Vai facer case 12 anos que José Manuel, Ángeles, Miguel e Pablo decidiron xuntarse para dar viabilidade e futuro ás súas pequenas ganderías familiares de produción de leite e desde entón non deixaron de medrar e de especializarse niso que mellor saben facer: coidar o seu gando.
“Aquí entramos de cero o 28 de outubro de 2010 con 80 vacas en muxidura nada máis, xuntando as que tiñamos os 4 na casa”, explica José Manuel. El é de Frades, ao igual que Ángeles e Miguel, mentres Pablo é do veciño concello do Pino.
As novas instalacións creadas froito da súa unión están na parroquia de San Martiño de Ledoira e nunha década transcorrida de traballo en común pasaron desas 80 vacas iniciais a muxir 200 animais a día de hoxe e con perspectivas de seguir medrando.
Nunha década transcorrida desde a súa unión pasaron de muxir 80 vacas a ter hoxe máis de 200 animais en produción, cunha nova ampliación prevista
De feito, están facendo xa outra ampliación con capacidade para 90 vacas máis, entre produción e secas, que esperan ir completando nos vindeiros meses. A súa capacidade de crecemento non depende, coma na maioría das explotacións galegas, do incremento da recría, xa que esta gandería tomou a decisión de non facela e mercar os animais necesarios para a granxa.
Entregan a Entrepinares
“Preferimos centrarnos en producir leite. As xatas dan traballo e tamén comen e nós queremos seguir aumentando en leite, porque sobrándonos comida e tendo quen cho recolla é unha tontería non aproveitalo”, argumentan.
A vantaxe que temos con Entrepinares é que non anda collendo gandeiros, senón que nos dá a posibilidade de medrar aos que xa lles entregamos
Entregan a Entrepinares, que está a aumentar a recollida de leite en Galicia pola vía de permitir ás súas granxas provedoras incrementar a produción, e en SAT Seixo de Ledoira decidiron sacrificar a recría na propia granxa para centrar as instalacións e as 100 hectáreas de superficie das que dispoñen en alimentar ás vacas de leite.
Nós en cemento gastamos pouco, os cartos preferimos levalos nós para a casa, o cemento non dá cartos e nós luxos aquí non temos
Esta é a primeira gran ampliación da nave de produción desde o ano 2011, despois de ter feito anteriormente unha zona anexa adicada a parideira, onde teñen as vacas próximas até o momento posterior ao parto. “Nós en cemento gastamos pouco, os cartos preferimos levalos nós para a casa, o cemento non dá cartos e nós luxos aquí non temos”, aseguran.
Secas en cama fría con saída ao prado
Fan secados longos de entre dous e tres meses, con saída a campo. “As secas están ceibas todo o tempo, só se encerran se hai saneamento pero senón andan por fóra e entran a comer”, explican.
Na ampliación para as secas van manter o sistema que xa teñen de cama de compost, pero para as vacas en producción van facer cubículos. “A vaca de leite é totalmente distinta, porque anda moito máis branda á hora de bostear e a cama quente daríanos máis problemas”, razoa José Manuel.
Van cambiar o carbonato con serrín das camas por substrato procedente de casca de piñeiro hixienizada
Nas camas de leite empregaban ata agora carbonato mesturado con serrín, nunha porcentaxe de 80-20%, pero o custo é elevado e a raíz de comezar a usar Calcimag Flow no purín van poder tamén aforrar niso, ao substituír o carbonato con serrín por casca de piñeiro tratada procedente da planta de Dermont en Vimianzo, onde a materia prima procedente da industria forestal é hixienizada a 300 grados de temperatura e molturada para a súa utilización como substrato.
Desde fai 2 anos empregan Calcimag Flow, unha emenda líquida para mellorar o poder fertilizante do purín
“Ademais do aforro económico imos mellorar as descargas, xa que o carbonato con serrín apelmaza máis e ás veces temos problemas”, conta José Manuel. Ao mesmo tempo, coa casca de piñeiro van seguir aportando materia orgánica ao purín, neste caso de orixe forestal.
