“Queremos revitalizar AGA e abrila a todos os abelleiros”

Xosé Torres Romar ten unha pequena explotación apícola en Cuntis (Pontevedra) e é coautor do Dicionario Temático e Ilustrado de Apicultura. Vén de ser reelixido presidente da Asociación Galega de Apicultura á fronte dun equipo renovado. Cóntanos os cambios que pretenden impulsar

Xosé Torres Romar foi reelixido o pasado sábado como presidente da Asociación Galega de Apicultura

Xosé Torres Romar foi reelixido o pasado sábado como presidente da Asociación Galega de Apicultura

Logo das turbulencias vividas nos últimos meses, o sábado pasado a Asociación Galega de Apicultura (AGA), celebraba en Arzúa unha asamblea extraordinaria para elixir a súa Xunta Directiva para os vindeiros 2 anos. Á fronte dunha das asociacións de abelleiros máis senlleiras de Galicia continúa Xosé Torres, que xa levaba 4 anos como presidente, pero mudan as persoas que o acompañan e albíscanse cambios no rumbo da asociación.   

– Cal é a situación de AGA a día de hoxe?
– Hai un cambio no equipo, con persoas comprometidas coa transparencia, o traballo e a claridade. Pensamos AGA en grande e aberta a todos os abelleiros. Foi a segunda asociación en crearse en Galicia, a primeira foi APLA de Lugo, pero nestes 40 anos de vida tivo enxamías e escisións e hoxe só representamos ao 33% do sector apícola galego.

Pensamos AGA en grande e aberta a todos os abelleiros

A nosa intención é revitalizar AGA para poder enfocar o territorio galego desde o punto de vista apícola dun xeito máis aberto. É necesario dinamizar a asociación nas provincias de Lugo e de Ourense a través das delegacións. A nivel interno temos que organizar e atender a estas dúas provincias, que están un pouco desconectadas. Temos abelleiros socios, pero temos que coordinalos e ofrecer a estes apicultores o que eles mesmos demandan ou precisan.

– Existe fractura interna?
– Hai diferentes pareceres e eu agardo que se poidan superar. A raíz dunha serie de desencontros internos acontecidos nos últimos meses presentáronse dúas candidaturas á Asemblea: AGA nova, que obtivo 173 votos, e AGA con futuro, que sacou 143.

Era a primeira vez que isto acontecía e houbo unha concorrencia importante de socios e socias. Os resultados foron axustados pero eu non os entendo como división. A candidatura de AGA nova, que resultou vencedora, está formada por socios independentes, xente das delegacións e socios de Erica Mel. É, polo tanto, representativa da diversidade interna.   

– Que camiño vai coller a Asociación? Vai haber maior separación entre AGA e Erica Mel?
– O funcionamento ten que ser independente pero ten que haber unha relación fluída, dado que as dúas entidades son parellas. As dúas deben tirar no mesmo sentido pero cada unha con independencia e cun estatus de equiparación, en igualdade de condicións, algo que non se deu nos últimos anos, nos que se supeditou a asociación á cooperativa.

Nos últimos anos supeditouse a asociación á cooperativa

Os intereses tamén son distintos. A cooperativa está centrada no envasado e a comercialización de mel e a Asociación busca outras cousas, aportar formación e achegala aos socios e concienciar e dar a coñecer a apicultura entre a cidadanía.

– Cales son os retos aos que se enfronta o sector apícola en Galicia?
– Eu diría que son catro. O primeiro, a varroa, onde é necesaria unha viraxe cara aos tratamentos ecolóxicos e cara a poboacións de abellas máis resistentes por medio da selección xenética e a calidade das raíñas. En segundo lugar, a velutina, un problema ao que hai que darlle solucións sostibles e científicas. Xa hai universidades francesas, americanas e chinas investigando en como loitar contra ela a través de feromonas e temos que insistir ante as Administracións que fan falta tarefas de investigación pública coordinadas para o sector apícola. E, por último, o cambio climático e como lle está a afectar tanto ás abellas como ás colleitas das que se alimentan. Temos que traballar na mellora de calidade apícola nas abellas a través da selección xenética e a mellora das raíñas e evitar a degradación dos hábitats e a flora apícola.

