Como dividir unha colmea?

Explicamos un método sinxelo para a división dunha colonia de abellas, unha técnica que nos permite evitar a enxamía da colmea e multiplicar o número de unidades, ben sexa para repoñer baixas ou para facer medrar o noso apiario

Retirada de orillero con movimentos suaves para evitar a morte de abellas

Nun artigo anterior explicabamos como facer a primeira revisión a unha colmea despois de pasar o inverno. Logo desa revisión inicial, que dá comezo á tempada apícola, e unha vez definida a estratexia para cada colmear, podemos encontrarnos coa necesidade de incrementar o número de colonias ou evitar que as máis fortes e avanzadas enxameen, así como coa de suplir baixas despois do parón invernal.

Cada apicultor debe marcarse uns obxectivos, que poden variar en función das circunstancias de cada ano e que non teñen por que ser os mesmos en todos os casos

Para a división dunha colmea existen numerosas metodoloxías que se poden encontrar na distinta bibliografía dispoñible e en artigos divulgativos. Neste caso optaremos por un método sinxelo e accesible a calquera apicultor, mesmo no caso de que estea comezando. Os pasos a seguir no método de división elixido son os seguintes:

Día D: división da Nai

Materiais utilizados

Materiais utilizados

1) Material necesario:

Precisaremos unha colmea sen ocupar, con cadros de cera estampada e coa piquera pechada, que situaremos ao lado da colmea elixida para a división. A esta colmea virxe chamarémoslle “B” e retiraremos dela 4 cadros de cera estampada que quedarán reservados á sombra.

2) Elección da colmea a dividir:

A colonia que vaiamos dividir debe estar sa (niveles de varroa baixos e ausencia de Loque americana), de forte a moi forte en canto a poboación de abellas adultas e nivel de cría e nun estado de preenxamía. Se se empezan a ver inicios de celdas reais na parte inferior dos panais e cría pechada de abázcaros estariamos ante o momento ideal para proceder a realizar a súa división.

Se se empezan a ver inicios de celdas reais na parte inferior dos panais e cría pechada de abázcaros estariamos ante o momento ideal para a división

O número mínimo de cadros de cría para iniciar este sistema é de sete e, por suposto, abundantes reservas de mel e pole por toda a colonia. Os cadros orilleros deben estar cheos de mel. A esta colmea chamarémoslle “A”.

Cría pechada de abázcaros na parte inferior dos panais

Cría pechada de abázcaros na parte inferior dos panais

Inicios de realeras na parte inferior dos panais

Inicios de realeras na parte inferior dos panais

Hai que ter en conta que neste sistema serán as abellas as que realizarán a cría real a partir da cría xa presente na colmea, polo que debemos promover que se leve a cabo nas mellores condicións posibles, é dicir, de abundancia, para obter raíñas de calidade, de aí a importancia de partir de colmeas o máis fortes posible.

A división de colmeas pode servirnos para ir mellorando a selección xenética no noso colmear. Por iso, sempre se entende que debemos reproducir aquelas colmeas que teñan unhas características que nos agraden baseándonos nuns criterios de selección predeterminados (produción, sanidade, mansedume, limpeza), pero no contexto que nos ocupa centrarémonos en que a colmea cumpra cos requisitos sanitarios e de fortaleza indicados.

Abundantes reservas de mel

Abundantes reservas de mel

Abundantes abellas en todos os cadros para unha división satisfactoria

Abundantes abellas en todos os cadros para unha división satisfactoria

3) Procedemento de división:

Neste sistema procederemos a transferir da colmea “A” á “B” dous cadros de reservas (mel) e dous cadros de cría pechada coas abellas que leven incorporados máis a raíña. Loxicamente os cadros de cría pechada poderán levar certa cantidade de cría aberta, pero en todo caso procurarase que a mínima posible.

A raíña podemos buscala e pasala directamente para a outra colmea ou poñer un excluidor de raíña entre as dúas

A raíña podemos buscala directamente e pasala para a colmea por medio dunha pinza atrapa-raíñas ou pasala no propio cadro onde se encontre se cumpre as condicións que veñen de ser indicadas. 

