Silleda comeza a informar sobre os prezos que acadan os animais de Ternera Gallega

A Central Agropecuaria de Galicia facilita dende hoxe as cotizacións medias do vacún maior e dos becerros carniceiros para exemplares de Vaca e Boi de Galicia e para os tenreiros de Suprema. Na sesión tamén se conseguiu un novo récord no vacún maior

Silleda comeza a informar sobre os prezos que acadan os animais de Ternera Gallega

Exemplares de vacún maior nunha das sesións da Central Agropecuaria de Galicia.

A Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, en Silleda (Pontevedra), facilita dende hoxe o prezo medio dos animais que acudan á poxa e dispoñan dos distintivos de Ternera Gallega. Así, no vacún maior informarán sobre os exemplares co selo de calidade Vaca e Boi de Galicia, mentres que nos becerros carniceiros detallarán os prezos e os animais que conten co distintivo de Ternera Gallega Suprema.

Este prezo medio está diferenciado cun obxectivo informativo, pero os animais con estes distintivos están xa incluídos nas súas correspondentes categorías dentro do vacún maior e dos tenreiros carniceiros. “Preténdese ofrecer información do prezo destes animais na Central, ante o crecente interese dos compradores polos animais con estes selos”, explican dende a Central.

Nesta primeira sesión no vacún maior, rexistrouse un só animal de Vaca e Boi de Galicia que acadou un prezo de 864,50 euros. No resto das categorías de vacún maior a tendencia foi á alza. Así, nas vacas de primeira o valor incrementouse en 31 euros e pasaron a cotizarse a 1.114 euros de media. As vacas de desvelle tamén rexistraron unha suba, neste caso de 5 euros e sitúanse a un prezo medio de 467 euros. A única excepción veu nos animais de segunda, onde se produciu unha baixada de 15 euros e pasan a cotizarse a 720 euros.

Ademais, o vacún maior volveu acadar hoxe, por segunda semana consecutiva, un novo récord anual do prezo medio. Se a semana pasada se rexistraba esta marca anual no vacún maior cun prezo medio de 955,58 euros, hoxe superábase esta cifra ata chegar ós 976,95 euros. Ó igual que na sesión anterior, esta nova marca está motivada tanto pola calidade dos exemplares presentes como pola mellora dos prezos pagados por estes animais, segundo indicaron dende a Central.

Suba da recría frisoa

En canto ós prezos da recría, nos animais de raza Frisoa a tendencia foi á alza, con subas en tódalas categorías. Os becerros de menos de 20 días cotizáronse a 97 euros, logo dun incremento de 12 euros. Nos animais de entre 20 e 50 días, a categoría máis abundante e representativa do mercado, a suba foi de 13 euros e pasan a situarse nun valor medio de 121 euros. Os tenreiros de máis de 50 días suman 4 euros e acadan un prezo medio de 137 euros.

Nas razas industriais houbo un redución dos prezos en boa parte das seccións. A única suba rexistrouse nos animais de menos de 20 días, que incrementaron o seu valor en 49 euros e acadaron os 271 euros de media. Mentres, nos becerros de entre 20 e 50 días o prezo reduciuse en 20 euros ata os 246 euros. Nos tenreiros de máis de 50 días a baixada foi de 44 euros e situáronse a un prezo medio de 372 euros.

Nos becerros carniceiros, houbo suba nos becerros frisóns, que incrementaron o seu valor en 21 euros e acadaron un valor medio de 367 euros. No caso dos tenreiros de cruces industriais os prezos foron á baixa, cunha redución de 51 euros nos machos, que pasan a cotizarse a 855 euros; así coma nas femias, onde o prezo se reduciu en 3 euros e quedan en 801 euros. Nesta primeira sesión na que se identificou os animais de Ternera Gallega Suprema, rexistráronse 14 exemplares e o seu prezo medio sitúase nos 915,21 euros.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Vacun-07_07_2020-

Baixada dos leitóns

As mesas de cotización do porcino acordaron manter sen cambios os prezos do porco cebado, mentres que o dos leitóns caeu novamente en tódalas categorías, logo das baixadas rexistradas xa a semana pasada. Así, o valor do porco selecto e o normal sitúanse a un prezo medio de 1,355 e 1,330 euros respectivamente. Os animais de Canal II atópanse a un valor de 1,727 euros por quilo. Nos porcos de desvelle o prezo medio sitúase entre 0,47 e os 0,53 euros por quilo.

Nos bacoriños, rexistrouse una baixada de 4 euros polo que os animais procedentes dunha única granxa sitúanse nos 46 euros, mentres que os chegados de diferentes ganderías pasan a ter un valor de 41 euros. O prezo por quilo é de 2,3 e 2,05 euros respectivamente.

O mercado do ovo tamén se mantén esta semana sen variacións. Os ovos da categoría XL cotízanse a 1,56 euros a ducia, os da L acadan 1,17 euros, os da M sitúanse a 1,07 euros e os de menor tamaño, os da S, a 0,92 euros a ducia. As galiñas de desvelle teñen un prezo medio de entre 0,04 e 0,12 euros por quilo.

Na lonxa de Madrid, esta semana o prezo do coello continúa asentado en 1,75 euros o quilo.

Central-Agropecuaria-de-Galicia-Porcino--07_07_2020

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información