‘Piñeiros 3.0’, como a innovación tecnolóxica mellorará a planta forestal galega

Unha xornada en Galiforest organizada pola Fundación Arume analiza a folla de ruta da mellora das coníferas

‘Piñeiros 3.0’, como a innovación tecnolóxica mellorará a planta forestal galega

Xornada da Fundación Arume en Galiforest.

Ata hai un par de anos, máis do 90% da planta de piñeiro que se plantaba cada ano en Galicia carecía de mellora xenética. Era planta maioritariamente só identificada ou seleccionada, pero que carecía das garantías que aportan os materiais xenéticos superiores, os cualificados (etiqueta rosa) e controlados (etiqueta azul), que teñen a ganancia xenética certificada. Ese escenario está a cambiar e o sector uniuse para acelerar a transferencia de plantas con mellora xenética a propietarios e comunidades de montes.

A planta mellorada que está hoxe en día nos viveiros galegos procede de sementes dos hortosementeiros de material selecto que desenvolveu nas últimas décadas o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Trátase de plantas que presentan cualidades como maiores crecementos, rectitude ou maior resistencia á praga do nematodo, que afecta ó sur de Pontevedra.

O problema é que as sementes obtidas nos hortosementeiros chegan a pouco, polo que a oferta de planta mellorada é limitada. Na cadea forestal, tomouse conciencia nos últimos anos da necesidade de acelerar a chegada dese material a monte. Así, seis viveiros galegos, coa coordinación da Fundación Arume, están a introducir unha serie de innovacións tecnolóxicas para acelerar a mellora xenética.

Ese proceso de innovación detallouno onte nunha xornada en Galiforest Francisco Lario, responsable de Material Forestal de Reproducción en Tragsa (viveiro de Maceda, Ourense). As novidades son basicamente dúas. Primeiro, coas sementes de planta mellorada, Tragsa está a proceder á embrioxénese somática, que explicado de xeito sinxelo, quere dicir que a partir de cada semente xéranse decenas de embrións que darán lugar a futuras plantas.

En segundo lugar, esas plantas permitirán a creación de campos de plantas nai, dos que se extraerán cada ano estaquillas con capacidade de enraizar. Así, dunha soa semente, nun prazo de catro anos, poden saír milleiros de plantas.

No proceso, contarase coa asistencia técnica permanente de dous investigadores chilenos, Fernando Droppelman e Miguel Ángel Peredo, que estiveron de estadía no último mes en Galicia convidados pola Fundación Arume. Esa colaboración é unha garantía para o sector en Galicia, pois Chile ten unha experiencia de máis de 40 anos na mellora xenética do piñeiro radiata, da que é un referente mundial.

En Galicia, ademais de mellorar o piñeiro radiata, tamén se mellorará o piñeiro do país (‘Pinus pinaster’), pois ambas especies presentan na actualidade unha importancia similar no monte galego.

Procedencias, forestacións e frondosas
A xornada de Galiforest sobre planta mellorada abordou tamén unha serie de debates complementarios, como a a necesidades de facer “forestacións melloradas”, en palabras de Isabel Álvarez (viveiros Braña), “para que esa planta mellorada exprese o seu potencial no monte”.

O director da Asociación Forestal de Galicia, Francisco Dans, plantexou tamén a necesidade de que haxa un maior control sobre a planta foránea que ofrecen os viveiros galegos, pois indicou, “o propietario ten que ter información sobre as procedencias e garantías desas plantas”. En concreto, Dans aludiu á chegada a Galicia de partidas de planta de ‘Pinus taeda’, que ten a virtude de presentar unha alta resistencia ó nematodo, pero que xenera dúbidas sobre a súa adaptación a Galicia.

O traballo sobre a mellora xenética das frondosas que está desenvolvendo o viveiro Cultigar ou a introdución de micorrizas na planta forestal por parte de Hifas Foresta foron outros dos asuntos abordados.

Na mesa redonda sobre planta mellorada, onte en Galiforest, interviron Isabel Álvarez (Braña SCL), Enrique Fandiño (xerente de Hifas Foresta), Margarita Fraga (directora técnica de Cultigar, Fundación Paideia), Francisco Lario (responsable de proxectos MFR Tragsa) e José Martel (xefe do servizo de Saúde e Vitalidade do Monte. Dirección Xeral de Ordenación e Planificación Forestal); coa moderación de Enrique Martínez Chamorro (director Centro de Investigación Forestal de Lourizán).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información