Podremia gris da viña: estratexias de control e uso de modelos matemáticos

Publicidade
Podremia gris da viña: estratexias de control e uso de modelos matemáticos

A podremia gris causada por Botrytis cinerea é unha das principais enfermidades da viña. Este fungo pode atacar a todos os órganos da planta (follas, inflorescencias, acios) sendo especialmente coñecidos e perigosos os ataques durante a maduración do acio, os cales poden producir perdas de colleita e de calidade da uva moi importantes.

Existen numerosos estudos que se centraron na bioloxía de B. cinerea e o efecto das condicións ambientais e a fenoloxía da vide no desenvolvemento da enfermidade (Elmer e Michailides, 2007). Nestes estudos identificáronse distintas rutas polas cales o patóxeno é capaz de infectar á viña; ao principio da estación de cultivo B. cinerea pode infectar as inflorescencias e acios novos, producindo distintos síntomas: o murchado das inflorescencias, o desenvolvemento de infeccións latentes nos bagos, ou a colonización saprofítica dos residuos florais. Posteriormente, a partir do envero, as infeccións latentes faranse visibles sobre os bagos e ademais pódense producir novos ataques de B. cinerea debido ao inóculo que se formou nos residuos florais ou ao contacto dun bago infecto con outro san (denominado en inglés ?berry-to-berry infection).

Debido a este ciclo de vida complexo, a estratexia de defensa máis común contra a podremia gris baséase en catro tratamentos a calendario:

-A-fin de floración (BBCH 69),

-B- pre peche do acio (BBCH 77),

-C-envero (BBCH 83) e

-D- pre colleita (BBCH <89).

Esta estratexia baseada en catro tratamentos garante unha boa protección do viñedo, pero presenta algunhas limitacións xa que, ao non considerar o risco real de infección, pódense dar tratamentos innecesarios. Estes tratamentos innecesarios afectan á economía do viticultor e ademais levan problemas ambientais, de saúde pública e de aparición de poboacións resistentes aos funxicidas.

Cal é a mellor estratexia de control da podremia gris?

Co obxectivo de identificar as mellores estratexias de tratamento González-Domínguez e colaboradores (2019) avaliaron de forma conxunta os resultados de 116 probas de campo de eficacia funxicida mediante unha meta-análise.

Avaliáronse 14 estratexias de tratamento fronte á podremia gris baseadas na aplicación dun (A, B, C ou D), dous (AB, AC, BC, BD, CD), tres (ABC, ACD, ABD, BCD) ou catro (ABCD) tratamentos durante a estación de cultivo.

O resultado do meta-análise confirmou que cando a presión da enfermidade é alta, é necesario realizar o catro tratamentos (ABCD), mentres que en anos con condicións menos favorables para B. cinerea, cun número menor de tratamentos pódese garantir un bo nivel de control. Os resultados do estudo mostraron que o tratamento en floración (A) é máis eficaz que o tratamento en pre-peche (B), e ademais é máis flexible xa que permite dar os catro tratamentos se durante un ano as condicións climáticas son moi favorables para a podremia gris (Figura 1).

Este resultado é contrario a moitas das recomendacións actuais, que prescinden do tratamento en floración como estratexia para reducir o número de aplicacións. A importancia deste tratamento ten sentido desde o punto de vista epidemiolóxico, xa que este tratamento reduce:

1) as infeccións latentes que se producen en floración (e que só son visibles a partir do envero) e

2) a infestación dos residuos florais colonizados por B. cinerea.

O control simultáneo destas dúas rutas de infección reflíctese no desenvolvemento da enfermidade, reducíndose a súa severidade final no momento da vendima. En cambio o tratamento en B non actúa sobre as infeccións latentes, xa que unicamente é capaz de desinfestar os residuos florais.

Ademais, ao elixir como tratamento temperán o tratamento en pre-peche, se despois as condicións a partir do envero son moi favorables para B. cinerea, unicamente poderase seguir unha estratexia BCD, con menor eficacia que as estratexias ACD e ABCD (Figura 1).

Por tanto, o tratamento en pre-peche só parece necesario se se adopta unha estratexia de 4 tratamentos; en caso contrario, as estratexias que combinan un tratamento en floración con tratamentos ao final da campaña (AC, CD ou ACD) son as máis eficaces.

botrite viñedo ELSA GARCIA 1Figura 1. Eficacia das distintas estratexias de tratamento para o control da podremia gris en viñedo, expresadas como porcentaxe de redución respecto ao control non tratado. As estratexias son combinacións de tratamentos aplicados na (floración, BBCH69), B (pre-peche do acio, BBCH77), C (envero, BBCH83) e D (pre-colleita, BBCH<89). Resultados de González-Domínguez e colaboradores (2019).

