A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Calcimag Flow, encalar e abonar ao mesmo tempo nunha única pasada de tractor

A única emenda líquida do mercado, que se aplica mesturada co purín, permite mellorar o solo e aforrar en fertilizante. Visitamos xunto a técnicos do Grupo Soaga, que distribúe o produto, a explotación SAT Seixo de Ledoira, no concello de Frades, que emprega Calcimag Flow desde fai dous anos, para coñecer as súas vantaxes

José Manuel López, da SAT Seixo de Ledoira (centro), comprobando os efectos positivos do Calcimag Flow nunha pradeira da explotación, xunto a técnicos de Soaga: Rafael Gago, do departamento de innovación de Soaga (esquerda) e Javier Blanco, veterinario (dereita).

José Manuel López, da SAT Seixo de Ledoira (centro), comprobando os efectos positivos do Calcimag Flow nunha pradeira da explotación, xunto a técnicos de Soaga: Rafael Gago, do departamento de innovación de Soaga (esquerda) e Javier Blanco, veterinario (dereita).

CALCIMAG FLOW é unha emenda cálcica líquida a base de carbonato de calcio en suspensión que se aplica nas fincas mesturada co purín. Desta maneira, lógrase un considerable aforro de tempo e diñeiro, xa que nunha mesma pasada conséguese encalar e fertilizar ao mesmo tempo, cunha única aplicación sobre o terreo.

Na explotación SAT Seixo de Ledoira, en Frades, levan dous anos usando o produto e a mellora nas súas terras é xa evidente. “Notámolo moito, na calidade e no rendemento dos cultivos e tamén no peto, pois supón un importante aforro económico”, asegura José Manuel López, un dos catro socios desta gandería, creada hai 11 anos e que conta na actualidade con 200 vacas en produción.

Nesta explotación, que ten 100 hectáreas de cultivo, adicadas a millo e pradeira, incorporan o Calcimag Flow ás súas dúas balsas de xurro, con capacidade para millón e medio de litros cada unha, e abonan logo con esa mestura tanto as pradeiras para o corte de herba para ensilado como as terras do millo antes da sementeira.

Notámolo moito, na calidade e no rendemento dos cultivos e tamén no peto

“Penso que é unha maneira de aforrar moitos cartos e máis como están neste momento os prezos dos fertilizantes químicos”. Razoa José Manuel. “Os resultados son espectaculares, tanto na produción de forraxes, como na súa calidade posterior no silo, cuns niveis de proteína elevados no caso da herba e de materia seca no caso do millo”, asegura. Nesta explotación logran producións medias de millo forraxeiro de 48.000 kilos por hectárea e porcentaxes do 13% de proteína no silo de herba cun só corte na rotación co millo e sen usar nada de nitróxeno químico.   

Corrección do pH do chan

A mellora da fertilidade do solo vén dada por tres factores: o incremento do pH do chan, o aumento da actividade biolóxica e a mellora da asimilación de elementos como o nitróxeno, o fósforo e o potasio contidos no esterco líquido.

Calcimag Flow acelera a mineralización e nitrificación do nitróxeno e estimula o crecemento microbiano no chan

“Ao aplicar Calcimag Flow estamos subindo o pH a un rango de 7 a 8, cando normalmente o purín só atópase nun rango de entre 6 e 7. Ao facer iso logramos que non se perdan por volatilización determinados gases”, explica Rafael Gago, responsable do departamento de investigación do Grupo Soaga, a empresa galega que distribúe o produto.

Cómpre ter en conta que a reactividade de Calcimag Flow é moi superior á dun carbonato cálcico convencional, de xeito que 500 kg de Calcimag Flow equivalen aproximadamente a 1.800 kg de carbonato cálcico convencional.

Optimización do nitróxeno orgánico

Ademais, Calcimag Flow estimula a nitrificación, logrando un aumento da dispoñibilidade de nitróxeno para as plantas nunha cantidade equivalente a 45 kg N/ha, o que supón un importante aforro económico no abonado dos cultivos.

Estamos enriquecendo o purín, tanto a nivel de encalado como a nivel de fixación de nitróxeno

Dentro da propia balsa créase un entorno adecuado que fai que medren uns microorganismos beneficiosos que ao mesmo tempo tamén axudan a que se fixe máis nitróxeno. Por iso, Rafael Gago recomenda a súa aplicación nas parcelas tras varias semanas de maduración na fosa do xurro. “Despois de 4 semanas actuando mellórase moito o rendemento do purín e o seu poder fertilizante, que se incrementa máis a medida que pasan 6 ou 8 semanas”, explica.

