Nun país como Galicia onde o sector primario representa unha fonte de riqueza clave para o futuro, e sobre todo cunha gran potencialidade de creación de máis postos de traballo e de valor engadido, a formación en enxeñerías técnica forestal e agrícola, e agronómica representan un gran nicho laboral e xogan un papel clave para a economía galega. Analizamos a continuación cal é a radiografía da formación en Galicia nestas disciplinas e cal é o seu grao de inserción laboral:
Hai máis ou menos estudantes nestas enxeñerías? A evolución do número de novas matrículas no primeiro ano dos graos de enxeñería agrícola e forestal mantiveron tendencias diferentes na Escola Politécnica Superior de Lugo e na Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra. Descensos e estabilidades relativas son as dúas formas predominantes que adoptan as tendencias en cada un dos casos.
No caso de Pontevedra, obsérvanse picos de aumento e descenso en certos cursos académicos, hibridando unha etapa de descenso das matrículas cunha recuperación das taxas iniciais nos últimos anos. Mentres, no caso lucense rexístrase un lixeiro descenso, máis marcado na enxeñería agrícola, y períodos de cierta estabilidad. Tomás Cuesta, director da Escola de Lugo, xustifica en parte esta baixada coa demografía, facendo alusión “a un menor número de rapaces e rapazas nos ámbitos rurais, que repercute nun menor número de estudantes en calquera nivel educativo dentro dos espazos de interior”.
Baixo estes feitos, Juan Picos, director da Escola de Enxeñería Forestal de Pontevedra, explica que “en xeral, as enxeñerías percibiron unha redución do número de matrículas, debido ao descenso de demanda do alumnado de ABAU -Proba de avaliación de bacharelato para o acceso á universidade-”. A esta afirmación, Picos súmalle que “existe un dominio das enxeñerías máis tecnolóxicas e da información, en detrimento daquelas máis tradicionais ou mesmo civís, onde se encaixan tanto a forestal como a agraria”. Ante esta inclinación “parece existir unha connotación de antigüidade cara este tipo de titulacións”, comenta Juan Picos.
O punto de vista en torno ás perspectivas de futuro de Cuesta, Picos e Fernando Enjamio, decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, seguen unha mesma folla de ruta. Os tres profesionais concordan en que cada un dos seus ámbitos de pertenza teñen ampla potencialidade a nivel laboral, e a tendencia que seguen é dun fortalecemento debido á evolución das políticas medioambientais a nivel mundial e de xestión do territorio. Igualmente, Juan Picos fai referencia ao ‘Informe dos sectores estratéxicos para o investimento en Galicia’, polo cal o sector forestal se posicionaba nos cinco primeiros con maior importancia.
Mercado laboral
As enxeñerías agraria e forestal teñen altas taxas de emprego en Galicia. Segundo os datos ofrecidos por José Antonio Rivas, secretario técnico do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos, do total de persoas colexiadas actualmente en Galicia, tan só un 2,45% figuran como desempregados. Esta porcentaxe é moi reducida, e deixaría case un 98% de ocupación no sector.
No ámbito forestal, a absorción de profesionais no mercado é alta. Segundo detalla Juan Picos, “a demanda de profesionais técnicos forestais para o ámbito laboral, no noso caso, é alta, e mesmo hai moitas veces que non conseguimos localizar a xente para determinados postos de traballo que nos chegan de empresas”. Ademais, Picos agrega que, nun proxecto de impulso forestal co que está colaborando a nivel galego, as empresas teñen “certa preocupación por acceder a xente formada”.
Fernando Enjamio avanza que “as perspectivas de futuro son moi boas para as titulacións que envolven o medio rural e, en xeral, aquelas que procuran unha xestión do territorio e do medio ambiente”. Unha realidade que transmite Tomás Cuesta é que “alumnos e alumnas da Escola de Lugo colócanse aproximadamente un 90%”.
