Leite

A sementeira do millo acumula retraso este ano, obrigando a botar ciclos máis curtos

As chuvias da semana pasada e as previstas para a vindeira condicionan o inicio da campaña. Prevese un maior desenvolvemento da herba en competencia co cultivo e hai preocupación pola posible incidencia do verme soldado, trala aparición da praga o ano pasado

Loading ad.
Ad could not be loaded.
Camilo Friol 09/05/2024 2:27 p.m.

[caption id="attachment_230834" align="aligncenter" width="660"] A cooperativa CLUN dispón na Mariña dunha nova sementadora que reduce a distancia entre regos[/caption]

Estes días arrinca o forte da campaña de sementeira do millo en Galicia cuns 20 días de retraso con respecto ao ano pasado. As chuvias da pasada semana frearon os traballos de laboreo e preparación das terras e non permitiron entrar até agora nas parcelas para labrar.

A temperatura do solo tampouco foi até agora a idónea para a nascencia, que se podería complicar nas zonas do interior se o calor comeza xa a apertar nas primeiras semanas de xuño, dificultando o desenvolvemento da planta nos seus estadíos iniciais.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

O retraso na data de sementeira obriga nalgúns casos a acurtar os ciclos de cultivo para evitar que o millo veña a maduro en pleno outono para o seu ensilado, cando a probabilidade de choivas é maior, o que está a facer que a semente de ciclos máis curtos escasee.

Coa semente xa mercada, algunhas explotacións terán que arriscarse a facer o ensilado máis tarde no mes de outubro

Noutros casos, coa semente xa mercada, as explotacións terán que arriscarse a facer o ensilado máis tarde, se ben nos últimos anos, co incremento das temperaturas durante os meses do verán, as fases de crecemento do cultivo estanse a acurtar e adiantar.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

En zonas como a comarca do Deza e o sur de Lugo os protagonistas este ano volverán ser os ciclos 250-300, mentres que no Xallas ou nas zonas de costa da Coruña e Lugo séguese a apostar por ciclos entre 450 e 600.

Agárdase maior competencia de malas herbas pola humidade e porque os herbicidas de pre-emerxencia botados en abril xa perderon efectividade

En Galicia seméntanse unhas 71.000 hectáreas de millo forraxeiro, o 75% das 95.000 que se botan en España, e este ano prevese unha maior competencia de malas herbas nas terras, un dos factores que determina en boa medida a produción final, debido  por un lado á humidade que hai no chan e por outro a que os herbicidas de pre-emerxencia aplicados no mes de abril xa perderon efectividade, polo que vai ser clave estar atentos ao estado do cultivo para aplicar o tratamento de post-emerxencia no momento óptimo.

Loading ad.
Ad could not be loaded.

Reaparición do verme soldado

En canto ás pragas, hai preocupación pola posible reaparición do verme soldado (Mythimna unipuncta), que o ano pasado afectou de maneira importante a zonas da provincia da Coruña, principalmente no Xallas e na Costa da Morte, e tamén a fincas da Mariña de Lugo, tanto de millo como de herba.  

O verme soldado, que fixo a súa aparición o ano pasado, súmase a pragas habituais como o verme do arame ou a rosquilla

Esta eiruga defoliadora procede dos Estados Unidos e na actualidade xa se expandiu practicamente a todos os continentes. Até agora os seus danos eran limitados en pradarías e nalgún rodal de millo, pero a primavera seca e con temperaturas altas que houbo o ano pasado adiantou o seu ciclo varias semanas multiplicando os danos.

O verme soldado pasa o inverno como crisálida ou larva enterrada na terra, en función da temperatura de cada zona. O voo de adulto iníciase en maio, coa suba das temperaturas. As leiras nas que o millo se sementou máis tarde e nas que as plantas tiñan as follas máis tenras foron as máis afectadas o ano pasado cando se produciu a eclosión da praga no mes de agosto.

Manter os bordos das fincas limpos de herba, ao igual que o propio cultivo, é a principal medida preventiva fronte a esta praga defoliadora

As larvas localízanse polo día na base das plantas e pola noite aliméntanse das follas, defoliando por completo a planta e provocando danos significativos no cultivo, deixando en moitos casos só a nervadura central da folla.