Predición do risco de infección de Botrytis cinerea en viña: desenvolvemento dun modelo matemático

Como vimos anteriormente o número mínimo de aplicacións funxicidas fronte á podremia gris depende da presión do patóxeno, que á súa vez depende das condicións ambientais, do estado do viñedo, e da fenoloxía e susceptibilidade da viña. En 2015 González-Domínguez e colaboradores desenvolveron un modelo matemático baseado na epidemioloxía e o ciclo biolóxico de B. cinerea, o cal permite predicir o risco de infección no viñedo. En función das condicións climáticas o modelo predicir o risco de infección en dous períodos; no primeiro período, que vai do estado fenolóxico de “inflorescencias visibles” (BBCH53) a “bago tamaño perdigón” (BBCH 73), o modelo calcula o risco das infeccións causadas por conidios sobre inflorescencias e acios novos. Durante o segundo período, que vai de “a maior parte dos bagos tócanse” (BBCH79) a “madurez de colleita” (BBCH89), o modelo predí o risco de infección en acios maduros por conidios e por micelio ao contacto entre os bagos. O modelo calcula variables de risco diarias e combínaas mostrando unha estimación do nivel de risco de enfermidade que haberá no momento da vendima.

botrite viñedo ELSA GARCIA 2Figura 2. Diagrama de fluxo do modelo previsional do risco de infección de Botrytis cinerea no viñedo. O modelo considera dúas fases principais de risco. O primeiro período (en verde) vai do estadio de “inflorescencias claramente visibles” (BBCH53) a “bago tamaño perdigón” (BBCH73). O segundo período (en laranxa) vai do estadio de “a maior parte dos bagos tócanse” (BBCH79) a “madurez de colleita” (BBCH89).

Neste traballo incluíuse a validación do modelo con datos de 21 epidemias de B. cinerea observadas entre 2009 e 2014 en distintas rexións vitícolas de Italia (Emilia-Romaña, Friuli) e Francia (Bordeus), sendo capaz de predicir correctamente a severidade do 81% delas. O modelo estivo posteriormente validado nas mesmas rexións ademais de en España (en viñedos de Biscaia e Rioxa Alavesa). Os resultados confirmaron a validez do modelo e a importancia das infeccións latentes, xa que cando estas tivéronse en conta (mediante ensaios de incubación), a súa habilidade para predicir correctamente as infeccións incrementouse até máis do 87% (Fedele e colaboradores, 2020).

Nas Figuras 3 e 4 móstrase un exemplo da saída do modelo durante os anos 2017 e 2018 respectivamente nun viñedo localizado no municipio das Neves (Pontevedra).

O modelo predí en función das condicións climáticas o desenvolvemento diario das infeccións e o seu valor acumulado. A partir destes valores, o sistema estima o risco de aparición da enfermidade (barra horizontal superior en C). O ano 2017 foi pouco chuvioso durante a primavera, con só 30 litros/m2 caídos durante o mes de abril; isto fixo que o risco de podremia gris durante a maior parte da campaña fose leve, incrementándose a mediados de setembro debido ás choivas de agosto (Figura 3C). En cambio, a primavera de 2018 foi máis chuviosa, con case 200 litros/m2 caídos durante o mes de abril; neste caso o risco subiu a intermedio a finais de maio e creceu até severo a inicios de xuño, nun período no que a viña atopábase en plena floración.botrite viñedo ELSA GARCIA 3

Figura 3. Exemplo de saída do modelo previsional do risco de infección de Botrytis cinerea nun viñedo das Neves (Pontevedra) no ano 2017. A: predición do grao de esporulación do patóxeno; B: infección diaria en inflorescencias e acios novos (barras vermellas) e en acios maduros debido aos conidios (barras laranxas) e ao micelio (barras amarelas). C: as liñas mostran o risco acumulado para cada unha das rutas de infección. A barra horizontal na parte superior marca se o risco de podremia en colleita será leve (verde), intermedio (amarelo) ou severo (vermello).

botrite viñedo ELSA GARCIA 4

Figura 4. Exemplo de saída do modelo previsional do risco de infección de Botrytis cinerea nun viñedo das Neves (Pontevedra) no ano 2018. A: predición do grao de esporulación do patóxeno; B: infección diaria en inflorescencias e acios novos (barras vermellas) e en acios maduros debido aos conidios (barras laranxas) e ao micelio (barras amarelas). C: as liñas mostran o risco acumulado para cada unha das rutas de infección. A barra horizontal na parte superior marca se o risco de podremia en colleita será leve (verde), intermedio (amarelo) ou severo (vermello).