Temos que tender pontes con todo o sector apícola galego para abordar os problemas común aos que nos enfrontamos

Todos estes son problemas nos que todo o sector apícola galego, tanto AGA como outras asociacións, temos que ir conxuntamente. As segas de pasto natural ou a corta temperá dos eucaliptos nítens, que fai que non se permita a súa floración, aféctannos a todos e haberá que actuar conxuntamente ante as Administracións públicas para que vexan que as colmeas e as abellas son un gando distinto, que non podemos estabular e que necesita un pasto natural e diverso. Non podemos ter en Galicia un deserto verde para as abellas, no que non teñan que comer.

– As abellas dependen dos cultivos para alimentarse, pero os cultivos tamén dependen das abellas. Valóranse os servizos ecosistémicos que proporcionades os abelleiros?
– Os insectos polinizadores son indicadores de prácticas agrarias e forestais axeitadas e unha das vías de ingresos pode ser ofrecer servizos de polinización de cultivos, como xa acontece noutros países europeos. De cara á sociedade, hai que defender ás abellas e aos insectos polinizadores como elementos de calidade ambiental e biodiversidade.

Os insectos polinizadores son indicadores de prácticas agrarias e forestais axeitadas

A nivel do sector apícola, é necesaria tamén unha viraxe da produción convencional cara á elcolóxica e da costa cara ao interior, a través da trashumancia de explotacións, unha práctica pouco extendida en Galicia pero con indubidables vantaxes, tanto para evitar a velutina como para aproveitar as floracións. Estes movementos poden darse a nivel individual ou bilateral entre apicultores, con acordos e intercambios entre apicultores de distintas localizacións.

– Insistides en que AGA ten que atender igual ao que ten moitas abellas ou ao que ten poucas.
– Si, porque os apicultores teñen que ter a máxima formación teñan poucas ou moitas colmeas, para coidalas o máis posible. Eu, por exemplo, teño unha explotación pequena, non vivo profesionalmente das abellas, nunca quixen pasar de 30 colmeas. Vivir das abellas non é doado e non todo o mundo o consegue.

Vivir das abellas non é doado e non todo o mundo o consegue

Queremos impulsar proxectos asociativos de ámbito colectivo e mesmo persoais socializados para extracción e comercialización do mel. Non ten sentido que se hai 4.600 abelleiros en Galicia haxa 4.600 locais de extracción. Hai que socializar eses equipamentos. É un mal que se repite noutros sectores tamén. Se nunha parroquia hai 13 casas haberá 13 tractores tamén. Non ten sentido. Hai que fomentar os locais de extracción conxuntos, sexa en locais colectivos ou arrendados a outros socios.

Queremos impulsar proxectos asociativos de extracción e comercialización de mel

Esa colaboración ten que servir tamén para incentivar a comercialización do mel por comarcas, aproveitando a riqueza e a variedade que temos en Galicia. Esa variabilidade dos distintos meles que hai é bo que chegue ao mercado.

É necesario establecer uns prezos mínimos para o mel galego e evitar a competencia desleal do mel sen etiquetaxe

Esa comercialización conxunta a nivel de comarca sería positivo para manter os prezos do mel e que non haxa competencia entre abelleiros. Porque hai mercado para todos, pequenos e grandes, pero ás veces o mel sen etiquetaxe supón unha competencia desleal e unha falta de valorización do produto.

– Que papel ten que xogar o consumidor?
– É un elemento clave. Nós queremos impulsar as feiras do mel, e particularmente nas grandes cidades, porque hai que acudir alí onde está o consumidor, promovendo os produtos das colmeas e explicando o papel das abellas no medio ambiente e a natureza.

