Queixas pola campaña de saneamento da Xunta en Abadín: “Pasamos de súpeto dun 0% a un 80% de positivos”

Queixas pola campaña de saneamento da Xunta en Abadín: “Pasamos de súpeto dun 0% a un 80% de positivos”

Reunión celebrada a pasada semana en Abadín

A pasada semana gandeiras e gandeiros afectados polo que consideran “eivas actuais da campaña de saneamento animal da Xunta de Galicia” reuníronse en Abadín para comezar a articularse e esixir responsabilidades ao Servizo de Gandaría (Sanidade Animal) da Consellaría do Medio Rural.

Representantes do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) participaron nesta xuntanza para esixir unha solución a unha campaña de saneamento gandeiro que na zona “comezou tarde, mal e dunha forma desorganizada, co prexuízo económico que está ocasionando para as ganderías”. “É difícil de entender -subliñan- que dun 0% de positividade dende fai varios anos, pasemos de repente nalgunha parroquia a un 80% de positivos”.

“As persoas titulares das granxas somos as primeiras interesadas en que se detecten os animais enfermos nas explotacións, pero consideramos que hai que abordar cambios importantes na organización da campaña de saneamento, que lonxe de ir mellorando, cos anos leva sufrindo un importante deterioro, presumíbelmente froito da privatización do servizo e da redución por parte da empresa adxudicataria do persoal que executa este programa de saneamento gandeiro”, explican dende o SLG.

En concreto, no concello lucense de Abadín, onde existe unha importante cabana de gando vacún de carne, aseguran que “nalgunhas parroquias empezou o 25 de agosto e rematou o 20 de outubro, e tardaron máis dun mes en comenzar a notificar algúns resultados”. “Esta excesiva duración pola falta de organización dos equipos por parte da empresa adxudicataria do servizo trae consecuencias moi graves como as que estamos a sufrir xa”, advirten.

Falta de claridade na campaña e importante prexuízo económico para as ganderías

Ademáis, informan de que “diagnostícándose animais en seguimento sen haber unha reacción clara, só baseándose na variación de medida de calibre, non existindo un criterio claro para a marcaxe dos animais, dándose casos que con igual medida unhas reses marcábanse para o sacrificio e outras quedaban en seguimento”.

Dende o Sindicato Labrego denuncian que “nalgunha parroquia hai explotacións inmobilizadas dende fai dous meses e sen ningunha información cuns tempos excesivos de espera sen saber que animais reaccionaron ás probas e cos xatos no monte sen podelos sacar para un cebadeiro ou para cebalos na casa”. “Co inverno á porta isto vai significar un importante gasto para as explotacións que non van poder repercutir xa que os animais non van engordar e as nais vanse deteriorar ó non sacarlles os xatos no seu tempo”, advirten.

Outra mostra do que consideran mal funcionamento do servizo de saneamento é que “o pasado 20 de outubro chamáronnos a algunhas das explotacións con animais en seguimento para comunicarnos que ían proceder o día 21 á marcaxe dalgúns animais para sacrificio obrigatorio, sen facilitarnos unha información completa dos resultados das probas e os criterios aplicados en cada explotación”.

A maiores, lembran que as explotacións que aproveitan pastos no comunitario -que son a maioría- aínda que non teñan animais reaccionantes pasan a ter as explotación tamén inmobilizadas ata que que se teñan os resultados do último animal sacrificado na zona, prazo que se pode alongar entre 3 meses e 6 meses se se dá o caso dalgún animal que supere o 90% da súa xestación e ao que terían que concederlle unha prorroga.

As gandeiros e gandeiros teñen previsto manter unha nova xuntanza para o vindeiro 2 de novembro para demandar solucións á Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información