Roteiro do Viño Rías Baixas, unha proposta para esta Semana Santa

Un percorrido enoturístico pola paisaxe, a cultura e gastronomía das Rías Baixas

Publicidade
Roteiro do Viño Rías Baixas, unha proposta para esta Semana Santa

As empresas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas, integrada no Club de Produto de las Rutas del Vino de España, presentan coa chegada da primavera e a Semana Santa ofertas enoturísticas para todo tipo de visitantes.

Esta Ruta ofrece un itinerario enoturístico para poder gozar en familia, coa parella, con amigos ou en soidade. Ademais, é o único itinerario galego incluído na Guía de Roteiros Enolóxicos Accesibles para Todas as Persoas editada pola Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (PREDIF).

Roteiro da Camelia

Esta época do ano é a mellor para gozar da floración das camelias, plantas procedentes de China e Xapón que chegaron a Galicia no século XVIII. A Ruta do Viño Rías Baixas conta con varios xardíns de Excelencia Internacional, os cales abren as súas portas esta Semana Santa para o gozar do visitante.

En primeiro lugar esta Pazo Quinteiro da Cruz, que conta con máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades, entre elas a sinensis, a partir da cal elaboran o seu propio té 100% orgánico e ecolóxico, colleitado e elaborado de forma artesanal e do cal ofrecen degustacións. As visitas organízanse a través da súa páxina web pedindo cita previa.

A continuación está o xardín botánico do Castelo de Soutomaior, o cal foi o primeiro de España en ser recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional de Camelia pola Sociedade Internacional da Camelia. Conta con máis de 400 exemplares de camelia, 18 deles centenarios, e o seu conxunto arquitectónico data do século XII.

Despois temos o Pazo de Rubianes, que organiza experiencias diarias a 19 € durante toda a Semana Santa ás 11:30, nas cales inclúen a visita guiada aos xardíns e viñedos, a adega e ao interior dalgúns dos edificios máis representativos do Pazo. A visita finaliza coa degustación do viño Albariño Pazo de Rubianes.

Degustacións de viños da D.O. Rías Baixas

Varias adegas da Denominación Rías Baixas asociadas á Ruta do Viño Rías Baixas amplían tamén as súas ofertas de visitas e degustacións.

A Adega Gil Armada convida o público a visitar o Pazo de Fefiñáns xunto coas viñas de albariño, a horta do pazo e o bosque de especies autóctonas que ten arredor. O percorrido finaliza na destilería artesanal Gil Armada, onde se obteñen os augardentes Gil Armada tomando como referencia os métodos tradicionais de Galicia.

Doutra banda, a adega Paco & Lola estende os seus horarios, ofrecendo visitas tanto pola mañá como pola tarde en varias quendas para que ninguén se perda a oportunidade de gozar das experiencias que ofrecen. Dispoñen da “Visita Clásica”, na cal o visitante se mergulla nun percorrido guiado polas instalacións da adega que termina coa degustación de tres viños, e a “Visita Gourmet”, que a maiores inclúe unha maridaxe con conservas gourmet.

Tamén a adega Martín Códax oferta diferentes propostas ao gusto do cliente: a visita “Orixe”, que contén o percorrido da adega máis unha cata comentada maridada con queixos, as proposta “Ondas do Mar”, na cal se maridan tres viños con conservas gourmet, e a oferta “Creacións Singulares”, que permite gozar dos seus viños máis especiais e de produción limitada, acompañados por elaboracións con produtos de km 0.

A adega Quinta de Couselo engade ao repertorio habitual de catas de viños con queixos galegos unha “Cata Solpor”, na cal o cliente gozará do anoitecer na terraza da adega mentres degustas os seus viños de gran calidade.

Pazo Baión sorprende tamén coa súa exclusiva experiencia de “Cata do enólogo”, na cal os seus enólogas/enólogos guiarán ao visitante a través un percorrido polas viñas e a adega. O cliente terá a oportunidade de coñecer de primeira man o excepcional traballo levado a cabo na propiedade, e na degustación, os viños para catar serán da súa elección.

E aproveitando esta época, a Adega Granbazán inclúe á clásica visita á adega e degustación dos seus viños o goce dun bo cocido galego, destacando así a gastronomía tradicional galega típica desta época.

Propostas enogastronómicas e de descanso

Continuando coa gastronomía, o restaurante de Quinta de San Amaro abriu recentemente as súas portas con horario de mediodía e noite. A cociña combina o mellor da cociña galega cunha carta de viños que dá especial importancia á Denominación de Orixe Rías Baixas. E se o visitante quere complementar a súa visita cunha noite descanso, o seu hotel dispón dunha gran variedade de packs na súa páxina web adaptados ao gusto do hóspede.

Tamén recentemente abriu as súas portas o Hotel Spa Nanin Praia, que volve cunha oferta moi especial para este tempo chuvioso: se chove durante a estancia entre o 27 e 31 de marzo de 2024, regalan por cada día de choiva unha noite de aloxamento gratis.

En Augusta Eco Wellness Resort céntranse nos hóspedes máis pequenos, ofrecendo a maiores das súas luxosas estancias un programa de actividades e talleres deseñados especialmente para eles: xardinería, pintura, cociña, manualidades e moito máis.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información