A finais de novembro de 2023 tivo lugar en Outeiro de Rei (Lugo) a constitución da Asociación de Criadores de Apis Mellifera Iberiensis de Galicia, co obxectivo de agrupar as principais asociacións de apicultoras e apicultores galegas, cooperar con elas en cadanseu Programa de selección da abella negra galega (Panega) e máis axuntar as e os criadores de abellas nais de Galicia, así como de defender e promocionar a abella negra galega, co propósito de conservar e mellorar a nosa abella local. Os seus fins, especificados nos seus Estatutos, son os seguintes:
a) A defensa global e a conservación da subespecie de abella Apis mellifera iberiensis.
b) Fomentar programas de cría, conservación e selección da abella negra galega.
c) Participar na caracterización da raza Apis mellifera iberiensis e na implantación e no funcionamento do seu libro xenealóxico e programa de mellora.
d) Cooperar coas asociacións de apicultores de Galicia na promoción e difusión da abella negra galega.
e) Colaborar con centros de investigación, universidades e outras entidades implicadas no desenvolvemento de programas de mellora apícola e dar a coñecer os avances obtidos.
f) Agrupar os criadores galegos da Apis mellifera iberiensis para asesoralos tecnicamente e defender os seus dereitos e intereses comúns.»
A composición da primeira Xunta Directiva de Amiga é a seguinte: Presidente: Marcos Varela Lorenzo Secretario: Xosé Manuel Durán Orús Tesoureiro: Alberto Vidal Gándara Vogal 1: Benito Martínez Viéitez Vogal 2: Benigno Basteiro Rodríguez. A constitución desta asociación foi necesaria para podermos representar Galicia e integrarnos na Confederación española de criadores de Apis mellifera iberiensis (na que hai xa unhas sete federacións autonómicas), co fin de elaborar un programa de cría uniforme en toda España e chegar a xestionar perante o Ministerio con competencias na materia e a Administración estatal o necesario recoñecemento oficial como raza e xestionar o libro xenealóxico desta.
Como sinalan os seus fins, esta asociación Amiga ponse á disposición dos criadores e das criadoras de Galicia e das entidades apícolas para colaborar en posibles actividades relacionadas con este tema da selección da abella negra galega, na que AGA está involucrada. O contacto con Amiga para coñecer esta entidade, demandar información sobre os seus dereitos e intereses comúns a respecto da cría de raíñas galegas, solicitar a ficha de inscrición ou asociarse a ela é o seguinte: criadoresamiga@gmail.com. Polo de agora, a cota anual asociativa aínda está pendente de establecer por parte da asemblea xeral.
Con esta ocasión, tamén se vos comunica que o Grupo Operativo Panega de AGA, no que hai inscritas 28 persoas para a testaxe de raíñas, se poñerá en marcha neste mes de decembro, das que haberá que seleccionar 10 abelleiros/abelleiras titulares e 5-10 suplentes repartidos pola xeografía galega. Ademais da xente con experiencia demostrada, estamos a ver de agrupar algunhas persoas testadoras por veciñanza comarcal para poderen compartir apiarios de selección e teren máis opcións de resultar seleccionadas.