Para o encalado da terra, desde hai dous anos empregan Calcimag Flow, unha emenda caliza líquida para mesturar co purín que incrementa o nitróxeno dispoñible e fai medrar na fosa de xurro microorganismos que contribúen a descompoñer a materia orgánica para enriquecer tamén deste xeito o purín que logo incorporan fundamentalmente ás terras de millo e ao abonado das pradeiras antes do primeiro corte de ensilado.
Excedentarios en comida
Dispoñen de 100 hectáreas de superficie, nas que priorizan o cultivo de millo, a base da súa ración de alimentación do gando, que inclúe 41 quilos de silo de millo por tan só 7 quilos de silo de herba. “Estanos sobrando moita comida. Estivemos consumindo o silo de millo de hai dous anos, o do ano pasado aínda se abriu hai pouco”, explica José Manuel.
Sementan entre 90 e 95 hectáreas a millo con ciclos longos para obter a maior produción forraxeira posible. Iso fai que sexa difícil compatibilizar cun cultivo de inverno, polo que tan só fan rotación nunhas 20 hectáreas para obter a cantidade mínima necesaria de silo de herba para equilibrar a ración.
Sementan ciclos longos para obter a maior produción posible de millo, sacrificando a rotación de cultivos
“Metemos ciclos longos, ciclos 600. Comezamos a sementar a finais de abril ou comezos de maio, dependendo de como veña o tempo, e vimos acabando a principios de xuño, porque facemos nós todo o traballo, andamos dúas persoas dedicadas a iso durante o tempo que dura a campaña”, conta José Manuel, que di que non o poderían facer se tiveran que atender á recría.
Nas campañas dúas persoas adicámonos a muxir e outras dúas ao traballo agrario
“Pagamos unicamente a picadora e os remolques para carrexar para o silo, o resto facémolo todo nós, tanto a preparación do terreo como a sementeira e a aplicación dos produtos fitosanitarios”, explican.
Ensilan a principios de outubro e sacan “entre 45.000 e 48.000 quilos por hectárea de media nas 100 hectáreas que labramos”, detalla José Manuel. Coa colleita do ano pasado encheron un silo de 45 metros de longo, 4 de fondo e 22 de ancho.
Incremento de custos das materias primas
Contan co asesoramento de Coluga a nivel tanto de cultivos como de adquisición de insumos e debido aos altos prezos nos que se están a mover as materias primas neste momento nos mercados, están valorando facer grao húmido na propia explotación.
Estamos valorando facer grao húmido, pero non queremos ter que sacrificar silo para facelo
José Manuel é reticente por unha única razón: “O que non quero é ter que reducir o ensilado para facelo. Para iso necesitariamos botar outras 20 hectáreas de millo a maiores, porque o que non sería intelixente é sacrificar o silo para facer o grao húmido”, di.
Temos a soia pechada para todo o ano a 370€, esa foi a mellor decisión que tomamos, a máis rendible para a granxa
Para facer a ración empregan materias primas básicas (fariña de millo e soia) que mercan directamente en porto e mesturan na propia granxa grazas a un carro propio. “Desde que comezamos a facer iso notouse en todo, notámolo nas vacas e tamén no aforro no peto. Temos a soia pechada para todo este ano a 370€. Esa foi a mellor decisión que tomamos, a máis rendible para a granxa”, indica José Manuel.
Dous lotes, de alta e baixa produción
Fan dúas racións diferentes para as vacas en lactación, que teñen separadas en dous lotes en función da súa produción. Nos dous casos levan 41 quilos de silo de millo, 7 quilos de silo de herba, máis os correctores e medio quilo de palla picada, e só se diferencian na cantidade de concentrado: 8,5 kg no lote de baixa produción e 10 kg no de alta produción.
Como consecuencia da folga de transporte vivida hai uns meses durante un par de semanas quedaron sen subministro de palla e víronse obrigados a cambiar a ración. “Ese medio quilo de palla faille moi ben, porque lle saca humidade e fai que non compacte e os animais estaban mellor”, din.
Agora entraron moitas xovencas recén paridas e iso tirounos as calidades para baixo pero hai medio ano estabamos en 4,50% de graxa e 3,70% de proteína
Ao entregar a Entrepinares buscan sobre todo producir sólidos, aínda vendo reducidos os litros de leite. A media de produción da granxa nestes momentos é de 28 litros, pero cun 4,30% de graxa e un 3,56% de proteína. “Non estamos no noso mellor momento de produción, porque entrou moita xovenca ao establo ultimamente e iso estanos a penalizar tanto en litros de leite como en calidades. A mediados do ano pasado estabamos en 4,50% de graxa e 3,70% de proteína”, explica José Manuel.