As avelaíñas poñen os ovos na herba, polo que é necesario manter os bordos das terras de millo e a propia plantación o máis limpa posible de herbas, especialmente de gramíneas adventicias (setaria, panico, digitaria), xa que son importantes reservorios da praga.

Analizamos como se presenta a sementeira nalgunhas das principais comarcas produtoras:

[box style="0"]

José Ramón Loza (CLUN)

“Imos manter o ciclo 600 aínda que nos arrisquemos máis”

José Ramón Loza é o responsable de cultivos da cooperativa CLUN na Mariña, que ten previsto sementar co seu parque de maquinaria unhas 1.300 hectáreas de millo, 600 para ensilar no Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños (CAVI) e outras 700 para socios que ensilan na casa.

As previsións iniciais que tiñan este ano eran aumentar un pouco a superficie labrada con respecto ao ano pasado, no que a colleita na Mariña foi mala e obrigounos a mercar millo noutras zonas para encher os silos.

Pero a estas alturas están aínda comezando a sementar, polo que o retraso é importante. “O ano pasado por estas datas levábamos 450 hectáreas xa botadas pero este ano non levamos practicamente nada, probaramos as máquinas e pouco máis nunhas 6 hectáreas antes de que se puxera a chover”, explica José Ramón.

O ano pasado por estas datas levábamos xa 450 hectáreas botadas pero este ano aínda estamos empezando

Malia a demora, contan poder recuperar nas vindeiras semanas se o tempo se estabiliza e acabar de sementar máis ou menos coma outros anos. “Nestas próximas semanas trataremos de remontar; se o tempo non entorpece máis imos tratar de ir nas datas habituais. Metidos xa en maio non é tan importante que chova puntualmente, como parece que apuntan as previsións para a vindeira semana, porque se logo vén sol e fai vento como os días son grandes, seca ben e pódese traballar sen problema, agás neses momentos nos que está chovendo”, indica.

Teñen previsto traballar de xeito continuo até o 15 de xuño e logo facer resembras puntuais ou fincas de socios que quedan soltas por mor dos últimos cortes de herba. “O traballo de ensilado da herba levabámolo bastante adiantado e iso vainos permitir ter dous equipos de sementeira continuamente traballando, sen ter que dividir os recursos entre a sementeira do millo e o ensilado da herba”, explica.

“Ao sementar máis tarde é necesario que en xuño chova algo”

Aínda que manterán os ciclos que inicialmente tiñan previstos, o parón provocado a semana pasada polas chuvias vainos obrigar a recompoñer o calendario e adiar o ensilado das 400 hectáreas de xestión directa para o CAVI, recollendo antes as que labran para os socios.

Os clientes vanse a ciclos un pouco máis curtos, entre 450 e 500, non hai moita xente que bote o 600 que botamos nós para o CAVI

“Nas fincas que xestionamos nós imos manter o ciclo 600, polo que virá un pouco máis tarde. A data de ensilado dependerá un pouco de como veña a climatoloxía e se vén como o ano pasado tampouco non se retrasará moitísimo. Pero os clientes vanse a ciclos un pouco máis curtos, entre 450 e 500, non hai moita xente que bote o 600 que botamos nós, polo que empezaremos a picar para socios e despois para o CAVI”, prevé José Ramón.

As sementeiras temperáns foran as que mellor se comportaran o ano pasado, polo que ao labrar máis tarde tamén existen máis riscos. “O ano pasado esa parte fora a que salvaramos mellor. Este ano estaremos máis expostos. Co que choveu a semana pasada as terras teñen humidade para as próximas dúas semanas e non teñen problema, pero necesitabamos que o mes de xuño chova algo para asegurar unha boa nascencia”, recoñece o responsable de maquinaria e cultivos de CLUN na Mariña.

Labrar a 60 centímetros de distancia entre regos para que o millo peche antes

O parque de maquinaria de Os Irmandiños estreará para esta campaña unha nova máquina. Trátase dunha sementadora Amazone de 10 corpos a 60 centímetros, o que lles vai permitir labrar 15 centímetros máis estreito que coa outra das máquinas da que dispoñen, unha John Deere.

“Imos labrar máis estreito para que o rego peche antes e tratar deste xeito de aforrar en fitosanitarios porque a planta sombrea antes a terra e non deixa saír ás malas herbas. “Imos manter a mesma estratexia de pulverización que outros anos pero tendo menos competencia de malas herbas. Até agora usabamos un único pase de herbicida en post-sementeira temperá pero nalgunhas ocasións non era suficiente e había que volver a entrar porque non lle daba tempo ao millo a medrar para afogar as malas herbas”, detalla.

