Protesta diante do Parlamento galego pola perda de axudas para os produtores en ecolóxico e en zonas non declaradas de montaña

Protesta diante do Parlamento galego pola perda de axudas para os produtores en ecolóxico e en zonas non declaradas de montaña

Concentración este xoves diante do Parlamento de Galicia. Foto: SLG

Arredor de medio cento de produtores de explotacións en ecolóxico e granxas ubicadas en zonas non declaradas de montaña reclamaron este mércores en Santiago diante do Parlamento de Galicia “solucións” ante a perda de fondos deste ano, nun acto organizado polo Sindicato Labrego Galego, que está a levar a cabo unha campaña de mobilizacións para esixir “medidas para as granxas discriminadas pola Consellería do Medio Rural no acceso ás axudas públicas”. 

A secretaria xeral do SLG, Isabel Vilalba, lembrou que este ano acadouse a incorporación de 150 novas granxas ao modelo ecolóxico, as cales viñéronse a engadir ás 100 explotacións que non puideron solicitar a axuda anteriormente. “A piques de rematar o ano, trasládaselle ao sector que faltan máis de 2 millóns de euros para estas axudas. Esta intolerable carencia de previsión por parte da Consellería do Medio Rural porá en entredito a viabilidade económica de multitude destas granxas e pequenos proxectos agro ecolóxicos”, denuncia o SLG.

“A esta perda de ingresos das explotacións en ecolóxico, úneselle a decisión da Consellaría de excluír a 8.255 granxas do acceso ás axudas por zona desfavorecida no vindeiro período da PAC 2023-2027”, asegurou a secretaria xeral do SLG, que esixiu “unha rectificación e inclusión dos pagos para zona desfavorecida ao total dos concellos calificados como tal” e non só aos declarados zona de montaña, como pretende a Consellería.

O conselleiro anuncia que traballará para dedicar máis fondos á agricultura ecolóxica nos vindeiros anos

A protesta dos produtores coincidiu co debate de senllas iniciativas de BNG e PsdeG-PSOE na que lle explicacións e unha rectificación á Consllería do Medio Rural por esta perda de axudas.

Neste sentido, o conselleiro José González, anunciou que promoverá a modificación do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) para dedicar os vindeiros anos máis fondos a apoiar a produción ecolóxica. “O Goberno galego está a estudar esta posibilidade porque é consciente do crecemento exponencial rexistrado neste sector nos últimos tempos e, de maneira sorprendente, no último ano”, sinalou o responsable de Medio Rural.

O conselleiro advertiu que na última década a superficie inscrita en Galicia polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) “rachou todas as expectativas” e aumentou un 127%, ata superar as 45.500 hectáreas no primeiro semestre de 2022. Ademais, José González lembrou que esa superficie “medrou no último ano por riba do 40%, unha variación que -trasladou- se afasta moito de calquera proxección que se puidera facer ao respecto”. Así, as superficies en ecolóxico pasaron de incrementarse de media anual en menos de 2.000 hectáreas nos últimos seis anos -sendo a suba de apenas 150 hectáreas no 2021- a medrar ata 13.000 hectáreas entre 2021 e 2022. Un crecemento que González cualificou como “exponencial” e que -remarcou- “ninguén podía prever”.

Todo isto fixo que, segundo aclarou o conselleiro, de cara ao PEPAC, no vindeiro ano xa se incrementaran os fondos para agricultura ecolóxica en preto dun 23%, ata chegar aos 3,9 millóns de euros, e anunciou que “vanse seguir incrementando, co fin de asegurar que esta tendencia vaia acompañada dun volume de fondos que permita que a evolución da agricultura en ecolóxico sexa a de continuar medrando”.

Por último, nesta mesma liña, o conselleiro anunciou que na vindeira reunión do Consello Agrario Galego, que se convocará en xaneiro, abordaranse entre outros asuntos estas melloras nas dotacións das axudas da PAC, en beneficio da agricultura ecolóxica.

“O conselleiro só pon excusas”

Porén, resposta do responsable de Medio Rural non convenceu á secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas. “Na súa resposta, o conselleiro  o único que fixo foi confirmar que segue sen pór solucións e sen asumir responsabilidades. É un especialista en buscar excusas para o único real, que é o feito de que non está a pór as axudas necesarias para que o sector ecolóxico se desenvolva neste país, un territorio no que, malia o noso extraordinario pontencial, só temos un 5,15% da Superficie Agraria Útil en ecolóxico, moi lonxe do obxectivo do 25% para 2030 establecido na Unión Europea”, criticou Isabel Vilalba.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información