A Asociación Galega de Apicultura celebra este sábado a súa asemblea máis difícil, marcada pola división interna

Por primeira vez nos máis de 40 anos de historia de AGA preséntanse dúas candidaturas, unha encabezada polo actual presidente, Xosé Torres, partidario da desvinculación con Erica Mel, e outra liderada polo expresidente Abel Yáñez, socio fundador tamén da cooperativa nacida no seo da entidade

Unha das charlas técnicas no último Día do Apicultor celebrado no ano 2020

Unha das charlas técnicas no último Día do Apicultor celebrado no ano 2020

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) naceu no ano 1980 e tivo un papel fundamental para o mantemento, a renovación e a profesionalización do sector apícola galego. Pero a entidade atravesa un momento delicado, marcado pola división interna.

Este sábado AGA celebra en Arzúa unha asamblea na que escollerá a súa Xunta Directiva para os vindeiros dous anos, logo da dimisión de parte dos seus membros. En catro décadas, estas son as primeiras eleccións que se celebran no seo da entidade con máis dunha candidatura.

AGA conta neste momento con 1.557 socios e socias, que representan un terzo dos apicultores dados de alta en Galicia

Preséntanse dúas candidaturas: AGA Nova 2022, encabezada polo actual presidente en funcións, Xosé Torres Romar, e AGA con Futuro, encabezada polo expresidente Abel Yáñez Armesto.

Integran a lista de Xosé Torres Marita Puga González, José María Bello Santos, Maruxa Blanco Touriño, Victorio Tasende González e Joaquín Jozano Parejo. Pola súa banda, a de Abel Yáñez está formada por Rafael M. Díaz Nieto, Manuel Rodríguez Gómez, José María Martínez Ares, José Ramón Suárez Estévez e Xesús Feás.

Acusacións mutuas

Nos últimos días as dúas candidaturas están a poñerse en contacto cos socios e socias na busca de apoios de cara á votación deste sábado, mentres se cruzan acusacións mutuas.

AGA Nova 2022 di presentarse para “limpar os vicios históricos ocultos e impostos de mala xestión” e para “aclarar a malversación de fondos de AGA descuberta no 2021”; namentras AGA con Futuro acusa ao actual presidente de “sementar infundios e discordias” e defenden a tradicional vinculación entre AGA e Erica Mel, a cooperativa xurdida no seo da entidade en 1990 e encargada de envasar e comercializar a produción dos socios.

A cooperativa Erica Mel está formada por 265 socios de AGA

As discrepancias xurdiron ao longo do 2021 sobre a implantación do proxecto A Botica das Abellas para a creación dunha nova liña de produtos derivados do mel encamiñados ao fortalecemento do sistema inmune en colaboración co Enredo do Abelleiro e continuaron en relación á xestión do Centro de Divulgación do Queixo e do Mel de Arzúa posto en marcha a través dun convenio entre AGA, Erica Mel e o Concello de Arzúa no ano 2008.

As diferenzas quedaron patentes no derradeiro Consello Apícola da entidade, celebrado o pasado 17 de xaneiro, e que levou á dimisión da meirande parte da Xunta Directiva, entre eles o vicepresidente de AGA e presidente de Erica Mel, Manuel Gutiérrez, así como do ata entón voceiro de AGA, Xesús Asorey.

Programa do Día do Apicultor

Dadas as circunstancias da pandemia da covid-19 no mes de xaneiro, este ano a celebración do Día do Apicultor, organizado por AGA, tivo que atrasarse para poder celebralo coas máximas garantías sanitarias.

Terá lugar este sábado a partir das dez e cuarto da mañá na Polbeira de Santa María, en Arzúa, e incluirá dúas charlas técnicas sobre o control da vespa velutina e sobre a cría de raíñas. 

Son dous temas de plena actualidade e vixencia no comezo da primavera, tanto o trampeo de raíñas velutinas e a súa valoración práctica, como os beneficios da cría de raíñas e da formación de núcleos nos apiarios, e serán impartidos por socios de AGA expertos nestas materias. 

Palestras:

10:15 horas:

  • Presentación dunha trampa selectiva para cazar raíñas de Vespa velutina, por Enrique Rojo Rojo, veterinario de Chantada.
  • Debate sobre a necesidade e eficacia do trampeamento primaveral, por varios socios representativos desta técnica.

11:00 horas:

  • Beneficios da cría de raíñas e necesidade da formación de núcleos nos apiarios, por Marcos Varela Lorenzo (autor do libro Tratado do criador. Reprodución apícola).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información