que reducirase o consumo de madeira e auga para producir as mesmas toneladas de celulosa. Neste sentido, recentemente foi exposto a información pública o proxecto de modificación do PIA/PSIS desta fábrica -Proxecto de Interese Autonómico, anteriormente denominado Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal-. Este non supón, en ningún caso, unha ampliación da biofábrica, senón que constitúe unha mellora integral da instalación. Esta modificación inclúe actuacións para a redución do consumo de auga en ata un 40%, á vez que farán posible que esta fábrica continúe operando en períodos de seca, sen afectar ao caudal do río Lérez, nin ao consumo cidadán. De igual modo, mellorarase a eficiencia da produción de pasta de celulosa, reducindo a cantidade de madeira consumida por tonelada de pasta. Esta redución do consumo de madeira equivale a uns 60.000 m3 de madeira ao ano para a produción actual da factoría. Este proxecto inclúe tamén medidas encamiñadas á descarbonización da instalación: a través da substitución de combustible fósil polo consumo de enerxías renovables lograrase unha redución das emisións. Tamén, medidas destinadas a reducir o seu consumo de enerxía (eléctrica, en aproximadamente 7.000.000 de kwh/ano, e térmica, nuns 100.000.000 de kWht/ano), aumentando así a súa eficiencia enerxética. Outras melloras ambientais incluídas neste plan permitirán seguir avanzando na redución das emisións olorosas e do impacto acústico. A este respecto, a modificación inclúe tamén medidas para a integración paisaxística e a minimización do impacto visual. Tamén contempla actuacións para a mellora dos produtos. Deste xeito, implementarase un sistema para incrementar o grao de secura da pasta, á vez que os novos dixestores dotarán dunha maior flexibilidade na operación, que fará posible a substitución de madeira Globulus por Nitens, sempre para a produción de celulosa Kraft.

Os impactos de Altri no territorio, a análise nun debate na USC

O grupo de innovación docente Ruralia da USC aborda os posibles impactos e as consecuencias que o proxecto Altri podería ter en caso de chegar finalmente a instalarse en territorio galego, no marco dunha mesa redonda que se celebrará o vindeiro 23 de abril, a partir das 19.00 horas, na Sala de Xuntas da Escola Politécnica Superior do Campus Terra. Esta sesión, incluída no ciclo ‘Na EPSE queremos saber’, promovido polo grupo Ruralia, contará como relatores con tres docentes e investigadores no Campus Terra da USC, tal e como son Eduardo Corbelle, Montserrat Valcárcel e Manuel A. Rodríguez Guitián. Estes abordarán nas súas respectivas intervencións os posibles impactos que a macro-planta de Altri podería ter en distintos ámbitos: modelo forestal, recursos hídricos e flora e hábitats naturais. O doutor Enxeñeiro de Montes e profesor da área de Enxeñaría Cartográfica, Xeodésica e Fotogrametría Eduardo Corbelle, que centra a súa liña de investigación principal na xestión de terras, tratará na súa intervención o impacto que esta industria pode ter no afondamento do modelo forestal baseado no eucalipto e a produción de madeira de baixo valor. A actual parlamentaria autonómica Montserrat Valcárcel, doutora en Enxeñaría Agrónoma é profesora na área de Hidráulica e Hidroloxía da USC, explicará o impacto que o consumo de auga que precisa o proxecto Altri pode ter a nivel da bacía do Ulla. Asemade, o tamén docente da área de Produción Vexetal da USC e doutor en Bioloxía Manuel A. Rodríguez Guitián, analizará os informes de avaliación sobre a flora e hábitats que forman parte da documentación sometida a exposición pública e a súa transcendencia no marco dunha iniciativa empresarial declarada como “proxecto industrial estratéxico”.

