Gandeiras e gandeiros afectados polas “graves eivas” da campaña de saneamento da Consellaría do Medio Rural reuníronse novamente esta semana en Abadín co obxectivo de continuar organizándose para esixir á Xunta a “subsanación inmediata das demoras e descoordinación” neste servizo de sanidade animal. As xuntanzas están auspiciadas polo Sindicato Labrego Galego.
As granxas afectadas están recabando apoios para presentar á Consellería un escrito no que, ademais de denunciar a situación destes últimos meses, solicitan que se concrete á maior brevidade posible unha xuntanza co conselleiro, José González.
Presentan ademais a seguinte batería de propostas e peticións:
- Que dadas as características da maioría das explotacións nesta zona (granxas en extensivo) a campaña se execute a principios da primavera.
- Que se faga o saneamento por barrios e de forma continuada, en lugar do que se fixo este ano que se estaban saneando varias parroquias a un tempo, prolongándose os traballos máis de dous meses nalgún caso.
- Que cando se compre un animal ou se solicite información dun en Sanidade Animal, se proporcione en poucos días o seu historial e procedencia en caso de ser un animal procedente dunha zona ou explotación de risco, de maneira que non se tarde meses en proporcionar esta información os gandeiros.
- Que se informe dos criterios xerais de marcado dos animais, en lugar de “matar por matar”.
- Que se proporcione a cada gandería un informe detallado dos resultados das probas da explotación e criterios individuais de marcado.
- Que en zonas onde aumentaron moito os animais sospeitosos se efectúe a proba IDTBC (Proba de intradermotuberculinización comparada) a todas as reses sospeitosas, e nas próximas campañas se leve a cabo xa coas primeiras probas no momento de sanear.
- Que se analice e revise exaustivamente a vinculación entre zonas ou explotacións.
- Que se posibilite sacar os xatos para a explotación e cebadeiros.
- Que as reses que queden en seguimento, se desbloqueen logo de varias campañas sen reaccionar.
- Que se inspeccione a empresa adxudicataria para verificar a correcta execución do contrato e a dotación do persoal suficiente.
- Que se realice un estudo e seguimento da fauna salvaxe como posible transmisor das enfermidades.