Pinza atrapa-raíñas

Pinza atrapa-raíñas

É un bo exercicio para aquelas persoas que se inician na apicultura coller práctica na busca da raíña dentro da colmea pois, aínda que pareza moi complicado, cun pouco de vontade e constancia pode conseguirse. Adoita estar nos cadros de cría e rodeada do seu séquito. 

Atopa a raíña

Atopa a raíña

No caso de que non deamos coa raíña ou de que se desexen dividir varias colmeas por este sistema, podemos axudarnos dun excluidor de raíña, pasando toda a cría aberta sen abellas a unha alza superior (colmea “B”) que situaremos sobre a colmea “A” e sobre este útil, o excluidor de raíña (un enreixado polo que poden pasar as obreiras pero non a raíña, de maior porte, debido ao tamaño dos ocos), que nos fará o traballo de separar as dúas partes ao noso interese. Iso si, debemos esperar unhas horas ata que as abellas nodrizas suban a atender a cría aberta para separar as dúas partes e rematar o proceso de división.

4) Organización da colmea “B”

Organización da colmea "B"

Organización da colmea “B”, cun cadro de cera estampada intercalado

A colmea “B”, polo tanto, quedará organizada cun cadro de mel orillero, dous de cría pechada a continuación e outro cadro de mel de seguido máis os 6 cadros de cera estampada que xa tiñamos.

Se a predición meteorolóxica é boa, podemos intercalar un cadro de cera estampada entre o terceiro cadro de cría e o cuarto panal de mel. Pecharemos esta colmea e reservarémola a sombra.

5) Organización da colmea “A”

Organización da colmea "A", na que non irá a raíña. Levará, cando menos, 4 cadros de cría aberta

Organización da colmea “A”, na que non irá a raíña. Levará 5 cadros de cría, maioritariamente aberta

Na colmea “A” quedarán un mínimo de cinco cadros de cría, na súa maioría aberta con ovos e larvas novas (tamén quedará algo de cría pechada) máis os catro cadros de cera estampada que tiñamos reservados da colmea “B”. Neste caso non será necesario facer a operación de intercalado previamente descrita.

6) Alimentar a colmea “A”

Non esquezas alimentar a colmea que levará a cabo a cría real

Non esquezas alimentar a colmea que levará a cabo a cría real

Por último, independentemente de que a colmea se atope con moitas reservas, alimentaremos igualmente a colmea “A” con xarabe ao 60% de azucre co fin de estimular unha boa cría real. Na colmea “B” non será necesario realizar unha alimentación suplementaria, agás que queiramos estimulala para unha pronta colocación de alza e produción de mel ou para proceder a unha nova división. 

Reparto equilibrado de abellas

En canto o reparto de abellas, na colmea “B” encóntranse as que ían nos propios panais que transferimos, onde haberá abellas de diferentes idades máis a raíña, mentres que na colmea “A” quedarán unha gran parte de nodrizas, fundamentais para poder alimentar ben as larvas reais máis todas as pecoreadoras.

Podemos trasladar a colmea “B” a outro apiario ou deixar unha a carón da outra, desprazando lixeiramente a colmea “A” da súa posición orixinal para favorecer a entrada de pecoreadoras nas dúas por igual

A colmea “A” quedará posicionada no seu sitio orixinal e será a colmea “B” a que debemos trasladar a outro apiario. No caso de non dispor doutro apiario poderá quedar no mesmo pero noutra posición diferente, a sabendas de que perderá as abellas que regresen á colmea “A”. Para compensar isto pódese sacudir un cadro de abellas da colmea “A” sobre a “B” para intentar compensar esta perda.

Outra variante sería desprazar lixeiramente a colmea “A” e situar a colmea “B” ao seu carón de maneira que as pecoreadoras se repartan entre as dúas, pero ambas variantes non deixan de ser un reparto subxectivo das abellas.