Redución de amoníaco

Probas de laboratorio: incubación de solo ao que se lle aplicou purín con Calcimag Flow

Probas de laboratorio: incubación de dúas mostras de solo ás que se lles aplicou purín con e sen Calcimag Flow. Os tubos miden as emisións de amoníaco, que usando as doses habituais de purín ascenden a máis de 80 ppm en volume de aire confinado, mentres que con Calcimag descenden até 20 ppm. En m3 de aire estes datos tradúcense en emisións de 51,25 g NH3/m3 con purín só e 12,5 g NH3/m3 con purín + Calcimag Flow. 

“A nivel de vantaxes agronómicas, ademais de actuar como calquera produto encalante na corrección do pH do solo e a saturación do nivel de aluminio do terreo, Calcimag Flow mellora a eficiencia do nitróxeno orgánico que estamos aportando vía purín, ao permitir unha optimización na fixación do amoníaco e o sulfídrico, reducindo moito as cargas de olores precisamente por eses gases que estamos fixando no terreo”, engade Javier Blanco, veterinario de Coluga, que comercializa o produto baixo o nome de Calcifer.

O produto reduce o mal olor no momento da aplicación e minimiza as perdas por volatilización

As probas realizadas no laboratorio demostraron os efectos positivos da utilización de Calcimag Flow mesturado co purín sobre a retención do amoníaco e o maior aproveitamento nutricional do xurro, ao reducírense as perdas de amoníaco por volatilización nun 75,6%. “Isto equivale a un mellor aproveitamento do poder fertilizante do purín e a unha redución evidente dos gases de efecto invernadoiro emitidos á atmosfera”, destaca Rafael Gago.

Vantaxes medioambientais

Por iso, a maiores das vantaxes nutricionais para os cultivos e a mellora da fertilidade do solo, o uso de Calcimag Flow vai en consonancia coas políticas europeas definidas na nova PAC e o Decreto de Nutrición Sostible de Chans Agrícolas que prepara o Ministerio de Agricultura, ao reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro e as perdas de nutrintes por volatilización.

É unha boa alternativa á fertilización química e pode usarse en agricultura ecolóxica

O produto está permitido para agricultura ecolóxica, sendo unha boa alternativa aos fertilizantes químicos, e reduce as molestias por malos olores en vivendas ou núcleos de poboación próximos á hora de aplicar o purín, dada a baixada nas emisións de amoníaco e tamén de ácido sulfhídrico, que diminúe entre un 20 e un 40%. Por outra banda, evítase a formación de po das tradicionais aplicacións de calizas en pradeiras e terras de cultivo.

 “É un produto efectivo e moi doado de usar”

soaga modificada

Unha das vantaxes principais de Calcimag Flow está sen dúbida na súa facilidade de aplicación, que se fai coa cisterna de purín da propia granxa. Deste xeito, a data de aplicación e a dose pode ser axustada polo propio gandeiro en función do seu calendario de cultivos permitíndolle aforrar horas de traballo e gasto en combustible ao estar fertilizando e encalando ao mesmo tempo nun único pase de tractor.

A xestión anual do produto na explotación, onde é depositado na fosa do purín con varias semanas de antelación, permite ao gandeiro despreocuparse de prazos de entrega e ter a mestura dispoñible en todo momento para a súa aplicación en campo no momento en que as condicións meteorolóxicas e agronómicas sexan as idóneas para o tipo de cultivo.

O produtor decide o momento de aplicación permitíndolle aforrar tempo e cartos ao fertilizar e encalar cun só pase de tractor

 “É unha forma de aforrar en fertilizantes químicos e tamén en tempo e horas de traballo, xa que a forma de utilizalo e aplicalo é moi cómoda. Nós levamos dous anos usándoo. O primeiro ano botámolo só nunha das dúas balsas para probar, pero vimos claramente o rendemento que tiña e este ano xa decidimos aplicalo nas dúas balsas de purín que temos, con capacidade para millón e medio de litros de xurro cada unha”, explica José Manuel López, da SAT Seixo de Ledoiras.

É unha forma de aforrar en fertilizantes químicos e tamén en tempo e horas de traballo, xa que a forma de utilizalo e aplicalo é moi cómoda

“Almacenamos o purín para utilizalo nos momentos que máis partido lle sacamos, por exemplo, agora antes da sementeira do millo e despois en outubro cando o ensilamos e facemos a pradeira. No inverno dependemos un pouco do tempo, pero procuramos non sacar purín do pozo até poder botalo ás pradeiras de herba en febreiro e marzo antes do corte de ensilado que facemos na segunda quincena de abril”, detalla.

