Propostas para “evitar o colapso” do ecosistema de cabalos en semiliberdade en Galicia

Científicos da Universidade da Coruña remiten á Comisión Europea un estudo no que recollen a necesidade de poñer en marcha accións para salvagardar as bestas nos montes galegos

Propostas para “evitar o colapso” do ecosistema de cabalos en semiliberdade en Galicia

Cabalos salvaxes na Serra da Groba. // Foto de Laura Lagos.

“O sistema tradicional dos cabalos en semiliberdade, as bestas, está en perigo en Galicia”. Así o recolle o informe presentado este xoves no marco do proxecto Life GrazeLIFE, unha iniciativa financiada pola Unión Europea que promove a xestión sustentable do territorio mediante o pastoreo e o uso de grandes herbívoros. Un equipo de científicos da Universidade da Coruña, liderados polo profesor Jaime Fagúndez, que participaron neste traballo advirten de que “deben tomarse accións para previr o colapso do sistema tradicional de bestas de Galicia, antes de que sexa demasiado tarde”, reivindican.

O equipo de profesionais presentou á Comisión Europea as conclusións deste informe e reclaman ás Administracións medidas urxentes para frear o deterioro destes herbívoros, dado que son un valor cultural e emocional nas comunidades rurais, ademais de xerar biodiversidade e contribuir a reducir o risco de incendios forestais.

Os traballos realizáronse na Serra da Groba, en Pontevedra, e na Serra do Xistral, en Lugo, onde as mandas de bestas afrontan problemas de diversa índole que comprometen a súa supervivencia.

No informe, á marxe de analizar a situación na que se atopan as mandas de cabalos, tamén se recollen unha serie de propostas coas que mellorar a situación das bestas no monte, entre as que figuran as seguintes:

-Permitir que os animais poidan estar no monte sen microchip, tal e como recolle a excepción incorporada no Regulamento Europeo EU 2015/262 para este tipo de poboacións de équidos.

-Habilitar un sistema público de seguro a terceiros para cabalos en liberdade.

-Establecer medidas como peches perimetrais para evitar accidentes nas zonas próximas ás estradas.

-Mellorar a sinalización de tráfico para advertir da presenza das bestas.

-Pagamento por presenza de lobos en lugar de indemnización de danos por cada ataque.

-Impulsar o turismo de natureza asociado aos cabalos.

-Axudas da PAC baixo o criterio de conservación do hábitat.

-Cambios no cálculo da carga gandeira cando hai bestas.

-Evitar a transformación dos queirogais en usos de menor valor ecolóxico e cultural, como os eucaliptais ou os pastizais artificiais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información