‘Fibra téxtil á galega: modelo de negocio’

O mercado de fibra téxtil natural, neste caso baseado en fibras obtidas de celulosa da madeira, preséntase coma un modelo auspiciado pola inxente demanda de consumo, derivada da “fast fashion” con “conciencia ecolóxica”, que obriga ao sector téxtil a procurar produtos alternativos aos derivados do petróleo. Con este modelo non se pretende axudar a parar unha demanda téxtil desaforada, que continuará a provocar un dos maiores impactos ambientais a nivel planetario e con graves problemas sociais, senón que a idea que subxace é continuar a consumir para manter os niveis económicos empresariais e as demandas de consumo, pero con fibras naturais, menos impactantes, pero a veces sen reparar moito en ver como se produce e o impacto que xeran. Tampouco parece que sexa un modelo onde a recircularidade, a reciclaxe e a incorporación de fibras téxtiles obsoletas e de corta vida teña un papel predominante na produción de novas fibras.
"Preténdese producir 'fast fashion' con fibras naturais con menor impacto ambiental, pero sen preocuparse moito en como se producen"
Modelo tractor e de enclave A priori, a confluencia da presenza en Galicia de materia prima forestal abundante para obter a celulosa precursora da fibra, xunto coa existencia de empresas multinacionais comercializadoras téxtiles, a posible asociación con empresas con tecnoloxías avanzadas e a existencia dun importante polo de fabricación téxtil no norte de Portugal poden artellar un marco de referencia de ámbito europeo en biotéxtil, se se entende como proxecto transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal. Porén, isto deixa algunhas cuestións cando a visión focaliza en Galicia:
  • Parece un modelo con dependencia de tecnoloxía e coñecemento externo, con escasa implicación do tecido empresarial innovador e de investigación local no desenvolvemente do proxecto.
  • Escasa integración con outras cadeas de valor engadido da industria da madeira en Galicia, non así no sector forestal, onde replica o modelo de aproveitamento de pasta de celulosa.
  • Falla de liderado político e sectorial galego para articular o proxecto. Desleixo da oportunidade para a creación dun consorcio público-privado con Xunta, empresas e propietarios forestais.
  • Impacto ambiental e mesmo socio-económico, aínda que sexa como a empresa Altri mesmo recoñece, “moderado”, e con necesidade de corrixir e controlar unha das zonas máis sensibles no interior de Galicia.
Modelo de xestión forestal Modelo de produción intensiva onde se precisa materia prima de crecemento rápido e baixa calidade para a trituración. Modelo baseado en monocultivo, de escaso diámetro e baixa calidade silvícola. Modelo que xa demostrou as complicacións que presenta para artellar un modelo de xestión forestal con silvicultura para a produción en cascada, mesmo con eucalipto, para obter madeira de calidade para outros usos con maior percorrido na cadea de valor e con maior vida útil, estes si, para dar tempo de captura de CO2 (madeira construción, mobles, carpintería). Situación do sector textil en Galicia. Cedida A priori, si se albisca unha maior competencia polo recurso, polo que se augura unha suba do prezo do eucalipto. Tamén é previsibile un descenso das exportacións da madeira en rolo de eucalipto, acorde cun aumento da demanda de consumo interno, nada desdeñable á vista dos consumos de madeira que presenta o informe de Impacto Ambiental de Altri. Ou non. Igual baixa, sempre é máis fácil poñer en común a dous que compran que a 600.000 que venden. En todo caso, parece previsible un incremento de produtividades por medio da silvicultura intensiva e mesmo con muda de especies: E globulus por E nites. Moratoria eucalipto Á vista dos datos do Inventario Forestal Continuo de Galicia, subliña que “Galicia conta cunha superficie de 1,5 millóns de hectáreas arboradas: 620.000 hectáreas de frondosas, 422.000 ha de coníferas e 409.000 ha de eucalipto”. Esta moratoria estará en principio vixente ata o 2025. Aínda non se chega ás 420.000 hectáreas de eucalipto. Será o momento de eliminar a moratoria? Modelo de financiación Dada a necesidade de financiación pública que expón a empresa promotora, esta situación é unha oportunidade, e mesmo pode ser unha esixencia, para a creación dun consorcio público privado coa Xunta, empresas e propietarios forestais que procure:
  • A aposta e un modelo silvícola e produtivo con maior percorrido e xeración de riqueza, sostible e socialmente inclusivo, que dispoña dun aproveitamento en cascada do recurso forestal, favorecendo a sinerxía da loxística e acopio para o subministro de trozas de calidade a empresas locais que poidan aproveitala para produtos de maior valor engadido como madeira sólida.
  • Onde xogue un papel importante a procentaxe de incorporación de outras madeiras como frondosas (bidueiro) e a mesmo primen aquelas propostas onde a madeira proceda de actuacións exemplares de multifuncionalidade.