Mes e medio actuando no pozo do purín

Descarga do Calcimag Flow na explotación a mediados do mes de xaneiro xaneiro

Descarga do Calcimag Flow nas balsas de xurro da explotación a comezos do mes de xaneiro

SAT Seixo de Ledoiras descarga a comezos de ano o Calcimag Flow nas súas balsas de purín para que actúe durante 6 semanas no pozo antes de aplicalo mesturado co xurro sobre as pradeiras sementadas con herba e cereal de inverno na rotación co millo.

“Ao día seguinte de vir o camión cisterna a baleirar o produto na fosa do xurro removemos co revolvedor que temos na explotación para facilitar un reparto uniforme, proceso que repetimos un par de veces máis durante o mes e medio que o Calcimag permanece na balsa actuando”, explica José Manuel.

Recoméndase unha maduración de cando menos 4 semanas antes da aplicación, pero a partir do mes canto máis tempo pasa máis mellora o xurro

No momento de aplicalo, tanto sobre as pradeiras como sobre as terras antes da sementeira do millo, homoxenizan de novo a mestura para lograr unha aplicación o máis uniforme posible. “Mentras un dos tractores carga e leva o purín para as fincas, o outro está removendo para que non quede nada no fondo e o Calcimag vaia ben repartido”, explica.

Resultados a simple vista

Pradeira de triticale con wester abonada con Calcimag Flow (á esquerda) e sen el. Os efectos son visibles no color e o desenvolvemento da planta

Pradeira de triticale con wester en rotación con millo labrada a comezos de novembro e abonada con purín no mes de febreiro. Á esquerda aplicación de purín con Calcimag Flow e á dereita aplicación de purín só, sen Calcimag Flow. Os efectos son visibles na cor e o desenvolvemento da planta

Os efectos positivos do Calcimag Flow son visibles a simple vista, cun maior vigor na planta e mesmo unha cor máis verde, froito do aporte extra de nitróxeno que se logra no purín. Nesta explotación de Frades as fincas en rotación co millo foron sementadas o 10 de novembro cunha mestura de Triticale (cereal que é consecuencia do cruzamento realizado entre o trigo e o centeo) con Wester.

O Calcimag Flow foi aplicado na fosa do xurro na primeira semana de xaneiro e o abonado das parcelas produciuse a finais de febreiro, esperando 6 semanas para a súa aplicación para que o produto faga o seu efecto e mellore a capacidade nutricional do purín. Despois de Semana Santa procedeuse ao ensilado..

O produto nós empregámolo para abonar as pradeiras e tamén para encalar as terras do millo

“Facemos un único corte porque despois volvemos a botar millo nesas parcelas porque nós tiramos fundamentalmente de silo de millo na ración e esa é a produción de forraxe que priorizamos”, explica José Manuel, que valora sen embargo tamén a calidade da pradeira. “O noso forte é o millo, pero tamén notamos mellora na calidade da herba que ensilamos. Non é o mesmo ensilar unha pradeira deste tipo que outra de peor calidade. O ano pasado, só con triticale, chegouse a un 13% de proteína no silo e sen utilizar nada de nitróxeno químico, só co purín e o Calcimag, que co prezo ao que está o NAC este ano supón un importante aforro”, argumenta.

Mellora das condicións agronómicas para o millo

Ao mesmo tempo, destaca José Manuel, a aplicación de Calcimag Flow supón unha mellora clara do pH do solo de cara á sementeira do millo no mes de maio. “Logramos dúas cousas, porque abonamos a pradeira pero ao mesmo tempo estamos abonando xa o millo, mellorando o solo e regulando o pH xa para a sementeira. Antes de usar Calcimag tiñamos que encalar cada dous anos as parcelas, 45 hectáreas cada ano de forma alterna; agora iso aforrámolo”, di José Manuel.

Antes de usar Calcimag Flow encalabamos cada dous anos; agora iso aforrámolo

“O ideal agora, para aproveitar ao máximo o potencial que ten o produto na terra do millo de cara á sementeira, sería andar un diante botando o purín e outro detrás xa tapándoo, para lograr un mellor aproveitamento do nitróxeno. Para min, todo son vantaxes: a mellora do rendemento produtivo das parcelas, a facilidade de aplicación, a redución da man de obra, o encalado das fincas, a redución do cheiro do purín e un maior aproveitamento da súa capacidade fertilizante”, enumera. “En base á nosa experiencia, eu recomendaríao, sen ningunha dúbida”, conclúe.

Máis información

  • Contacto Grupo Soaga: 986 51 60 30

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *