A Asociación Forestal de Galicia (AFG), que celebrou esta fin de semana en Forcarei a súa XXXIII Asemblea Xeral, acordou unha serie de propostas para a revisión da normativa de prevención de lumes. Os propietarios forestais avogan por unha normativa realista, que sexa posible aplicar na práctica, e que sirva para mellorar a seguridade pública. Ó longo dos próximos meses, a Asociación Forestal de Galicia contactará co resto de entidades da cadea da madeira para desenvolver propostas de consenso.
Os primeiros pasos para encarar a revisión da normativa déronse esta semana. Unha delegación da Asociación Forestal de Galicia (AFG) mantivo unha reunión co director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández Couto, para avanzarlle a necesidade de cambios, unha cuestión na que, segundo a AFG, estivo de acordo Fernández Couto, quen comprometeu unha próxima revisión da normativa.
Desde a óptica da Asociación, un dos principais problemas radica na magnitude das cortas e desbroces que esixe a actual Lei en torno a vivendas e núcleos de poboación, nas chamadas redes secundarias de xestión da biomasa. O colectivo calcula que só por esas redes secundarias sería precisa a corta do arborado e a roza anual dunhas 150.000 hectáreas, “cando en Galicia non existen medios humanos nin técnicos para acometer nin un 10% deses traballos”, sosteñen.
Territorialización das medidas de prevención
En consecuencia, a Asociación Forestal de Galicia é partidaria dunha territorialización das medidas de prevención. Ao entender da entidade, os criterios de prevención deben ser distintos en función dos riscos de lume que hai en cada comarca, “xa que en Galicia hai determinadas zonas con problemas estruturais de lumes, como por exemplo parte da provincia de Ourense, e outras zonas onde a declaración de incendios e os riscos asociados ós mesmos son escasos”.
Sistema público de xestión da biomasa
A Asemblea Xeral da AFG pediu tamén que a Xunta poña en marcha un sistema financiado integramente con fondos públicos para a xestión da biomasa, de xeito que se garanta a seguridade pública da cidadanía. Para tal fin, os propietarios forestais “poñemos a disposición os terreos precisos no entorno de vivendas, núcleos de poboación e vías de comunicación”, subliñan.
De cara a financiar o sistema, a Asociación Forestal considera que a Xunta deberá facer as oportunas xestións a nivel europeo, “pois os incendios no sur de Europa constitúen un problema de seguridade pública para o que a UE está a ofrecerlle colaboración ós Estados membros”.
Naquelas zonas con maiores riscos, a Asociación Forestal de Galicia avoga tamén pola posta en marcha de plans de emerxencia que inclúan formación á poboación sobre que facer e que non facer en caso dun incendio forestal.
Cambios na Lei do Solo
Outro dos eixos sobre os que o colectivo considera preciso actuar é no desorde urbanístico que se produce en Galicia na interfaz forestal, pois a proliferación de vivendas e novas urbanizacións colindantes co monte xera situacións de risco en caso de incendios forestais.
A Asociación Forestal de Galicia aprobou na súa Asemblea de onte trasladarlle á Xunta a necesidade de modificar a Lei do Solo para que toda nova construcción que se ubique nas proximidades de áreas forestais estea obrigada a garantir o cumprimento da normativa de prevención de incendios, en especial no tocante ás distancias de separación entre o arborado e as novas construccións.
Para iso, a Asociación Forestal propón que o promotor da vivenda ou urbanización asuma a xestión da biomasa nas distancias que marque a normativa. Eses terreos deberán ser do promotor da obra ou éste deberá establecer un convenio de mutuo acordo cos propietarios forestais afectados para a xestión da biomasa.