Recomendacións ás ganderías para evitar recortes nas axudas por pastos na PAC 2023

A última actualización do SIGPAC introduce unha nova categoría de matogueira nas parcelas e baixa a porcentaxe admitida en pasto arbustivo e baixo arboredo. Os afectados deberán presentar alegacións ante o FOGGA

Recomendacións ás ganderías para evitar recortes nas axudas por pastos na PAC 2023

Foto: Nieves Fernández Vidueira

A campaña da solicitude da PAC deste ano prevese problemática. Á complexidade engadida na tramitación, como consecuencia da entrada en vigor no novo período 2023-2027 de elementos como os ecorreximes, engádese unha actualización do SIGPAC que modifica a porcentaxe subvencionable en parcelas de pasto arbustivo e baixo arboredo.

Desde o pasado 1 de febreiro pódense consultar a través do Visor do SIGPAC os datos das parcelas que se terán en conta para a Solicitude Única que comeza o vindeiro 1 de marzo. Como novidade para esta campaña 2023 incorpóranse novas capas de Pastos Comunais e Faixas de Protección de Cauces e actualízase o valor do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos (CSP), que substitúe ao anterior Coeficiente de Admisibilidade de Pastos (CAP).

O novo CSP, definido nos Decretos que regulan o novo período da PAC, aprobados a finais de decembro, aplícase a aquelas superficies de pastos “que presenten características que de forma estable impidan un aproveitamento total das mesmas pola presenza de elementos improdutivos tales como zonas sen vexetación, pendentes elevadas ou masas de vexetación impenetrable” (Real Decreto 1048/2022 artigo 3.13).

Para a fixación do novo Coeficiente de Subvencionabilidade de Pastos téñense en conta as condicións da parcela, a pendente, a presenza de arboredo e as características botánicas do pasto

Como novidade respecto ao CAP fixado no ano 2015, o CSP do 2023 introduce o factor da especie forraxeira á hora de fixar a porcentaxe de superficie de pasto subvencionable, que valora a pastabilidade do tipo de vexetación presente na parcela.

Ademais, introdúcese unha nova categoría para a clasificación das parcelas, a de Matogueira (MT), que se engade ás xa existentes de Pastizais (PS), Pasto Arbustivo (PR) e Pasto Baixo Arboredo (PA).

Consecuencias á hora de solicitar a PAC

A redución da superficie admitida afecta sobre todo a gandeiros nas zonas de montaña, que verían comprometidas as axudas que percibían estes anos. Xoán González é titular dunha explotación ovina no concello de Viana do Bolo. Este mozo detectou o problema ao revisar no SIGPAC as súas parcelas trala última actualización do 1 de febreiro.

“Tiña fincas cualificadas como pasto arbustivo que están moi ben coidadas e valen para pacer case como se fosen un prado que pasaban dun 85% de CAP a cero e outras ao 35%. A rebaixa total supúñame ter 6 hectáreas menos de superficie, co que perdería a liña de axudas de ecolóxico e caeríanme todos os compromisos de carga gandeira esixidos”, explica.

Eu recomendaría a todo o mundo que revise como aparecen as súas parcelas para que non se atopen con ese problema o día que vaian presentar a solicitude da PAC

Ao igual ca Xoán, outros produtores da zona atopáronse co mesmo problema e decidiron dirixirse ao FOGGA pedindo explicacións. “Chamamos ao FOGGA e volveron poñelas ben. Dixéronnos que fora un erro, pero se non chegamos a chamar non o terían arreglado e atopariámonos con ese problema o día que foramos facer a solicitude da PAC, que é o que lle vai pasar á maioría da xente, que se vai enterar ese día”, asegura.

Xoán quéixase do cambio de oficio realizado “sen un motivo de peso nin unha acta que xustificara ese cambio”, cando o propio FEGA, na súa última circular sobre como presentar alegacións ao SIGPAC, indica que “cando como resultado dunha actualización masiva do SIGPAC, vísense afectados os cálculos das axudas da PAC (pagos directos e pagos ao desenvolvemento rural) así como calquera outra subvención na que se utilice o SIGPAC como referencia para a declaración de superficies, aquelas persoas cuxos intereses se visen afectados deberán ser notificadas no marco do procedemento de tramitación das devanditas axudas ou subvencións”. Un requisito que non se está a cumprir neste caso e do que se queixan os afectados.