Seguiremos botando 90.000 plantas por hectárea, pero distribuídas doutro xeito, con menos anchura entre regos e máis distancia entre plantas

Malia reducir a separación entre regos, o número de plantas por hectárea vai seguir sendo o mesmo. “Botamos a mesma doses, 90.000 plantas por hectárea, só que van distribuídas doutra forma porque os regos van máis xuntos pero as plantas van máis separadas entre si. Até agora labrabamos a 75 centímetros entre regos e a 16 centímetros entre plantas e agora imos pasar a sementar a 60 centímetros cunha distancia de 18-20 centímetros entre plantas”, explica.

Ademais de sombrear mellor a terra, esta distribución da semente ten outra vantaxe, xa que as plantas acceden mellor a todo o abono. “Nós non localizamos, xa que por loxística facilita as cousas e deste xeito a raíz da planta está máis próxima aos nutrientes”, asegura.

A sementadora John Deere ten unha tolva frontal con abonadores pero non se usaba demasiado; nós non acostumamos a localizar, xa que por loxística facilita as cousas

Esta nova máquina é unha das primeiras que vén para Galicia (só hai 3 en España) e supón unha mellora considerable. “Antes tiñamos unha Amazone vella que non tiña corte de tramos, polo que solapaba o millo e moitos clientes non a querían, así que a usabamos sobre todo nas fincas de xestión directa, pero este ano a idea é traballar con elas indistintamente, salvo que o cliente demande abono localizado, que entón ten que ir a John Deere”, conta José Ramón.

[/box]

[box style="0"]

Jesús Otero (Forxabar)

“Agás en zonas onde encharque moito, agardemos que as chuvias non afecten á nascencia”

Forraxes de Xallas e Barcala sementará nesta campaña unhas 800 hectáreas de millo para ensilar nas súas instalacións de alimentación en conxunto de Mazaricos. A cooperativa, formada por 8 explotacións lácteas da zona, levaba xa un 30% sementado antes das chuvias da semana pasada e o seu responsable, Jesús Otero, agarda que as previstas tamén para a semana que vén non afecten á correcta nascencia.

“Temos zonas húmidas, con solos pesados, pero salvo nas fincas onde encharca moito e a semente pode pudrir, agardemos que non haxa moitas perdas por mala nascencia”, di.

Forxabar apurará os traballos esta semana, tratando de botar ciclos 350. “Todas as fincas sementadas en abril levaron ciclo 450-500. Eran parcelas nas que ensilamos os días 19 e 20 de abril os cultivos de inverno de mesturas con veza. Nas fincas nas que poidamos entrar esta semana poderase poñer un ciclo 350, buscando un equilibrio entre produción e non arriscar demasiado, porque o ideal sería poder ensilar entre mediados e finais de setembro”, defende.  

Vaise un pouco máis tarde na maioría das hectáreas, pero xa tiñamos botado un 30% do millo antes de que viñeran as chuvias

Aínda que van un pouco máis tarde na maioría das hectáreas, agardan poder cumprir con ese calendario, para o que aproveitarán tanto os recursos da CUMA como os que dispoñen os propios socios. “A maior parte da sementeira subcontratámola, pero hai socios que teñen sementadora e grade e fan eles moito traballo”, explica Jesús.

Para a preparación das terras non teñen unha pauta única. “Botamos purín e pasamos a grade, pero tamén hai quen ara e quen lle pasa o cultivador. Iso vai un pouco en función das preferencias e da maquinaria dispoñible”, conta. Os traballos de sementeira do millo compatibilizaranse tamén coas segundas e terceiras cortas de herba para ensilar nas pradeiras permanentes.

[/box]

[box style="0"]

Jorge Meiriño (Aira)

“Este ano levamos 20 días de retraso; vai haber que reducir os ciclos máis longos”

O parque de maquinaria da cooperativa Aira labra por enriba das 1.000 hectáreas na comarca de Chantada, unha zona onde a seca estival se fai notar no cultivo, polo que a tendencia nos últimos anos era adiantar a sementeira para tratar de minimizar os efectos do calor sobre a planta.