O sector agroforestal está atravesado por novas tendencias e novos retos que implican cambios importantes a nivel laboral. “Unha rama con cada vez máis importancia no mercado laboral é xestión medioambiental; a mitigación do cambio climático e xestión do co2 son dous paradigmas que fan que a figura do profesional da enxeñería técnica forestal sexa cada vez máis necesaria no ámbito laboral”, detalla Fernando Enjamio. As cuestións de sustentabilidade e medio ambiente afectan da mesma maneira ao ámbito agrícola, polo que, “é necesario que estas ramas da enxeñería continúen estando presentes en producir e transformar”, avanza Cuesta.
Saídas laborais e camiño á especialización
A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e Agricultura publicou o estudo ‘Regional assessment of forest education in Europe’ sobre as titulacións forestais e a muda social cara o virtual e tecnolóxico que se está producindo a nivel mundial. Juan Picos, colaborador desta investigación, manifesta que “unha das conclusións que se extrae é que este tipo de enxeñerías son imprescindibles para un correcto desenvolvemento do territorio”, e afirma que “é necesario un esforzo para que recuperen terreo”.
Segundo Tomás Cuesta, “poida que haxa certa desvirtuación do ámbito rural e que afecte en certo modo as titulacións técnicas agrarias e forestais, pero a demanda laboral de profesionais do sector é máis alta que a oferta”.Por este motivo, Picos reivindica que “é o momento de apostar por este tipo de titulacións porque cada vez hai máis empresas que reclaman persoas formadas nestas ramas”. “O campo de traballo é moi amplo, vai desde as cousas máis habituais, ás novas tecnoloxías e novos subprodutos derivados da madeira”, destaca pola súa parte Fernando Enjamio.
No ámbito da enxeñería agrónoma, os datos que ofrece o Colexio de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia reflexan altas taxas de ocupación entre as persoas colexiadas. A pesar de que un 18% dos profesionais non teñen unha información completamente actualizada nas bases de datos da entidade, os profesionais autónomos, xunto ao persoal das administracións públicas, e aos profesionais libres supoñen a maior parte das actividades que ocupan o persoal do ámbito. A docencia sería o seguinte posto que máis profesionais agrónomos colexiados ocupa, chegando a un 9,65%.
As enxeñerías forestais teñen unhas saídas laborais moi amplas. Segundo Fernando Enjamio, “estas saídas foron trocándose afrontando novos camiños, novos retos, e novas saídas”. Dentro destas novas tendencias, o director do Colexio de Enxeñeiros Forestais destaca a pegada “da xestión forestal e a ordenación territorial, con principal importancia da xestión medioambiental, do CO2, do impacto ambiental, da paisaxe e das enerxías renovables”. As novas tecnoloxías están cada vez máis presentes, e cada vez ten maior protagonismo “como, por exemplo, o uso de drons en inventarios madeireiros ou mesmo no sector da construción en madeira”, detalla Enjamio.
“Temos un futuro interesante nun mercado que está esixindo novos produtos máis acordes ao medio” (F. Enjamio)
Necesidades para avanzar
Os Plans de Estudo de calquera grao universitario do territorio requiren dunha intervención do Ministerio de Educación para unha modificación. Partindo desta premisa, Juan Picos aporta que “é necesario saber aproveitar a oportunidade do entorno para aplicar na docencia, e adaptarse ás novas necesidades existentes do ámbito laboral”. Para isto, Picos fai fincapé na “iniciativa que ten que ter a docencia para saber adaptarse á situación, e nas actividades complementarias que se realizan para conseguir achegar máis a formación ao ámbito profesional”.
Outra das cuestións que se formula é a necesidade de apego destas ramas das enxeñerías técnicas á sociedade. Enjamio anuncia que “hai que tratar de levar á sociedade dun xeito atractivo a estas formacións”, e así mesmo, “achegar a profesión aos diferentes niveis educativos para concienciar, en certo modo, da súa importancia para a evolución da sociedade”.
Tomás Cuesta determina que “Galicia ten unha potencia en materia prima polo que é importante transformala cun valor engadido”. Para proceder, Cuesta fai referencia a que o seu ‘campo de batalla’ vai ser a “calidade e a dixitalización, de cara a procurar unha agricultura intelixente en base a automatismos, mecanización, e demais, para intentar transformar o produto”.