Procedemento para alegar ao SIGPAC

Desde o 1 de xaneiro do 2005 o SIGPAC é a única base de referencia para a identificación das parcelas agrícolas no marco da PAC, pero os produtores deben realizar a declaración de superficies en base á realidade do terreo.

“No caso de que o SIGPAC non reflicta a situación real das parcelas e se observe que os seus recintos non están correctamente delimitados ou se cambiou o uso dalgún recinto, o produtor notificarao á súa administración autonómica a través da oportuna solicitude de modificación ao SIGPAC, e entre tanto, na súa solicitude única declarará a situación real”, aclara o FEGA.

As alegacións ao SIGPAC deberán incluír un informe técnico e fotografías xeoreferenciadas

Para corrixir os erros detectados os afectados terán que presentar alegacións ao SIGPAC no propio proceso de solicitude da PAC, a través da aplicación que habilitará a Xunta. A alegación deberá incluir un informe técnico con antigüidade inferior a 6 meses que xustifique o cambio solicitado, así como fotografías xeoetiquetadas.

Amaia Santamarta, técnica de Ovica e encargada de tramitar a PAC dentro da asociación, asegura que “as alegacións son unha tortura e os resultados son moi variables dependendo da provincia, porque aínda que supostamente os técnicos do FOGGA teñen criterios comúns na realidade hai moita diferenza”.

Ademais, di, “as parcelas de menos de 3.000 metros cadrados denéganas de oficio, xa non as van nin ver, e en Galicia hai moitas así”, quéixase. Por iso “xogarse as axudas da PAC a esas alegacións é un risco, como produtor non podes xogalo todo á carta das alegacións”, considera.

“Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias”

“Os gandeiros máis afectados pola revisión do CSP son os das zonas de montaña que teñen gando vacún de carne, cabalos ou rabaños de ovino e caprino. Os pastos arbustivos e pastos con arboredo sempre van ter rebaixa de superficie pero hai parcelas que xa foran alegadas e ás que se lles asignara un CAP máis alto que agora volvéronas para atrás”, explica.

“Este ano a PAC vai ser un foco de problemas por todas partes. O propio FOGGA admite que o SIGPAC ten moitas deficiencias porque colle os datos do Catastro, que en Galicia está moi mal, polo que arrastra eses mesmos erros. Galicia ten unhas circunstancias moi concretas que deberían ser tidas en conta”, di Amaia.

O cambio de cualificación das parcelas pode levar a unha perda de fondos, sobre todo para os produtores que anden moi xustos de superficie. “Hai zonas onde é complicado atopar máis terreos e se os atopas van ser de características similares, polo que vas ter o mesmo problema”, conclúe.

Outras eivas do SIGPAC: moitos elementos da paisaxe e cauces fluviais seguen sen aparecer

PAC 2023 elementos del paisajeUnha das novidades introducidas no actual período da PAC dentro da condicionalidade reforzada é a obriga de que as explotacións manteñan unha porcentaxe mínima do 4% de superficies de interese ecolóxico (SIE), no que se incluirían elementos da paisaxe ou marxes fluviais sen cultivar.

Aínda que a obriga do cumprimento desta boa práctica (BCAM 8) manterase este ano en suspenso, ao igual que a da rotación de cultivos (BCAM 7), como consecuencia da excepcionalidade aprobada pola UE a raíz da guerra de Ucraína (tal como se recolle no Real Decreto 1049/2022), estas superficies deberán ser tidas en conta sen embargo no caso de solicitar os ecorreximes de rotación de cultivos con especies mellorantes ou o de mantemento de espazos de biodiversidade.

As superficies ou elementos non produtivos poderán adicarse excepcionalmente este ano a produción de alimentos, agás millo e soia

Pero xorde neste caso o problema de que no SIGPAC non aparecen en moitos casos reflectidos a totalidade dos elementos da paisaxe (sebes, lindes, árbores ou froiteiras illadas nos prados e terras de cultivo, balsas de rego, muros de pedra seca e outros elementos singulares, etc) nin tampouco os 5 metros de faixa entorno aos ríos e regatos.

O FOGGA recomenda non alegar

A única alternativa en caso de que unha explotación queira marcar estes elementos para cumprir co ecorrexime de espazos de biodiversidade sería presentar tamén unha alegación ao SIGPAC, que complicaría a solicitude da PAC. “Os ríos seguen sen estar todos cargados e no caso dos que non estean debuxados desde o FOGGA desaconsellaron que os introduciramos na solicitude”, explica Ana Rodríguez, responsable da Política Agraria Común no Sindicato Labrego Galego.