Pero este ano a climatoloxía non foi propicia. “Empezamos a finais de abril de maneira testimonial cunhas 10 ou 11 hectáreas e retomamos os traballos este martes, pero temos sementado menos dun 5%”, explica Jorge Meiriño, técnico da cooperativa na zona.

“Con respecto ao ano anterior imos con moito retraso. O ano pasado antes do 20 de abril a terra estaba quente e púidose empezar a labrar, pero este ano a terra está aínda fría e o que se semente vai saír máis despacio e haberá que cambiar ciclos”, explica.

Vai haber que cambiar ciclos, porque a terra está fría e o millo vai saír máis despacio

“Nos últimos anos estabamos alongando un pouco os ciclos e índonos a 280-300 pero nesta campaña vai haber que volver ao 250”, engade. O ano pasado o 30% do sementado por Aira nesta zona foron ciclos 250, un 40% 280 e o 30% restante un 300 longo. “Este ano vanse reducir os ciclos máis longos, veremos se entran no 280 ou temos que pasar ao ciclo curto, porque vai depender de como evolucione o solo”, di.

As máis afectadas son as parcelas boas. “Son parcelas húmidas e aínda non permiten o laboreo. Vai marcar a evolución o que aconteza a fin de semana porque se volven augas vaise atrasar aínda outros 10 días a sementeira”, argumenta.

“Vai saír máis herba; haberá que estar moi pendentes”

Ademais dunha posible maior incidencia da seca nas épocas clave do crecemento vexetativo do cultivo, o técnico de Aira advirte doutros riscos que unha sementeira tardía pode levar aparellados.

“Este ano vai haber máis herba porque a humidade é grande; hai que ter coidado con iso. Sempre que hai humidade no solo e sobre todo se vés dun inverno quente como ocorreu este ano, sempre hai máis malas herbas nas terras”, explica.

Ademais, engade, a eficacia dos tratamentos vai ser menor. “Os herbicidas de pre-emerxencia tiveron unha época boa para ser aplicados, pero foi xa en abril e que queda moi lonxe, polo que vai ser fundamental que funcionen ben os tratamentos de post-emerxencia, para o que recomenda “aplicalos no momento idóneo porque unha semana de diferenza na aplicación e a parcela pode estar xa perdida”, alerta.

Hai que vixiar todas as parcelas, non só as que están cerca do establo

“Vai ser un ano complicado para as herbas e vai haber que estar moi pendente das parcelas e vixialas todas, non só as que están cerca do establo, tamén as que están lonxe, porque seguramente haxa que tratar unhas parcelas unha semana antes que as outras”, insiste.

Maior incidencia de pragas

O mesmo acontece no caso das pragas máis habituais que afectan ao millo. “Co verme do arame (Agrotis sp.) e a rosquilla (Agriotes sp.) hai que estar tamén moi pendentes. Co inverno suave e a primavera húmida que tivemos este ano está habendo moita máis incidencia de típula nos prados e vai ocorrer case seguro o mesmo coas pragas no millo”, advirte.

Está habendo máis problemas este ano coa típula nos prados; vai ocorrer case seguro o mesmo no millo

Na zona de Chantada o verme soldado non afectou ao millo na campaña pasada pero a situación nesta pode ser distinta. “Tivemos un pouco nuns cultivos de sorgo, pero no millo non os vin, e foron nuns estadíos moi tardíos a finais xa de agosto. Xa veremos o que ocorre este ano”, di Jorge.  

O verme soldado mantense na terra e emerxe coa chegada do calor, transformándose a larva en bolboreta, que pon os ovos na herba que hai arredor das terras de cultivo. É a segunda xeración de individuos a que se alimenta despois do millo, provocando a súa defoliación.  

O verme soldado é unha praga nova e non hai experiencia no seu tratamento

“É unha praga nova e non hai experiencia no seu tratamento”, di o técnico de Aira, que considera que o insecticida granulado que vai incorporado no rego xunto ao abono localizado non garante a eficacia do tratamento, o mesmo que as aplicacións posteriores por pulverización, xa que ten que chover a continuación para que o produto filtre para abaixo e mate ao verme que se agocha na raíz da planta. Ademais, cuando o millo está alto, que coincide normalmente cos picos de afectación por esta plaga, resulta imposible entrar nas parcelas a tratar. 

[/box]

Etiquetado
Loading ad.
Ad could not be loaded.
Ir a la portada