A prohibición de novas plantacións de eucalipto entra en vigor o 3 de xullo

A moratoria que regula a especie estará en vigor ata decembro do 2025, salvo que os datos do inventario forestal continuo de Galicia, que estarán dispoñibles nuns meses, aconsellen a modificación da medida

A prohibición de novas plantacións de eucalipto entra en vigor o 3 de xullo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Lei de Recuperación da Terra Agraria, que na súa disposición transitoria primeira establece a prohibición de novas plantacións de eucalipto. En concreto, as novas plantacións de eucalipto quedan prohibidas desde o 3 de xullo, pois a Lei estipula que “o prazo para a execución das novas plantacións que se realicen co xénero Eucalyptus e que fosen autorizadas consonte o artigo 67 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, finalizará aos 30 días da entrada en vigor desta lei”.

Ese artigo 67 da Lei de Montes 7/2012 sinala os terreos nos que non se poden executar plantacións, tales como solo rústico de especial protección agropecuaria ou montes poboados con frondosas caducifolias. Tamén precisa que toda plantación de eucaliptos maior a 5 hectáreas necesitará autorización previa.

Por tanto, desde o 3 de xullo e ata decembro do 2025, o eucalipto só se poderá plantar en parcelas forestais onde xa sexa a especie maioritaria. Tamén no caso de repoboacións previstas en plans de ordenación forestal que fosen aprobados pola Xunta antes da entrada en vigor da Lei de Recuperación de Terras. No caso de que o plan de ordenación teña solicitada xa a súa aprobación e sexa finalmente aprobado, tamén será válido.

Outra excepción para novas plantacións dáse no caso de que un propietario teña unha masa dominante de eucaliptos, con máis da metade da superficie ocupada por pés maiores de eucalipto, e queira trasladar ese uso a outra parcela, adicando a parcela orixinal a outras especies forestais (coníferas ou frondosas caducifolias).

No caso de parcelas que teñan unha ocupación maioritaria de eucalipto e que se queiran replantar, será necesaria autorización previa se a ocupación do eucalipto é superior ao 50 % e inferior ao 80 % do total da masa.

Esta moratoria ó eucalipto estará vixente ata decembro do 2025, pero pode ser revisada antes, unha vez a Xunta teña os datos do inventario forestal continuo de Galicia.


Fe de erros: Inicialmente publicouse que a prohibición de novas plantacións entraba en vigor o 21 de xuño, pois fíxose a conta con días naturais, se ben, dado que hai que ter en conta os días hábiles, en realidade a prohibición entra en vigor o 3 de xullo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información