O propio FEGA admite que a capa cargada no SIGPAC o pasado 1 de febreiro relativa aos cauces fluviais “é provisional, de forma que permitirá ir depurando e consolidando a información”. Polo tanto, “no caso de que un agricultor non estea de acordo coa información recollida deberá presentar ante a súa administración autonómica unha solicitude de modificación do SIGPAC”, recomenda a entidade estatal, en contra do criterio seguido polo FOGGA.

Conflitos nos montes veciñais

O SIGPAC incorpora tamén como novidade unha nova capa de Pastos Comunais, onde se incluirían os montes veciñais en man común que fan aproveitamento gandeiro. Nos casos nos que as parcelas son pacidas de xeito individual polos comuneiros, a directiva da comunidade de montes ten que facer unha declaración asignando esas superficies para que despois os produtores as poidan incluír nas súas solicitudes individuais.

As directivas dos montes veciñais teñen que declarar as diferentes superficies que lles asignan aos gandeiros

Se non está feita esta declaración previa non se poderían solicitar axudas por estas parcelas traballadas individualmente, o que está levantar toda a problemática existente cos montes veciñais en Galicia.

“Se a directiva do monte vecinal non fai este trámite previo, os gandeiros están vendidos”, advirten desde a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes. Moitas veces os conflitos de intereses entre comuneiros con gando e comuneiros con intereses forestais impiden o acordo.

Outras veces as xuntas directivas das Comunidades de Montes están sen renovar desde fai anos, polo que non terían capacidade legal para operar sen antes proceder á renovación dos seus órganos de representación.

Problemas coa clasificación das granxas extensivas

Outro dos cambios introducidos na solicitude da PAC deste ano ten que ver coa axuda asociada por vaca nodriza, que só van poder cobrar as explotacións clasificadas como extensivas. “Antes non pedían ningunha clasificación en concreto, pero agora se non tes ben a categoría non vas poder cobrar esta axuda, que representa unha cantidade económica importante, e moitas granxas en Galicia que eran de leite e se pasaron á carne seguen figurando como explotacións intensivas, polo que perderían as axudas”, advirte a responsable da PAC no SLG.  

Hai moitas explotacións en Galicia que están mal clasificadas e perderían a axuda asociada por vaca nodriza

Ese cambio de categoría, en función da clasificación que establece o novo Real Decreto de Ordenación de granxas bovinas, poden pedilo as explotacións en calquera momento, previo pago da taxa correspondente, aínda que se agarda que se habilite un período extraordinario para facer o cambio, ben a través da solicitude única da PAC ou na Oficina Virtual. “A xente debería ir mirando como ten as parcelas, en que rexión está e como está clasificada a súa granxa; é algo moi importante”, recomenda Ana.

Retrasos na presentación das solicitudes

O FOGGA celebrou este pasado xoves unha xuntanza con entidades colaboradoras na tramitación da PAC, que serviu para deixar patente o seu malestar polo incremento da carga de traballo que vai supor a solicitude deste ano, no canto da simplificación anunciada, así como o axustado dos prazos.

A estas alturas, cando falta menos dunha semana, non está aínda operativa a aplicación para cargar as solicitudes nin foi aprobada a norma reguladora a nivel galego

Aínda que oficialmente o prazo ábrese o 1 de marzo, non se van poder presentar as solicitudes até ben avanzado marzo ou principios de abril. “O día 1 non vai estar nada operativo, a aplicación de proba non estará até o día 6 pero ata o día 20 non van facer a formación porque non vai haber ata entón unha versión da que se fíen para poder cargar as solicitudes. Non sei se é culpa do Ministerio ou da Xunta, da Consellería ou do FOGGA, pero este ano é todo un auténtico desastre. Está todo aínda no aire a menos dunha semana de que se abra o prazo e da reunión saímos peor do que entramos, con máis dúbidas, porque teñen moi pouca seguridade nas cousas que nos din”, asegura Ana.

O prazo oficial de presentación de solicitudes remata o 30 de maio, con prazo para modificacións até o 15 de xuño, pero o FOGGA xa estuda a súa ampliación até finais de mes. “Máis do 30 de xuño non poden alongalo porque despois non lles dan os prazos. Pero imos perder o mes de marzo por non estar listo o sistema e abril comeza coa Semana Santa”, advirten desde o SLG.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información