Os socios de CLAS perciben un prezo do leite un 10% superior á media española

A asemblea de Central Lechera Asturiana Sat aproba as contas do 2019, cun beneficio histórico de 2,7 millóns de euros

Os socios de CLAS perciben un prezo do leite un 10% superior á media española

Asemblea xeral de Central Lechera Asturiana Sat.

A Asemblea Xeral de Central Lechera Asturiana SAT aprobou as contas anuais do 2019 cun 79,73% de votos a favor. A Sociedade Agraria pecha 2019 cun beneficio de 2,7 millóns de euros, aliñado ao de 2018.

Neste exercicio os máis de 1.100 socios gandeiros activos (entregan leite) de Central Lechera Asturiana (CLAS) produciron preto de 398 millóns de litros de leite, o que supón o 73,6% da produción de Asturias. Actualmente os socios da sociedade agraria de transformación son máis de 7000, dos cales preto de 6.000 son excedentes. CLAS entrega o leite a CAPSA Food, sociedade da que posúe un 81,5% de participación e que en Galicia traballa coa marca Larsa.

No último ano, o prezo medio percibido polos socios gandeiros de Central Lechera Asturiana Sat está un 10% por encima do prezo medio percibido polos gandeiros de España, segundo destaca a sociedade nun comunicado de prensa. “É a mellor remuneración de España e unha das mellores de Europa”, subliñan.

Programas de apoio ás gandarías socias
No seu balance de actividades do último ano, Central Lechera Asturiana destaca os servizos e garantías que lles presta aos seus socios, entre os que figuran os seguintes:

– Sustentabilidade económica: garantía de compra, mellor prezo en orixe e repartición de dividendos.

– Sustentabilidade social: seguros agrarios, servizos de substitucións (20.000 horas en 2019) e bolsas para nenos (182 bolsas, con 50.000 euros de investimento total).

– Sustentabilidade ambiental: asesoramento de eficiencia enerxética, por medio dun convenio con EDP, que inclúe a revisión de todas as instalacións das granxas socias para adaptar as súas potencias contratadas e tarifas.

– Coidado do gando (Programa de nutrición, calidade do leite, programa sanitario ADS e control reprodutivo), xunto co Taboleiro de Xestión de Explotacións (programa de apoio na toma de decisións empresariais).

– Investimento en tanques de refrixeración para as granxas socias, 300.000 euros en 2019, co que na actualidade CLAS ten máis de 1.150 tanques que lle prestan servizo aos socios.

Na valoración do último exercicio, o presidente de Central Lechera Asturiana SAT, Alberto Álvarez, sinala que “acabamos de aprobar unhas contas que constatan a boa senda que estamos a levar nos últimos exercicios. Repetimos un beneficio aliñado ao de 2018, un beneficio histórico. Continuaremos avanzando todos xuntos para preservar e fortalecer este modelo de éxito que herdamos, mantendo a esencia da nosa sociedade, baseada no espírito cooperativista e de unidade. Traballaremos para acometer as reformas que sexan precisas para garantir a sustentabilidade das nosas gandarías familiares en todos os ámbitos: o económico, o social e o ambiental”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información