Publicada a resolución das axudas para tratamentos silvícolas

Houbo arredor de 400 beneficiarios, con actuacións planificadas en 5.500 hectáreas

Publicada a resolución das axudas para tratamentos silvícolas

Piñeiral de rexeneración natural con manexo silvícola. / Arquivo.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución das axudas concedidas para tratamentos silvícolas (podas, rareos e rozas), de acordo coa convocatoria que se abrira a finais de decembro do 2020. As achegas totais superan os 10,2 millóns de euros e distribúense entre case 400 beneficiarios, principalmente comunidades de montes veciñais, para actuar nunha superficie de 5.500 hectáreas.

A provincia con máis expedientes aprobados é Ourense, con 149 e 2.737 hectáreas, para un importe total de 5 millóns de euros. Séguelle Lugo, con 102 expedientes e 1.119 hectáreas; Pontevedra con 97 beneficiarios e 1.146 hectáreas; e por último, na Coruña, aprobáronse 45 expedientes para traballar en 524 hectáreas.

Estas achegas están dirixidas a executar rareos e podas en masas de coníferas, así como a tratamentos silvícolas en masas de frondosas caducifolias, sobreiras e aciñeiras e para a rexeneración e/ou mellora de soutos de castiñeiro.

Trátase maioritariamente de axudas destinadas a comunidades de montes veciñais en man común, pero tamén son perceptores as asociacións e agrupacións de propietarios particulares, cooperativas agrarias, proindivisos, entidades locais, comunidades de bens, montes de varas e as agrupacións forestais de xestión conxunta, incluídas as sociedades de fomento forestal (Sofor) e propietarios particulares de xeito individual.

A Consellería do Medio Rural lembra que esta convocatoria de axudas está bianualizada, polo que practicamente a totalidade da contía concedida (arredor do 90%) correspóndese ao primeiro semestre deste ano 2022. Desde a Consellería calculan que, segundo os datos do sector, estes apoios para actuacións silvícolas permiten manter arredor de 200 postos de traballo no sector forestal.

A última poxa pública de madeira, celebrada en Pontevedra, confirma o aumento de prezos

Medio rural procedeu a pasada semana á poxa pública de 19 lotes de madeira na provincia de Pontevedra, a maioría procedente de montes veciñais con convenios de xestión coa Administración. Os lotes tiñan un prezo de saída de 288.000 euros, pero a súa cotización disparouse na subasta ata case dobrarse, chegando ós 568.000 euros.

En total, os lotes suman 17.000 toneladas de madeira de piñeiro do país e eucalipto branco, xunto con cantidades menores doutras especies.

Os importes acadados na poxa confirman a suba de prezos da madeira de coníferas, chegando a superarse os 60 euros por tonelada en monte para a rolla de piñeiro do país, para aserrado, e prezos superiores aos 20 euros por tonelada para o puntal da mesma especie, destinado a trituración.

Cómpre destacar que os mellores prezos acadáronse na madeira baixo certificación de xestión forestal sustentable e enmárcanse nunha dinámica de suba da madeira, “sendo previsible que continúen á alza no futuro, pois a madeira de coníferas está sendo moi demandada internacionalmente polas súas múltiples aplicacións”, valora a Xunta.

Plataforma dixital
A poxa desenvolveuse íntegramente de xeito electrónico e puido ser seguida en directo polas empresas e persoas interesadas. O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Ademais, o sistema permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato PDF os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no portal web da Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información