A Central Agropecuaria de Galicia Abanca rexistrou hoxe o seu maior volume histórico de transaccións na categoría de becerros de recría, alcanzando os 248.862 euros (a anterior marca do mercado estaba nos 241.294 euros do 1 de agosto de 2023). As transaccións estiveron motivadas pola grande asistencia de animais desta categoría (924 exemplares, que supuxeron a maior concorrencia no que vai de 2024), que está relacionada coa suspensión da poxa de tenreiros de recría da semana pasada.
Por outra banda, hoxe rexistrouse o sexto maior prezo conseguido por un exemplar de vacún maior na Central, un boi de raza Rubia Galega, nacido no ano 2018 e pertencente a unha explotación de Silleda (Pontevedra), o cal foi adquirido por 9.070 euros por Cárnicas Champam (Lugo).
Prezos do vacún
Facemos agora un repaso detallado polas distintas seccións do gando vacún para coñecer a evolución dos prezos. É preciso ter en conta que se trata de prezos medios e que o valor dos exemplares estará condicionado tamén por outros factores.
A pasada semana non houbo poxa nos becerros de recría, así, nesta semana na raza frisoa os becerros de 15 a 20 días quedaron nun prezo de 72,25 euros; os de 21 a 50 días en 119,47 euros e os de máis de 50 días en 153,25 euros. Pola súa banda, os de cruzamento industrial alcanzan un prezo medio de 350 euros nos machos máis novos e en 206 euros as femias; nos de 21 a 50 días quedan nos 369 euros, mentres que as femias en 258 euros, e os de máis de 50 días nos 532 euros e as femias en 355 euros.
Os tenreiros carniceiros, os de raza frisoa subiron 34 euros e alcanzaron os 597 euros, mentres que os de cruzamento industrial mantivéronse nos 1.066 euros. Ademais, a Tenreira Galega Suprema subiu 5 euros e vendeuse a un prezo medio de 1.117 euros.
Esta semana o vacún maior rexistrou subas en dúas categorías e descenso nas outras dúas. Así, na categoría extra tivo un aumento de 105 euros e chegou aos 2.057 euros e na categoría segunda subiu 36 euros e alcanzou os 759 euros. Pola súa banda, na categoría primeira o prezo medio desta semana foi de 1.163 euros (-9 euros) e o da de desfeito de 455 euros (-44 euros). A categoría Vaca e Boi de Galicia cotizouse esta semana a 1.627 euros (-499 euros).
Mesas de prezos
As mesas de cotizacións do porcino experimentaron novas subidas nos prezos do porco cebado. Os animais das categorías selecta e normal subiron 0,03 euros e quedan nos 1,725 e 1,7 euros o quilo, respectivamente. Os porcos de Canle II están a 2,208 euros, tras unha subida de 0,039 euros. Os animais de descarte aumentaron 0,04 euros e cotízanse entre 0,87 e 0,93 euros o quilo.
Os leitóns continúan á alza. Esta semana tiveron un incremento de 2 euros para ambas as categorías. Así, os exemplares chegados dunha única granxa están agora nos 100 euros (cun prezo de 5 euros o quilo) e os animais procedentes de varias gandarías cotízanse a 95 euros e cun prezo por quilo de 4,75 euros.
O mercado do ovo mantívose igual en todas as categorías. Así quedaron cun prezo de 2,81 euros os XL; 2,26 euros os da L; 1,97 euros os da M e 1,69 euros os do S. As galiñas de descarte semipesadas subiron esta semana 0,01 euros e o prezo medio dos animais semipesados de entre 2,1 e 2,2 quilos sitúase entre 0,22 e 0,30 euros o quilo.
O prezo do coello está nos 2,35 euros o quilo, segundo a Mesa de Prezos Nacional do Coello (Loncun) do 15 de febreiro.