O modelo matemático permite estimar, ao longo da estación de cultivo, a gravidade das infeccións de B. cinerea no momento da vendima. O modelo prové informacións útiles para decidir se é necesario realizar ou non un tratamento fitosanitario nos momentos claves: floración, pre-peche, envero ou pre-colleita. O modelo atópase actualmente a disposición dos viticultores españois dentro do sistema de axuda á toma de decisións vite.net®.

vite.net®: sistema de axuda á toma de decisións para a xestión sustentable do viñedo

A directiva europea 128/2009/EC relativa ao uso sustentable de fitosanitarios obriga á aplicación dos principios de xestión integrada de pragas e enfermidades (IPM) na agricultura co obxectivo de reducir o impacto negativo dos fitosanitarios na saúde humana e o medio ambiente.

Unha das claves das estratexias IPM é protexer os cultivos unicamente cando é necesario: por tanto, a decisión de tratar un cultivo debe vir precedida dunha avaliación de riscos que teña en conta as condicións ambientais e agronómicas locais, e estar apoiada nun monitoreo das enfermidades ou pragas a tratar.

Neste contexto europeo, os sistemas de soporte á toma de decisións (en inglés Decision Support Systems, DSS) supoñen unha das ferramentas máis prometedoras para o apoio ás estratexias IPM no manexo dun cultivo.
vite.net é un sistema de apoio á toma de decisións desenvolvido por Horta (www.horta-srl.com), unha spin off da Università Cattolica do Sacro Cuore (Piacenza, Italia). O DSS é capaz de recoller información a tempo real de diferentes compoñentes do viñedo (aire, chan, planta, pragas e enfermidades) e, mediante unha ferramenta web, analizar eses datos utilizando técnicas modelísticas avanzadas. O DSS produce información actualizada acerca dos aspectos claves do manexo do viñedo, entre eles, a fenoloxía do cultivo e o desenvolvemento vexetativo, o risco de infección das principais enfermidades (mildiu, oídio, podremia gris e black rot) e pragas (polilla do acio, escafoideos e planococcus), a protección debida ao último tratamento funxicida, a dose óptima de aplicación, ou o balance hídrico (Figura 5). A integración de toda esta información nun único sistema resulta útil para a planificación da estratexia de defensa a adoptar e do tipo de produto a utilizar, axudando ao viticultor a tomar a decisión xusta no momento xusto.

botrite viñedo ELSA GARCIA 5Figura 3. Exemplo de saída de vite.net. Nela móstrase a información resumida para a xestión das enfermidades. O DSS permite acceder á información detallada de cada un dos modelos pulsando sobre as distintas iconas.

AUTORAS:

Elisa Gonzalez-Dominguez1, Giorgia Fedele2, Vittorio Rossi2
1 Horta srl; email: e.gonzalez@horta-srl.com
2 Dipartimento di Scienze delle produzioni vegetali sostenibili DI.PRO.VE.S. Università Cattolica del Sacro Cuore – Piacenza (Italia)

BIBLIOGRAFIA:

Elmer, P.A.G.; Michailides, T.J. Epidemiology of Botrytis cinerea in orchard and vine crops. En Botrytis: Biology, Pathology and Control; Elad, Y., Williamson, B., Tudzynski, P., Delen, N., Eds.; Springer Netherlands: Dordrecht, The Netherlands, 2007; pp. 243–272.

González-Domínguez E, Caffi T, Ciliberti N, Rossi V (2015) A mechanistic model of Botrytis cinerea on grapevines that includes weather, vine growth stage, and the main infection pathways. PLoS One 10:1-23.

González-Domínguez E, Fedele G, Caffi T, Delière L, Sauris P, Gramaje D, Ramos‐Saez de Ojer JL, Díaz‐Losada E, Díez‐Navajas AM, Bengoa P, Rossi V (2019) A network meta‐analysis provides new insight into fungicide scheduling for the control of Botrytis cinerea in vineyards. Pest. Manag. Sci., 75: 324-332.
Fedele, G., González-Domínguez, E., Delière, L., Díez-Navajas, A.M., Rossi, V., 2020. Consideration of latent infections improves the prediction of Botrytis bunch rot severity in vineyards. Plant Diseease PDIS-11-19-2309.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información