Baixada nos prezos dos leitóns e nos ovos

Con motivo da celebración da Semana Verde suspéndese o mercado de gando vacún na Central Agropecuaria de Galicia. Nas mesas de prezos do porcino cotizan á baixa os bacoriños e mantense estable o porco cebado. Cae o prezo do ovo

Baixada nos prezos dos leitóns e nos ovos

A celebración da Semana Verde-A Banca, que arranca este xoves día 8 e se prolonga ata o domingo 11, obrigou a suspender este martes o mercado de gando vacún, que ten lugar nas mesmas instalacións. A actividade retomarase de xeito paulatino a vindeira semana, coa venda de becerros de recría. En concreto, para a feira do próximo martes, a apertura de portas para a recepción de animais farase a partir das 22.00 horas do luns día 12. Haberá que agardar ata a xornada do día 20 para que o mercado recupere a presenza de vacún maior e becerros carniceiros.

Na sesión de hoxe fixéronse públicos as cotizacións das mesas de prezos de porcino e do mercado do ovo, que se celebraron con normalidade.

Así, as mesas de cotizacións do porcino mantivéronse esta semana sen cambios no porco cebado, pero os leitóns acusaron unha nova baixada de 3 euros. Os exemplares chegados dunha única granxa están nos 99 euros (cun prezo de 4,95 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 94 euros e cun prezo por quilo de 4,7 euros.

Nos animais cebados, o porco selecto e o normal teñen un valor de 2,055 e 2,03 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,636 euros. Os animais de descarte cotízanse entre 1,37 e 1,43 euros o quilo.

O mercado do ovo tamén experimentou esta semana unha baixada de 0,03 euros en case tódalas categorías. Só os ovos da XL se manteñen sen cambios e están a 2,94 euros a ducia. Mentres, coa baixada o prezo dos da L foi de 2,68 euros a ducia, os ovos da M a 2,32 euros e os da S páganse a 2,07 euros a ducia. As galiñas de descarte semipesadas mantéñense sen variacións e cotízanse entre os 0,32 e os 0,40 euros o quilo.

O prezo do coello está nos 2,4 euros o quilo segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun).

Central porcino 06_06_2023

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información