  • Onde se faga unha aposta pola investigación e a innovación local, con claro desempeño de actuacións de impulso e acompañamento de grupos e de centros de investigación galegos.
  • Unha clara definición como empresa tractora, onde sirva de panca de emprendemento para outras oportunidades de valorización de madeira e mesmo dos refugallos do propio proceso (lignina) como doutros sectores en clara simbiose co sector téxtil, en vistas a unha bioeconomía real e que transforme a fábrica na ansiada biorrefinería que precisa o sector forestal galego.
  • Onde se garanta a presenza de todas as voces na toma de decisións, sobre todo as que afecten a xestión do territorio.
Modelo local Sorprendente localización da planta en Palas de Rei. Unha zona moi sensible, dende o punto de vista ecosistémico e de territorio, sen experiencias de xestión de macro proxectos industriais e onde non está moi claro como pode inferir o proxecto na estrutura produtiva da zona (eminentemente gandeira e agrícola). Ou mesmo como establececer enlaces e sinerxías cos condicionantes socioeconómicos da comarca. Se non se teñen en conta estas cuestións, ao final a fábrica pode ser un gueto fabril, onde os traballadores poden vivir fóra da comarca, achegarse pola turilante nova autovía e marchar para as súas casas sen tomar un só café no pobo. Pero a empresa aduce que fará as cousas ben e mesmo mellor que o que se demanda por Lei. Tamén pode subvencionar as camisetas do equipo de fútbol de Palas de Rei. Situación do mercado téxtil no norte de Portugal. Cedida Curiosamente, dita localización foi desbotada por Ence cando se plantexaba a súa marcha de Pontevedra. A priori, o proceso produtivo e os consumos son moi similares entre Altri e Ence. Tamén lembro que hai outras zonas de Galicia máis preto da costa (a loxística por barco parece fundamental), pero tamén moi preto do recurso forestal, con ampla traxectoria na xestión de grandes infraestruturas industriais e con redes loxísticas robustas e probadas, con opción de fondos. Modelo de integración social Por outra parte, o proxecto adoece de certo desleixo da empresa Altri en partillar, con quen van a ser os seus veciños de por vida, como queren entrar na comunidade e veciñanza de Palas de Rei. Aquí podemos poñer centos de referencias, como as protestas, asambleas informativas, artigos de opinión de todo tipo de colectivos, non precisamente todos ecoloxistas, que se senten ameazados polo proxecto. Os efectos medioambientais están sendo avaliados e mesmo postos en solfa polo movemento ecoloxista galego, con ADEGA ou a Plafaroma Ulloa Viva como referentes que, ademais, de xeito ben xeneroso e impagable, adican o mellor do seu tempo para alegar contra informes realizados por un tropel de técnicos e expertos ben pagados e con todos os medios ao seu dispor. De momento, Altri xa recoñece que faltou comunicación para explicar o proxecto e mesmo agora propón charlas informativas polas parroquias [Nota: o artigo foi escrito antes da suspensión da rolda de charlas de Altri]. Non é menor a cuestión, sobre todo, cando a empresa solicita a todos os seus veciños axudas e financiación para construír a fábrica. Iremos a escoitalas. Parece necesario artellar un diálogo de escoita activa, non só un diálogo normativo e administrativo (menudo xeito de comezar unha veciñanza de moitos anos) coas persoas de entorno onde se pretende localizar a fábrica, e mesmo con afectados, que directa ou indirectamente se senten ameazados pola implantación, a excepción do alcalde que na lóxica da despoboación do rural defende a fábrica en base o discurso de creación de postos de traballo. Esta é unha realidade en moitas propostas e estratexias industriais e sectoriais, onde non se ten en conta e mesmo se desacredita as opinións que poidan ser contratrias as establecidas polos interesados [non teñen o coñecemento suficiente, están manipulados, son unhas ecoloxistas ultra perroflautas urbanitas]. Pero, porén, si solicitan que todos financien, auspicien e mesmo feliciten a súa estratexia ou a súa proposta industrial. “Yo traigo el progreso y la riqueza, apártate”. Conclusións Ja, picaches. Non teño conclusións. Só faltaba que dende a miña inxenuidade dese latricas sobre a conveniencia dunha actuación deste calado. Este é un asunto complexo e con moitas cuestións tecnolóxicas aínda por concretar pola propia empresa (agardamos con expectación as charlas parroquiais que prometen impartir) e, ademais un proceso longo que precisa moito tempo e recursos para analizalos e para poder opinar con “rigor e criterio”, como demandan dende a empresa e dende un goberno autonómico que xa ten claro que é bo para Galicia e un establishment lobista, con tan fondas raíces que mesmo naceu no territorio. E os votos parece que lle deron a razón a Alfonso Rueda, que apoia este proxecto. Ou non?