Día D+9: división das Fillas

Transcorridos 9 días desde a primeira división efectuada na nosa colonia inicial, volveremos a colmea “A” e faremos unha segunda división. Esta vez utilizaremos un núcleo de 5 cadros ao que chamaremos “C” e a onde transferiremos dous cadros de cría que conterán varias celas reais operculadas máis un cadro de mel e pole.

Debemos ser moi coidadosos á hora de manipular ou transportar cadros que conteñan celas reais para non danalas, o que faría fracasar a división

Debemos ser moi coidadosos con estes cadros, tanto ao manipulalos coma o transportalos para non danar en ningún momento as celas. Unha vez configurado o núcleo pecharase (piquera incluída) e transportarase a outro colmear. En caso de ter moitos núcleos recoméndase preparar unha zona da alvariza específica e separada das colmeas en produción ou, mellor aínda, proceder ao seu traslado a un apiario diferente, destinado soamente á fecundación dos núcleos.

Na colmea “A” quedarán o resto de cadros que, loxicamente, algún deles debe conter celas reais tamén. Normalmente encontraranse suficientes celas para poder repartilas entre “A” e “C”.

Día D+40: revisión das tres partes

Cando se cumpran 40 días da primeira das divisións (ou 31 da segunda) faremos unha revisión completa das tres partes: as colmeas “A” e “B” e o núcleo “C”.

A estas alturas, a colmea “B”, a que mantén a raíña inicial, debería estar disposta a recibir unha primeira media alza (sobre todo se a axudamos a recuperarse cun pouco de alimentación estimulante).

Deste xeito, poderemos obter produción de mel desta colonia neste ano. Ademáis, co proceso de división realizado, cortamos o seu instinto de enxamía e surtiunos de dous novos enxames potenciais.

Se o interese do apicultor é medrar en número, nada impide que a colmea que contén a raíña inicial poda ser dividida novamente dentro deste mesmo ano

Se o interese do apicultor é medrar en número, nada impide que esta colmea poda ser dividida novamente, pero, neste caso, non cabería esperar xa dela colleita de mel, salvo en anos moi excepcionais.

A colmea “A” e o núcleo “C” toca tamén revisalos para confirmar que as raíñas se fecundaran correctamente. Cabe esperar fallos neste paso pois non é posible obter un 100% de acertos, por iso facer unha división sistemática e abundante ao longo da tempada apícola minimiza os riscos por perdas derivadas da climatoloxía ou outros factores.

Facer unha división sistemática e abundante ao longo da tempada apícola minimiza os riscos por perdas derivadas da climatoloxía ou outros factores

O éxito deste sistema radica no equilibrio das súas partes e no momento de levalo a cabo, así coma na calidade das raíñas que produce pois, aínda que son celas de emerxencia, son criadas nunhas condicións óptimas e nun momento de balbordo e abundancia propio das épocas de enxamía.

Marcaxe das novas raíñas

Detalle do útil para a marcaxe da raíña

Detalle do útil para a marcaxe da raíña

Para rematar e facilitar as seguintes divisións e operacións a realizar nas colmeas pódense marcar as novas raíñas, ben seguindo o código de cores internacionais ou simplemente de branco, co obxectivo de, en diante, localizar a raíña rapidamente.

Existen moitas ferramentas no mercado mais, en calquera caso, débese ter claro sempre que só debemos manipular as raíñas fecundadas polas súas ás e tórax, xamais polo abdome. En caso da marcaxe das raíñas virxes non se deben tocar as súas ás tampouco.

Só debemos manipular as raíñas fecundadas polas súas ás e tórax, xamais polo abdome, e nas raíñas virxes non se deben tocar tampouco as súas ás

Unha vez marcada, deixarase secar a pintura e reintroducirase de novo a raíña na colmea, entre dous cadros de cría aberta, coa axuda dunha pequena e delicada bocanada de fume para axudar a que se abra paso de novo entre as súas fillas.

(*) CÉSAR CRESPO VÁZQUEZ é enxeñeiro técnico agrícola e enxeñeiro de organización industrial. Traballa como docente no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Monforte de Lemos e mantén unha explotación apícola en Montederramo.  

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información