‘Que hai en contra de Agolada, nin feiras nin parcelarias?’

Rafael Méndez, gandeiro de Agolada e organizador da Poxa de gando celebrada o pasado día 12 aporta explicacións neste artigo de opinión sobre os acontecementos que obrigaron ó cambio de ubicación inicial da poxa e as limitacións que se atopou para a súa celebración

‘Que hai en contra de Agolada, nin feiras nin parcelarias?’

Finalmente a feira-poxa realizouse o día 12 na Carballeira da Zanquiña, en Agolada.

Son Rafael Méndez Guerra, gandeiro que compaxino co traballo de carteiro na bonita vila de Arzúa desde fai tres anos. Tamén son concelleiro do PP no Concello de Agolada. 

E como concelleiro, para min a defensa e o traballo polo veciños está en primeiro lugar, primando a xente do rural antes de calquera orde de partido. Como tal, xa levo varios anos organizando actividades no municipio, paralizadas por causa da Covid 19, como son:

• Cinco xornadas técnicas sobre o manexo de gando (cunha media de máis de 100 asistentes).

• Tres concursos de debuxo sobre o rural no colexio público.

• Unha exposición-feira de maquinaria agrícola coa asistencia de máis de 1.500 persoas e con moi boa crítica por parte de quen participa.

Pois outra actividade que me andaba rodando a cabeza era a de intentar reiniciar a feira de gando do 12, unha feira cos seus inicios no século XIX. Estaría nun principio dirixida a compraventa de vacas, novillas e becerras para a vida de todas as razas. Agolada está situada nun punto céntrico a poucos quilómetros de Lalín, Silleda, Vila de Cruces, Monterroso, Rodeiro, Palas de Rei, Arzúa… zonas moi gandeiras e con gran tráfico de compraventa de vacas polo que, con paciencia, pode funcionar; o que lle daría vida a Agolada e á comarca. En principio as datas serían o 12 de agosto e cada tres meses, o domingo máis próximo ao día 12, a fin de poder ter máis movemento de xente. E así non coincidir nin coa poxa de Silleda nin co mercado de Santiago. A modalidade de venda sería o método tradicional ou a poxa silenciosa.

O primeiro paso que dou é falar co señor alcalde por se sería posible unha colaboración do Concello, en concreto a preparación do campo da feira para que se cumprisen todas as normas sanitarias e poder celebrar alí dita feira. A idea foi acollida moi ben, estando o Concello disposto a colaborar no que fixese falta, como así foi.

Seguidamente, púxenme en contacto con gandeiros da zona e tratantes, co fin de ter unha pequena idea das vacas que poderían vir, para poder dar o seguinte paso, que era o de pedir permiso na Xefatura Provincial. Máis ou menos xuntaba entre 70/80 vacas, polo que hai que darlles as gracias pola boa acollida que me deron e as grandes ganas que hai.

O seguinte paso foi pedir permiso á Xefatura de Medio Rural. Paso que dei o día 20 de xullo, por medio dun correo electrónico, o cal me foi contestado o día 22 de xullo, venres, onde me pedía unha serie de requisitos, como recordando que había que facelo por outros medios, en concreto pola sede electrónica. (Como si os gandeiros foramos licenciados en informática!). Onde ademais me pedían cousas que xa lle mandara, coma o permiso do Concello, o nome do veterinario, pero tamén outras. O máis lóxico sería desprazar un veterinario de Lalín a inspeccionar o recinto feiral e que certificara en persoa si valía ou non ou que houbese que facer para cumprir cas normativas actuais, pero non, si os mandan, é para multar ao gandeiro.

Tamén me pedían, por tratarse de poxa, outras medidas a maiores como eran probas de neospora, IBR, DVD e paratuberculose. Isto non sei como se lles ocorre, pois unha poxa ten as súas propias normas, que hai que publicar con antelación, isto consulteino e é así. Eles confunden poxas de gando de alto valor xenético, o cal está regulado dalgunha maneira polas propias federacións. Ou a poxa de Feiradeza, da cal eu, como parte da organización, xa estiven en dous cambios de normativa, como cando se meteu a condición de que os animais tiñan que ter as analíticas da ADS negativa, e máis recentemente cando aprobamos que tiñan que ter uns indecesmas actos (cualificación ou leite producido en primeiro parto).

