Quintana abre a posibilidade a que o acordo lácteo inclúa sancións

A conselleira di no Parlamento que co Real Decreto “crearíase a obriga de cumprir e a posibilidade de sancionar” o acordo lácteo

Quintana abre a posibilidade a que o acordo lácteo inclúa sancións

Rosa Quintana

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, compareceu esta mañá no Parlamento, a petición propia, para analizar a situación do lácteo galego.

Quintana recoñeceu que a situación das explotacións lácteas galegas é “difícil, complicada e negativa” e explicou que o sector “atravesa un momento de axuste e adaptación entre oferta e demanda, e consecuentemente do prezo”. Neste sentido, a conselleira destacou que a proposta de acordo presentada polo MAGRAMA para darlle estabilidade e sustentabilidade ao sector “foi cualificada como un paso positivo e histórico polos propios axentes do sector, (….) aproveitando todo o que a legalidade nos permite”

Ademais, advertiu de que este documento “ven acompañado do compromiso firme do Ministerio de elevar a Real Decreto as cuestións básicas que recolle”. Deste xeito, engadiu que “crearíase a obriga de cumprir e a posibilidade de sancionar”.

A oposición insiste en que o documento “non ofrece garantías para os gandeiros”

A oposición coincidiu en criticar o que consideran falta de actuación do goberno da Xunta para prever esta crise de prezos e en advertir de que o documento do Ministerio non ofrece garantías par os gandeiros.

Así, Tereixa Paz, do BNG preguntoulle á conselleira que “se o acordo fose tan magnífico e histórico como repiten, ¿cre que os gandeiros seguirían a tirar centos de miles de leite froito do seu traballo?”

Neste sentido, propúxolle ao goberno da Xunta “que constitúa unha comisión integrada por todas as partes do sector lácteo para elaborar e enviar ao Ministerio unha proposta de Real Decreto na que se establezan garantías do que é prezo sostible para o gandeiro; unha proposta de contrato homologado que garanta un prezo sostible para as explotacións e que se poñan a traballar para anular todos os contratos á baixa que se están a firmar”.

Dende Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), Antón Sánchez asegurou que “os gandeiros están desexando volver á vida normal, pero recomendaríalles que non baixen a garda, que non se fíen de vostedes”.

Sánchez precisou que “se algunha industria está a prometer suba de prezos é grazas ás mobilizacións dos gandeiros e grazas á solidariedade da sociedade galega, non grazas ás xestións do goberno da Xunta”.

Pablo García, do PsdeG-PSOE advertiu de que “este é o momento máis grave do sector lácteo galego”. Criticou que o goberno de España “presuma de buscar solucións a nivel da Unión Europea da man do goberno de Francia, que é o noso directo competidor enviando os seus excedentes ao mercado español”.

O portavoz de agricultura dos socialistas reclamoulle á conselleira que explique cantas industrias están dispostas a subir o prezo do leite. “A canto van cobrar o leite de media en outubro? Cal é o prezo sustentable? Iso é o que lle teñen que responder aos gandeiros se queren que se marchen para a casa”, concluíu García.

Por último, Carmen Iglesias, do Grupo Mixto, amosou o seu apoio ás mobilizacións dos gandeiros porque “o documento de acordo presentado polo Ministerio é claramente insuficiente, sen garantías de que vaian a percibir uns prezos xustos polo seu traballo”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información