Queremos impulsar as Feiras do Mel, particularmente nas grandes cidades

A Administración debe facer campañas de concienciación sobre o mel cristalizado non pasteurizado como garantía de ningunha alteración sufrida e debe poñer toda a infraestrutura coa que conta o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), con sede en Lugo, ao servizo do sector, para que as probas e análises de mel que alí se realicen poidan ter unha validez oficial e non ter que recurrir a laboratorios de fóra de Galicia.

Novas trampas selectivas contra a velutina

Asistentes ao Día do Apicultor en Arzúa o pasado sábado

Asistentes ao Día do Apicultor e á Asemblea de AGA celebrada en Arzúa o pasado sábado

As eleccións para escoller á Xunta Directiva de AGA e as charlas con motivo do Día do Apicultor congregaron este sábado en Arzúa a numeroso público, con máis de 400 asistentes chegados de toda Galicia.

Nas conferencias da mañá tratáronse temas de actualidade nesta época do ano para o sector apícola, como son o trampeo primaveral para capturar raíñas de velutina e a confección de núcleos e novos enxamios de abellas.

Antonio Rojo, veterinario de Chantada, presentou aos asistentes unha trampa selectiva para capturar raíñas de velutina. O prototipo, que está en probas, está feito de plástico e conta cun sistema que evita que os insectos entren en contacto co líquido atraínte. Isto fai que só as velutinas caian na trampa, posto que outros insectos máis pequenos poden saír por uns buratos ao efecto na parte baixa da trampa, polo que non collen as velutinas, que quedan atrapadas sen poderen saír.

As claves dun bo trampeo

Dous apicultores, Rafael Díaz e José María Bello, deron tamén pautas de trampeo e eliminación de niños de velutina. Sen trampeo os ataques ás colmeas serían máis agresivos e mentres non haxa outros métodos, é imprescindible levar a cabo unha labor constante neste eido nos meses da primavera, defenderon.

Pero ten que ser un trampeo moi selectivo, con buratos de entrada de 9 milímetros, que son dabondo para que a velutina entre, e 6 mm na saída, para permitir escapar a outros insectos.

O trampeo terá lugar de comezos de marzo a finais de maio, cambiando o líquido atraínte cada 15 días e movendo as trampas en función das floracións

O trampeo é necesario desde comezos de marzo até finais de maio, en función das comarcas. Máis aló colocar trampas non ten moito sentido, hai que ir ao outros sistemas de defensa das colmeas, como a colocación de arpas eléctricas, aseguraron.

Para que as trampas atraian ás velutinas, hai que repoñer o líquido cada 12-15 días para que sexan efectivas e é recomendable movelas en función da floración que teñamos na contorna, comezando polas camelias, pasando logo polas froitas de óso e máis adiante polos cítricos.

Necesidade de facer núcleos a comezos da primavera

Marcos Varela apicultor e autor do libro Tratado do criador. Reprodución apícola foi o encargado de falar dos distintos métodos para multiplicar colonias de abellas. Debido á alta mortandade existente, hoxe calquera explotación apícola, independentemente do seu tamaño, ten que ter un método de renovación das súas raíñas para evitar as enxamías, para seleccionar o material xenético e para ter reposto de novas colonias.

Hai métodos sinxelos en función das celas reais que crean as propias abellas para reproducir naturalmente

Existen métodos sinxelos para aproveitar as celas reais que fan as propias colmeas para seleccionar e criar delas e reproducilas desta maneira de xeito natural aproveitando as realeiras para crear novos enxames e novas raíñas.

Hai que traballar dun ano para outro creando repostos para as colonias da abellas que van morrendo

Pero a clave está en traballar dun ano para outro no reposto das colonias de abellas, facendo na primavera enxames para renovar as raíñas e as colonias. Este proceso debe iniciarse unha vez que comeza a haber abázcaros no apiario, para garantir a fecundación das novas raíñas, pero nas zonas de costa a partir de agora xa se pode facer. De abril a xullo sería o periodo ideal se as condicións acompañan, porque despois a presenza de velutinas limita estes traballos.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información