Subas na recría de cruces industriais e no vacún maior en Silleda

A Central Agropecuaria de Galicia rexistra un aumento dos prezos dos becerros de recría de cruzamentos industriais, no vacún maior e en boa partes dos tenreiros carniceiros. Novas baixadas do porco cebado

Subas na recría de cruces industriais e no vacún maior en Silleda

Becerros na Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A Central Agropecuaria de Galicia-Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra), rexistrou este martes novas subas na recría de cruzamentos industriais, así como no vacún maior e varias categorías dos becerros carniceiros. Esta semana alcanzouse ademais un prezo récord para unha vaca de raza Rubia Galega vendida por 5.627 euros. Mentres, nas mesas de cotización do porcino houbo unha baixada xeral dos prezos dos porcos cebados. Os leitóns mantéñense sen cambios, do mesmo xeito que o mercado do ovo.

En canto ós prezos da recría, esta semana os becerros frisóns experimentaron unha lixeira baixada. Os becerros máis novos, os de menos de 20 días, descontaron 1 euro e cotízanse a 81 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a categoría máis numerosa produciuse unha baixada de 2 euros e o prezo medio é agora de 97 euros. A redución máis acusada produciuse nos becerros de máis de 50 días, que descontaron 24 euros, de xeito que se sitúan nos 96 euros.

Na recría de cruces industriais a tendencia foi á alza. Nos becerros de menos de 20 días o prezo incrementouse en 21 euros e acadan os 268 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días a suba foi de 28 euros e sitúanse nos 294 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días produciuse un incremento de 27 euros e o prezo medio é de 355 euros.

Nos becerros carniceiros houbo incrementos dos prezos en boa parte das categorías. Os becerros de raza frisoa cotizáronse a 570 euros, o que supón un incremento de 38 euros. Porén, a única femia adxudicada desta raza marcou un prezo de 242 euros. Os becerros de cruces industriais foron unha das excepcións cunha baixada de 27 euros nos machos e de 44 euros para as femias, o que deixa un prezo medio de 879 e 726 euros respectivamente. Pola súa parte, os becerros de Rubia Galega conseguiron unha suba de 161 euros, a máis destacada da sesión e acadan os 1.139 euros. As femias desta raza non tiveron a mesma sorte e rexistraron unha baixada de 31 euros ata os 758 euros. Nos becerros co selo Ternera Gallega Suprema houbo unha suba 40 euros, co que o prezo medio atópase nos 895 euros.

O vacún maior rexistrou este martes destacadas subas. A máis importante produciuse nas vacas da categoría extra, cun incremento de 153 euros pasan a cotizarse a un prezo medio de 2.059 euros. Os animais de primeira mantéñense no mesmo prezo medio esta semana, 1.134 euros. Nas vacas de segunda houbo un incremento de 10 euros e cotízanse a 718 euros. Nos exemplares de desfeito produciuse unha suba de 13 euros e están a 488 euros. Os animais co selo Vaca e Boi de Galicia conseguiron situarse nos 1.269 euros de media, logo dun aumento de 116 euros.

Central Agropecuaria Galicia 12ˍ10ˍ2021

Baixa o porco cebado

Esta semana as mesas de cotizacións do porcino acordaron novas baixadas no porco cebado mentres que os leitóns se manteñen sen cambios. O porco selecto e o normal cotízanse a 1,075 e 1,050 euros o quilo, respectivamente logo de experimentar unha baixada de 0,03 euros. Os exemplares de Canal II sitúanse en 1,364 euros, tras unha redución de 0,039 euros. Os animais de desvelle tamén acusaron unha rebaixa de 0,03 euros e atópanse entre os 0,28 e os 0,34 euros.

Os leitóns mantéñense esta semana sen cambios. Os exemplares procedentes dunha única granxa están nos 28 euros (cun prezo de 1,4 euros o quilo) e os animais chegados de varias ganderías sitúanse nos 23 euros e cun prezo por quilo de 1,15 euros.

No mercado do ovo non houbo cambios este martes. Os ovos da XL cotízanse a 1,65 euros a ducia, os da L están a 1,30 euros, os da M atópanse a 1,12 euros e os da S páganse a 0,91 euros. As galiñas de descarte experimentaron unha lixeira suba de 0,01 euros e agora sitúanse entre os 0,16 e os 0,23 euros por quilo.

O prezo do coello estabilízase, logo de varias semanas á alza. Atópase a 2,25 euros o quilo.
Central Agropecuaria Galicia Porcino 12ˍ10ˍ2021

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información