Sae a información pública o estudo de impacto ambiental da planta de Altri en Palas

A planta de celulosa e lyocell proxectada para Palas de Rei (Lugo) avanza novos pasos para a súa construción. Greenfiber, a firma promotora, participada por Altri e Greenalia, xa presentou o estudo de impacto ambiental e a lista de parcelas afectadas polas canalizacións de captación de augas e de verquido de augas residuais, que suman máis de 20 quilómetros. Xunto coa presentación do estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización ambiental, Greenfiber pediu a declaración de utilidade pública da instalación, o que permitiría executar expropiacións das terras precisas para completar a planta e as súas canalizacións. O Diario Oficial de Galicia publicou hoxe a lista de propietarios afectados, que inclúe a veciños de Melide e Santiso (A Coruña), Agolada (Pontevedra) e Palas de Rei (Lugo). Captación e verquido de augas Unha das cuestións máis polémicas desde o punto de vista veciñal e desde o ambiental é o da captación e verquido de augas. É un escenario co que xa se contaba no 2022, cando se anunciou a planta, e que está a tensarse nas últimas semanas. Os veciños dos concellos afectados tachan de escurantista o proceso e están a reclamar máis información. Desde Agolada, propietarios afectados emitiron un comunicado días atrás cuestionando que non puidesen presentar alegacións ó proxecto de captación e verquido de augas, pois aseguran que o proxecto non foi exposto no Concello. malia que din que lle foi reclamado ó Goberno local en numerosas ocasións. Doutro lado, colectivos ecoloxistas como Adega advirten do impacto dos verquidos da planta no río Ulla, cun posible efecto na economía marisqueira da ría de Arousa. A instalación ten previsto captar 46.000 metros cúbicos de auga cada día do encoro de Portodemouros, á altura de Agolada, e prevese o verquido de 30.000 metros cúbicos de auga ó día. Greenfiber sempre defendeu que o verquido de augas se colocará antes do punto de captación, o que entende que posibilitará unha certa recirculación da auga verquida no proceso da planta, reducindo o impacto ambiental. As canalizacións de augas superarán os 20 quilómetros (12,5 km. para a de captación e 8,8 km. para a de verquido). Toda a documentación do proxecto poderá consultarse neste enlace. Produción da planta A solicitude de autorización ambiental da planta aclara tamén o proxecto de produción. Se nun inicio, hai dous anos, se falara da creación dunha instalación para a produción de fibras téxtiles (lyocell), a realidade é que a industria adicarase de xeito principal á produción de celulosa, que acaparará un 80% dos volumes producidos na súa primeira fase, en tanto o lyocell suporá arredor dun 20% da produción. En toneladas, espérase a produción nun inicio de 250.000 toneladas de celulosa e de 60.000 de lyocell. Cando a instalación estea en pleno funcionamento, a capacidade produtiva será de 400.000 toneladas de celulosa e de 200.000 de lyocell. Materia prima A materia prima para abastecer á planta será, como se esperaba, eucalipto globulus e nitens. Nun principio, a planta consumirá 1,2 millóns de metros cúbicos de eucalipto ó ano, e cando estea a pleno rendemento achegarase ós 2,4 millóns de metros cúbicos de eucalipto. Desde o punto de vista forestal, os propietarios ven a instalación como positiva, pois introduce maior competencia polo eucalipto galego, que tiña ata o de agora un mercado limitado, coas plantas de Ence en Pontevedra e Asturias como principais destinos, con partidas menores para as plantas portuguesas da propia Altri e Navigator e para instalacións do resto da península (Zaragoza, País Vasco). Por contra, desde a perspectiva dos ecoloxistas, témese que esa maior demanda se traduza nun aumento da superficie de eucalipto por medio de plantacións ilegais ‘consentidas’. Cómpre lembrar que a normativa actual prohíbe plantar eucalipto en superficies agrarias ou en substitución de masas de frondosas. Existe tamén unha moratoria ata o 2025 que ademais prohíbe substituír piñeirais por eucaliptais, se ben queda por ver como se resolve esa restricción a partir do próximo ano.