“O que nos deixan os becerros azul belga sumado á venda das vacas de desvelle chéganos para comprar as xovencas”
SAT Seixo de Ledoira comezou mandando as becerras ao Rancho Las Nieves de Zaragoza ao non dispoñer de instalacións para facer a recría. Pero o custo que tiña este servizo e as necesidades de persoal e alimentación que requerían unha vez voltaban preñadas para a explotación até o momento de pariren fíxolles cambiar de estratexia.
“Agora non facemos recría. Poñemos a todas as vacas cruce cárnico e mercamos as xovencas para a reposición. Aforramos moito traballo e comida para poder seguir aumentando ás vacas de produción e economicamente sáenos mellor, porque co que nos deixan as vacas de desvelle e os becerros azul belga pagamos as vacas que traemos de Francia”, afirma José Manuel.
Inseminan a totalidade das súas vacas con azul belga e venden as crías, sexan machos ou femias, cun mes de vida
“Nós aquí inseminamos todo con azul belga e estamos usando doses triplas, nas que vén seme de tres touros distintos de raza azul belga na mesma pajuela. Estanos funcionando ben, ten máis fertilidade que as doses normais de azul belga”, asegura.
Venden os becerros cun mes de vida
Venden os becerros que nacen na explotación, tanto os machos como as femias de raza azul belga, con un mes de vida e déixanlles entre 290 e 350 euros. Teñen un acordo cun tratante, que lles cobra unha comisión de 15€ por animal e é a propia explotación a que realiza a venda e ingresa os cartos. O mesmo fan coas vacas de desvelle.
“As vacas a nós dúrannos bastante, temos animais aquí dando leite de 8 partos. Pero estamos mercando porque queremos aumentar. No que levamos de ano entraron 6 e en todo 2021 e parte de 2020 entraron 100 cabezas”, conta José Manuel.
Nesta zona xa hai varias explotacións que utilizan este sistema e penso que agora, cos prezos que teñen os cereais, aínda se vai facer máis porque as xatas comen e o custo da recría é alto neste momento
“Se podemos mercámolas recén paridas. Traémolas todas de Francia ou de Holanda, pero en Holanda agora non chas venden recén paridas e en Francia tés o problema da lingua azul outra vez. Tes ese risco pero penso que compensa. Por aquí nesta zona xa hai varias explotacións que utilizan este sistema e penso que agora, cos prezos que teñen os cereais, aínda se vai facer máis porque as xatas comen e o custo da recría é alto neste momento”, explica. “A nós unha vaca posta aquí producindo sáenos en 1.900€, cando antes custábanos a xovenca en Zaragoza 1.750€ e despois botabamos aquí tres meses con ela”, argumenta.
Xenética máis enfocada á produción de sólidos
Unha das características que José Manuel destaca dos animais que traen de Francia é o seu nivel de produción de graxa e proteína. “Aquí agora empézase a mellorar no tema dos sólidos, pero estas vacas que veñen de fóra seguen traendo mellores calidades de graxa e proteína, que é algo que a nós, ao entregar a Entrepinares, nos interesa moito”, asegura.
O que nos deixan os becerros azul belga sumado á venda das vacas de desvelle chéganos para comprar as vacas de reposición sen ter que tocar o que ingresamos pola venda do leite
Mercan frisonas puras, pero tamén cruces con parda alpina ou montbeliard. “Ao ir a producir calidades interésanos ese tipo de gando”, di José Manuel. Esta primavera a empresa que lles recolle o leite para facer queixos para Mercadona na súa planta de Vilalba subiulles 5 euros en tonelada á graxa e a proteína. “Agora en Entrepinares o prezo non é 90-10, é todo o leite ao mesmo prezo e xa rompemos o primeiro contrato que fixeramos este ano para asinar outro, este xa é o definitivo. Agora temos todo en primas, para non ter que seguir cambiando o contrato”, valora José Manuel.
- Reportaxe elaborada en colaboración co Grupo Soaga