O próximo ciclo da Política Agraria Común (PAC), 2021-2027, aumentará as esixencias no agro no que respecta ó uso sostible de fitosanitarios. A chamada xestión integrada de pragas, que xa se estivo impulsando no agro europeo na última década, ten por obxectivo priorizar as medidas alternativas ó control químico, limitando os produtos fitosanitarios a aqueles casos nos que sexan imprescindibles.
Que recomendacións hai para o manexo integrado dalgunhas das principais pragas do millo en Galicia, como as rosquillas grises e vermes do arame, malas herbas como a xuncia ou enfermidades causadas por fungos?. Estos son algúns dos consellos publicados nun manual polo Ministerio de Agricultura.
Rosquillas grises (Agriotes sp.) e vermes do arame (Agrotis sp.)
– Seguemento e estimación do risco: Recoméndase vixiar as plantas desde que nazan ata que teñan 8-10 follas para comprobar se hai plantas mortas e para detectar síntomas de que murchan. Para a rosquilla gris, pódense utilizar trampas de feromonas ou luminosas co obxectivo de contar os adultos capturados e de detectarse en cantidade, anticiparse ó futuro ataque das larvas.
– Medidas de prevención ou culturais: O laboreo frecuente adoita reducir a poboación de larvas de vermes do arame, posto que son sensibles á desecación. Por outra banda, a eliminación de malas herbas ou herbas baixas é unha medida eficaz para impedir as postas das rosquillas grises.
– Momento de intervención: Se se detectan danos do verme gris, haberá que intervir. No tocante ó verme do arame, haberá que valorar a intervención en relación ós danos de campañas pasadas.
– Medidas alternativas ó control químico. A guía sinala que existen coleópteros depredadores das larvas dos vermes, así como parasitoides dos ovos e paxaros que se alimentan das larvas, polo que é preciso protexelos.
– Medios químicos. Poderanse utilizar os produtos fitosanitarios autorizados. No caso dos vermes do arame, só se contempla o uso de insecticida na semente, en tanto que no caso do verme gris, tanto no cultivo implantado como sobre a semente. Recoméndase efectuar a aplicación ó atardecer.
Malas herbas, o caso da xuncia (Cyperus rotundus)
– Seguemento e estimación do risco para o cultivo: O consello é similar para tódalas malas herbas. Hai que ter en conta o historial do campo e valorar a eficacia que tiveron os herbicidas empregados.
Cómpre ademais considerar o estado de desenvolvemento das malas herbas para determinar o método de control máis axeitado e priorizar as intervencións nas primeiras fases de desenvolvemento do millo.
Para observar as malas herbas, recoméndase facer un percorrido polo campo en forma de zig zag, W ou 8, evaluando a presenza de plantas por metro cadrado ou a porcentaxe de superficie afectada.
– Momento de intervención: no caso da xuncia, cando haxa 15 plantas por metro cadrado.
– Medidas de prevención: Non espallar os tubérculos da planta coa maquinaria de laboreo. Outra medida pode pasar pola rotación do cultivo de inverno con barbeito no verán, cando ademais pódense facer labores superficiais para desenterrar os tubérculos e deixalos na superficie, para que queden expostos ó sol no verán ou ás xeadas no inverno.
– Medios químicos: Aconséllase realizar programas de 2 tratamentos en post-emerxencia. Debido a que a planta pode producir unha gran cantidade de tubérculos, espallados mesmo a moita profundidade do solo, é unha mala herba difícil de controlar. Pódense empregar tamén herbicidas totais nas liñas entre o cultivo.
Para outras malas herbas, recoméndase entre líneas de cultivo o uso de medios mecanícos (grade de varillas flexibles, cultivador, etc.) como alternativa ós tratamentos químicos.
Podredumes do tallo (Fusarium sp., Diplodia maydis)
– Seguemento: observación da base do tallo para identificar os síntomas.
– Medidas de prevención ou culturais: rotación de cultivos e elección de variedades con tolerancia a estas enfermidades. Recoméndase ademais unha fertilización equilibrada, unha axeitada densidade de plantas e calquera outra práctica que reduza o estrés para o cultivo. En particular, o estrés hídrico pode ter impacto sobre a podredumbre do tallo.
En caso de danos, haberá que controlar tamén os insectos que taladran a colleita, de habelos e
.eliminar os restos da colleita
– Medios químicos: só se contemplan tratamentos na semente, que protexen ó cultivo nas primeiras fases de desenvolvemento.
Tizón do millo
– Seguemento: observación das follas para detectar as lesións típicas desta enfermidade necrótica.
– Medidas de prevención: O uso de variedades resistentes é a mellor vía de prevención. O laboreo profundo, que enterra restos da colleita, é tamén útil para evitar as infeccións tempranas. É importante evitar que ó traballar a terra saian á superficie restos xa enterrados.
– Momento de intervención: Só se aconsella intervir se se producen ataques fortes nas primeiras fases do cultivo.
– Medios químicos, os autorizados, en tanto a altura da planta permita a súa aplicación.
Principios da xestión integrada de pragas
De acordo co Real Decreto 1311/2012 de usos sostible dos fitosanitarios, os principios xerais da xestión integrada de pragas son os seguintes:
– A prevención ou reducción dos organismos nocivos debe lograrse especialmente por rotación de cultivos, uso de técnicas de cultivo axeitadas e por medio de sementes certificadas e, cando sexa posible, resistentes a enfermidades ou pragas. Deberanse usar tamén prácticas de fertilización equilibradas.
– Limpeza periódica da maquinaria e dos equipos, desinfectando ferramentas e veículos entre zonas afectadas e non afectadas.
– Protección e mellora dos organismos beneficiosos importantes.
– Seguemento dos organismos nocivos durante o ciclo do cultivo, con observacións sobre o terreo e con atención ás recomendacións dos asesores cualificados.
– Os métodos biolóxicos e físicos deberán preferirse ós químicos.
– Os produtos fitosanitarios empregados deberán ser tan específicos como sexa posible e deberán ter os menores efectos secundarios para a fauna auxiliar, a saúde humana e o medioambiente. Deberase limitar o seu uso ás doses necesarias.
– O uso de fitosanitarios debe evitar a xeración de resistencias nas poboacións dos organismos nocivos. Para iso, cando sexa necesario repetir tratamentos, haberá que empregar materias activas con distintos modos de acción e que xeren distintos mecanismos de resistencia.
– As zonas catalogadas de protección precisarán de medidas específicas. Para a súa catalogación, tívose en conta a Rede Natura, a presenza de masas de auga e a existencia ou non de especies ameazadas. Pódese consultar a través do Sigpac as parcelas que están en zonas de protección, para o que sobre a correspondente parcela, hai que acceder no visor á pestaña de ‘Consulta’ e a ‘Propiedades’.
Para as zonas de protección, recoméndase a contratación dun asesor, o uso de boquillas antideriva na maquiniaria de aplicación de fitosanitarios, deixar bandas de seguridade máis amplas en relación coas masas de auga e priorizar os produtos fitosanitarios menos perigosos para o medioambiente.