Ence rexistra beneficios de novo gracias á reducción de custos e o aumento de prezos da celulosa

Ence – Energía y Celulosa rexistrou un beneficio neto de máis de 3M€ no cuarto trimestre de 2024, retomando así a senda dos beneficios grazas á redución de custos alcanzada e ao comezo da recuperación do prezo da celulosa. Os tres primeiros trimestres do ano estiveron marcados polos baixos prezos da celulosa, que tocaron fondo no mes de agosto, de tal modo que o resultado do exercicio situouse en -25 M€. Desde entón, e ata o de agora, os prezos recuperáronse máis dun 40%. Así mesmo, os principais produtores anunciaron subidas adicionais. Desde o punto de vista operativo a papeleira destaca un aumento do 15% na produción de celulosa no cuarto trimestre respecto ao anterior, ata superar as 266.000 toneladas. Así mesmo, o exercicio 2023 caracterizouse pola importante redución de custos alcanzada, de 180€ no custo por tonelada de celulosa, levando o cash cost ata os 455€/t. As celulosas especiais de Ence, máis sostibles e adaptadas para substituír á fibra longa e aos plásticos, seguen gañando cota de mercado, crecendo ata alcanzar un 28% das vendas totais de celulosa no cuarto trimestre, e un 22% no conxunto do ano. O resultado operativo (EBITDA) consolidado do Grupo alcanzou os 25 M€ no cuarto trimestre e 89 M€ en 2023.

Crecemento e diversificación en celulosa e enerxías renovables

No negocio de celulosa, Ence continúa potenciando a venda das súas celulosas especiais e puxo en marcha o proxecto para diversificar a súa produción cara a celulosa fluff, para produtos hixiénicos absorbentes, cuxo arranque está previsto para 2026. Ademais, a compañía continúa avanzando na enxeñería e tramitación do proxecto das Pontes, unha bioplanta para a produción de fibra reciclada e branqueada a base de papel e cartón recuperados, sen incrementar o consumo de madeira e aproveitando o terreo industrial no que se situaba a antiga central térmica. No negocio de renovables, o grupo continúa avanzando na diversificación das súas actividades cara á venda de enerxía térmica renovable e de biometano principalmente, aproveitando a súa posición de liderado en xestión de biomasa no mercado nacional. Pola súa banda, Ence Biogas prevé a posta en marcha dunha vintena de proxectos no próximos cinco anos. Ademais, esta filial xa conta cunha carteira de 6 plantas de biometano en fase de enxeñería e tramitación administrativa, cuxa entrada en funcionamento está prevista para 2026.

Ence anuncia que xa pechou acordos de venda para toda a súa produción de celulosa de 2024

Ence anuncia que xa pechou acordos de venda para máis de un millón de toneladas de celulosa para este ano 2024, o que supón cubrir o máximo de produción das biofábricas da compañía para o presente exercicio. Principalmente, os acordos de venda alcanzados teñen por destino o mercado europeo, no que Ence ten importantes vantaxes competitivas loxísticas e de servizo ao cliente. A través destas operacións, a compañía logra aumentar a súa cota de mercado no continente, e mellorar o seu posicionamento en segmentos chave. Tal é o caso das especialidades, o packaging e, moi especialmente, o tisú, segmentos que representan preto do 90% das vendas contratadas. Neste sentido, dende Ence destacan o incremento de volume en segmentos en crecemento, como o dos papeis sanitarios. Ademáis, a compañía pon en valor o aumento das súas vendas de produtos especiais, englobados baixo a marca “Ence Advanced”, que achegan un plus de valor engadido nun mercado altamente competitivo. Trátase de celulosa especial destinada a multitude de aplicacións que permiten a substitución de fibra longa por fibra curta; e que se erixen como alternativas sostibles ás fibras sintéticas, como os plásticos, contribuíndo así ao avance da bioeconomía circular. Estes produtos representaron xa un 25% dos ingresos por venda de celulosa da compañía no terceiro trimestre de 2023. O obxectivo de Ence é que supoñan máis do 40% das vendas de celulosa en 2027. Doutra banda, dende Ence salientan que “os acordos de venda pechados para este ano evidencian a importante capilaridade da compañía, de tal modo que as operacións pechadas con clientes pequenos e medianos superan amplamente a metade das vendas da empresa”.