Dado todo isto decidín esperar ao día 26, primeiro día laborable despois do 22, data na que me mandaron a contestación. O 26, ás 10 da mañá e por espazo de tempo duns 21 minutos falei por teléfono co xefe de servizo contándolle o proxecto que tiña e ata lle pareceu boa iniciativa, pero díxome que para o 12 de agosto non era posible. Se quería para setembro, comprometíase a que, cumprindo as condicións no recinto, non habería problema ningún. Eu comenteille que quería en agosto. Se non podía ser con vacas de máis dun CEA, preguntei se con vacas dun só CEA podía facela, xa que como eu sabía, e a maioría de gandeiros tamén, as vacas dun CEA, coa folla verde en regra, poden ir a calquera sitio, dentro da comunidade. Díxome que cun CEA só tiña que pedirlle o recinto ao alcalde ou propietario e que así quedaba anulada a petición da feira aberta e pasaría facela con vacas dun só CEA.

Falei entón co alcalde e así decidimos facer a feira, para ir tomando pulso e saber a acollida que tiña a iniciativa por parte da xente. Na presentación da feira e en todas as publicacións xa puxemos que estaba pechada a entrada de animais por culpa de prazos, e que só irían vacas dun CEA, sobre 20 vacas, desde becerras a xovencas paridas.

Dalí a uns días, empezaron a chegarme rumores de que a señora Carmen Seijas [portavoz do Partido Popular en Agolada] comentaba que non ía permitir que “O Catano” fixera feira, que ela tiña bos contactos co partido e que se facía o que ela mandaba. Un gran erro, porque quen organizaba a feira era eu, como así o poñía ben claro nos carteis e nos anuncios publicados. Eu non o cría: unha que desde Medio Rural non lle seguirían o xogo e outra, que non sería verdade. Aínda que a verdade é que eu xa tiña a mosca detrás da orella, posto que polo Facebook adóitase ver quen está dun lado ou outro. E como así practicamente a maior parte compartía ou me mandaba apoio por un medio ou outro o cal é de agradecer, algunha nada…

Pois os rumores parecían que eran verdade, posto que o día 10 de agosto a Xefatura do Medio Rural manda un correo ao Concello onde pon que a feira do 12 estaba prohibida. Chámame o alcalde e comunícamo. Entón chamo á Xefatura e póñome en contacto co xefe de servizo (Víctor) e coméntolle que só van vacas dun único CEA. Ó que me di que, sendo así podía facela. Dígolle que mande un correo ao Concello dicíndollo. El dixo que ía falar e que xa me chamaría. Nada. Chamei eu ao longo da mañá dúas ou tres veces, recibindo a mesma contestación de que estaban reunidos.

Sen noticias ata o xoves 11. A primeira hora volvo a chamar por teléfono por espazo de 34 minutos e máis do mesmo. Din que eles non mandaban nada en referencia a autorizar o evento. Pero pediume que lle mandara os DIBs das vacas que ían e así o fixen. Cando chego á casa teño unha notificación da Xefatura onde me prohiben facer a feira. A notificación chega o día 11, como se non houbese días antes sen esperar ata a véspera! Ademais de facerme mal, tamén se pon de manifesto a mala intención de anular todo despois de facer o traballo.

Como xa facía como 10 días que circulaban os rumores anteriormente citados, xa tanto o alcalde como o tenente de alcalde e eu tiñamos un plan B. Se os rumores se facían realidade, a intención era levar os animais á Carballeira da Zanquiña. Cousa que fixen para evitar ningún tipo de conflito. Pois como serán de retorcidos que o día 12 e, segundo fotos que me pasaron, había dous veterinarios e máis unha parella de Gardas Civís dando voltas polo recinto feiral (gastando cartos dos contribuíntes) a pesar de ter un cartel claro dicindo onde estaba a feira. Hai que dicir que por alí tiveron a decencia de non aparecer, como así apareceron moitos veciños e xente doutros lugares como Negreira, de Palas, Arzúa, Cruces, Silleda, Lalín…

As sorpresas non paran aí. O sábado, día 13, aparece na prensa que a Xunta, Medio Rural, non prohibira a feira… Ver para crer! Ríndose do rural, de Galicia e de nós, dos de Agolada en particular. Espero que todos os veciños de Agolada saiaban a quen teñen e en Medio Rural depuren aos antirurais.

Que ten Antonio Crespo en contra de Agolada, nin feiras, nin parcelarias? BASTA XA!

*Rafael Méndez Guerra

*Rafael Méndez Guerra é gandeiro na Agolada, actividade que compaxina co traballo de carteiro na vila de Arzúa dende fai tres anos. Tamén é concelleiro do Partido Popular no Concello de Agolada.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información