A tractorada de Lugo volveu confirmar esta mañá o forte descontento que hai no campo pola falta de medidas eficaces ante a crise láctea. Arredor dun milleiro de persoas participou na manifestación a pé que percorreu a cidade facendo parada nos diversos edificios institucionais. Ao remate da protesta, dirixiuse ós concentrados Roberto López, da asociación Agromuralla, que incidiu de novo nos incumprimentos do acordo lácteo asinado en setembro.
Tres meses despois do pacto suscrito por industrias, distribución e parte do sector produtor, os prezos continúan sen perspectivas de mellora a pé de campo, en tanto si subiu o prezo do leite nos supermercados. “Queremos que nos digan eses céntimos onde van”, berraba megáfono en man un dos manifestantes, que tamén recurriu ó clásico “Prezos xustos para o noso leite”.
Prezos e axudas
Os gandeiros, como lembrou ó remate do acto Roberto López, veñen de asinar contratos para 6 meses sen ningunha mellora respecto ós anteriores. “Se os prezos non soben agora en decembro, que era o habitual, que vai pasar na primavera?. Queremos seguir botando man das pagas dos nosos pais e avós para manter aberta a explotación? –pregúntase López- “Dóeme en especial que a conselleira estea a dicir que subiron os prezos porque ela sabe que esa suba é irreal. Os prezos aumentaron no último mes en 0,4 céntimos só pola mellora das calidades en graxa e proteína”, sostivo López, o gandeiro de Lugo que está a exercer de voceiro de Agromuralla.
Os anuncios da Administración sobre o anticipo da PAC, que parte das explotacións lácteas aínda están pendentes de cobrar, ou sobre as axudas de minimis pola crise, tamén molestan a Agromuralla. “Téñome atopado á xente pola rúa en Lugo que me di: ‘Menuda man que vos botaron coas axudas’, cando a realidade é que o 40% das gandarías de Lugo non cobrou ningunha axuda por baixos prezos e as que si cobraron non percibiron nin os 300 nin os 110 euros por vaca que se anunciaran”, criticou López na intervención final da protesta.
“Que se pode facer pouco, que se faga ese pouco, pero que non nos vendan a moto” (Roberto López)
“Igual non está na man dos políticos facer moito máis, pero si que está na súa man que alomenos se deixen de rir do sector”, queixouse López. “Que se pode facer pouco, que se faga ese pouco, pero que non nos vendan a moto. Queremos dignidade para os gandeiros. A xente come tódolos días, cando pode, así que este sector ten que contar”.
Agromuralla tamén demanda un control do leite que entra de fóra. “Hai que ver se ese leite vén coas mesmas calidades que se esixen aquí”, advertiu Roberto López, que tamén pediu unha defensa do mercado interno de España fronte ós excedentes foráneos.
Socios
Tras o acto, que rematou na porta de San Fernando, Agromuralla está a manter toda a tarde un posto ante o edificio multiusos da Xunta para que as persoas que o desexen poidan inscribirse como socias. A asociación sinalou que está aberta a que se sumen gandeiros de máis concellos, que poderán ter unha persoa no grupo de representantes dos concellos que polo de agora rixe a entidade.
Ó remate do acto, Agromuralla tamén agradeceu a presencia dun gandeiro que desprazou dúas xovencas para a manifestación, se ben finalmente non puideron desfilar coa protesta pola falta de permisos administrativos.